O grupo parlamentario de En Marea ben de rexistrar no Parlamento de Galicia unha serie de iniciativas nas que se pide instar á Xunta de Galicia a promover as modificacións lexislativas e normativas precisas para que no procedemento de avaliación para a implantación de instalacións de residuos industriais sexa obrigatorio o trámite de avaliación ambiental integrada ordinaria.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, salientou tamén a necesidade de modificar a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia para garantir que só excepcional e motivadamente se poidan implantar este tipo de instalacións en solo rústico de protección ordinaria, fixando a prohibición no solo rústico de especial protección.

Así mesmo desde En Marea fan un chamamento a revisar os Plans de Xestión de Residuos de Galicia incluíndo unha serie de medidas vinculantes para determinar a idoneidade das situacións das plantas de tratamento de residuos industriais incluíndo, cando menos, para a situación en solo rústico de protección ordinaria a xustificación sobre a insuficiencia de capacidade de tratamento na zona, a inexistencia de solo industrial.

Tal e como lembrou o deputado Antón Sánchez “nos últimos tempos sucedéronse conflitos sociais polos proxectos de instalacións de valorización ou vertedoiros de residuos industriais en varios lugares de Galiza como en Santa Icía, Arteixo, Lousame, Teo ou A Laracha, e pola xestión de vertedoiros existentes pola súa afección medioambiental e social”.

No Plan de Xestión de Residuos Industriais de Galiza indícase unha serie de criterios de selección de emprazamentos que se deben de cumprir, pero que non se están a cumprir, nomeadamente os criterios para a situación das instalacións. Entre os criterios sinalados están a calidade das vías de comunicación, os accesos, e o feito de que “prioritariamente” as instalacións de valorización de residuos se situaran preferentemente en solo industrial.

“Só de non ser posible a implantación nun solo industrial próximo aos centros produtores serán autorizables noutras categorías de solo” asegurou Sánchez.

A realidade tal e como salientou o viceportavoz de En Marea, “é que as empresas están a buscar prioritariamente emprazamentos en terreos clasificados como solo rústico na maioría dos casos, polas vantaxes económicas que iso supón, deixando de lado os criterios ambientais e de afección á vida das persoas”.

O primeiro principio reitor que se sinala no PRIG é a protección da saúde humana e o medio, principio fundamental, que pretende garantir a non xeración de riscos para auga , o aire, ou o solo, nin para a fauna e a flora, non se causarán incomodidades por ruído ou olores e tampouco se atentará contra paisaxes nin lugares de interese legalmente protexidos.
Na diagnose da situación actual do plan xa se sinalaba que en Galiza hai suficiente capacidade de tratamento para a actual produción de residuos, que xunto co obxectivo de reducir a súa produción no futuro debe de facer chegar á conclusión de que a política a desenvolver debe de ser moi restritiva na selección da situación das instalacións de valorización ou eliminación de residuos industriais. “Estase xeneralizando vertedoiros en solos rústicos de protección para maior negocio das empresas” afirmou Antón Sánchez.

“Nunca debe de primar o interese económico da empresa diante da necesidade de conservación dos valores ambientais ou da saúde das persoas” afirmou Antón Sánchez e por este motivo o grupo de En Marea levará ao Parlamento para o seu debate en comisión esta iniciativa coa que se trata de poñer fin ao problema dos vertedoiros de residuos industriais no noso país.

O viceportavoz de En Marea lamentou que a ´concelleira a media xornada`, Beatriz Mato, estea máis preocupada pola súa campaña á alcaldía da Coruña que pola preservación ambiental ao tempo que “serve de parapeto protector das empresas fronte a impotencia dos veciños e veciñas que teñen que ser eles os que fagan que se garanta a lexislación”.

Deja un comentario