O grupo parlamentario de En Marea ben de rexistrar diversas iniciativas orientadas a que a Xunta de Galicia eleve o importe máximo da axuda ao aluguer ao 100 por cen da renda mensual, aumentar ata 600 euros o prazo máximo para alugueres na Coruña, Santiago, Ourense, Vigo e Pontevedra, e estudar para vindeiras convocatorias a realidade das persoas que comparten vivenda para poder ofertar axudas máis individualizadas evitando excluír a persoas con niveis moi baixos de rendas porque outra persoa da vivenda teña uns niveles elevados.

A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, alertou ante a situación de que “o dereito á vivenda afronta unha nova ameaza no territorio galego como é a burbulla do aluguer. Arrendar un piso é cada día máis caro e esixe maiores sacrificios á cidadanía, sobre todo nas sete cidades e nas vilas intermedias do eixo atlántico, porque é alí onde se concentra a maior actividade económica. A maior tendencia ao aluguer débese, en parte, a un cambio de mentalidade provocado pola última burbulla inmobiliaria, pero tamén á diminución da capacidade adquisitiva, á maior reticencia dos bancos a conceder hipotecas e ao aumento da mobilidade laboral derivado da precarización do emprego. Entre as razóns que explican a subida dos prezos, cómpre sinalar a diminución do número de inmobles destinados a arrendamento ordinario, xa que cada vez son máis os propietarios e propietarias que prefiren alugar as vivendas só a turistas a través de distintas plataformas.

Así no último ano, os alugueres subiron en Galicia preto dun 8 por cento, situándose na contorna do 5,7 euros por metro cadrado, unha subida que supera amplamente a dos salarios. Segundo o INE, a subida dos alugueres triplica a das nóminas. Nalgunhas cidades, a situación é aínda peor. En Vigo os alugueres subiron un 14 por cento ou na Coruña o 13 por cento. No resto das cidades, supera o 10 por cento pero o crecemento dos salarios foi de aproximadamente o 3 por cento.

Así, Vigo é a cidade que sofre os prezos máis altos, con alugueres que, en febreiro de este ano, eran de 8,5 euros por metro cadrado. Síguea A Coruña, con 7,6 euros, Santiago, con 7, Pontevedra, con 5,8, Ourense, con 5,2, e Lugo con 5. Fora das sete cidades, atopamos vilas onde a situación e aínda peor, como Sanxenxo, onde o prezo dispárase ata os 11 euros por metro cadrado.

Como resultado do aumento dos prezos, as familias galegas cada vez teñen que dedicar unha maior porcentaxe dos seus ingresos a pagar o aluguer. O 36 por cento dedica entre o 10 por cento e o 20 por cento do que gaña, pero é que o 25 por cento dedica máis do 30 por cento.

“O escenario é complexo pero pode complicarse aínda máis o presenta ano, xa que van vencer moitos contratos e os propietarios van ter liberdade para poñelos no mercado tras revisar os prezos á alza”declarou Paula Quinteiro.

A situación é moi delicada para o conxunto da cidadanía, pero moi en particular para a mocidade, que foi a gran prexudicada durante a crise e o continúa sendo agora que a recuperación comeza a despuntar. Isto refléxase de maneira moi clara nas súas propias expectativas. “Se queremos que a mocidade faga a súa vida na nosa terra, temos que mudar isto, prestándolle a axuda que precisa para que poida desenvolver os seus proxectos de futuro. E iso pasa, necesariamente, por facerlle accesible a vivenda”defendeu  Quinteiro.

Recentemente, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda convocou axudas á mocidade para o aluguer de vivenda habitual e permanente, unha medida que teríamos que celebrar e que, non obstante, vémonos na obriga de criticar. As axudas son insuficientes e as condicións non permiten satisfacer as necesidades da mocidade. Ademais estas axudas ignoran unha realidade que cada día está máis presente no noso país que é a de compartir piso por persoas traballadoras precarias que non teñen ningún outro vínculo e niveis de rendas moi diferentes, polo que habería que camiñar cara unhas axudas que tiveran en conta esta situación e foran máis individualizadas.

Por este motivo, o grupo de En Marea levará ao Parlamento a súa proposta para instar á Xunta de Galicia a:

  •  Elevar o importe máximo da axuda ao 100% da renda mensual.
  • Aumentar ata 600 euros o prezo máximo superior para as cidades de A Coruña, Santiago de Compostela, Ourense, Vigo e Pontevedra.
  • Estudar para próximas convocatorias a realidade de persoas que comparten vivenda pero que teñen un niveis de rendas moi diferentes para poder ofertar axudas máis individualizadas. Evitando excluír a persoas con niveis moi baixos de rendas porque outra persoa da vivenda teña uns niveles elevados.

Deja un comentario