A deputada de En Marea, Paula Quinteiro, defendeu no pleno do Parlamento galego unha proposición non de Lei do seu grupo na que se instaba á Xunta de Galicia a defender as traballadoras do sector de produtos do mar en folga na actualidade para reclamar unhas condicións laborais xustas. Así, as primeiras palabras da deputada de En Marea foron para agradecer e recoñecer a loita de todas estas traballadoras e traballadores que están mobilizándose nestes tempos para defender os seus dereitos ao longo do país.

“Falamos do sector de produtos elaborados do mar, un sector estratéxico, fortemente feminizado, no que as traballadoras levan tempo vendo como as súas condicións laborais van empeorando” indicou Quinteiro que asegurou que a non é unha excepción, “por desgraza só é un exemplo máis”. “A precariedade e a explotación definen o mercado laboral galego” denunciou.

Como parecía previsible hai dúas semanas as negociacións continúan bloqueadas como informou Paula Quinteiro e todo a pesar do anuncio que podía facer pensar que a patronal cambiara de actitude, “o certo é que non” senón que o que fixeron foi engadir máis tensión a situación.

“Queremos aproveitar esta intervención para condenar a violencia policial que se viviu na xornada de folga do 31 de Outubro, nas portas de Cabomar, en Marín” declarou Paula Quinteiro. “É inadmisible que nunha folga que se desenvolveu en todo momento sen ningún tipo de violencia por parte dos piquetes, aparecera un despregue policial  totalmente desproporcionado, que rematou con agresións a varias traballadoras. É inaceptable que mulleres concentradas de maneira pacífica teñan que ser trasladadas ao hospital por culpa das cargas policiais. Cando o único que facían era defender os seus dereitos” engadiu.

As peticións destas traballadoras é clara e sinxela que se desbloquee a negociación do convenio colectivo para poder rematar coa precariedade laboral que padecen, unha esixencia compartida polo grupo parlamentario de En Marea “porque a situación que viven estas traballadoras non admite demora”. Así, entre outras cuestións apuntou á necesidade de rematar coa temporalidade. “No sector do que falamos hoxe o abuso das subcontratacións a través de empresas de traballo temporal e de empresas multiservicios é tan masivo que demasiadas veces a porcentaxe deste tipo de contratación é moi superior que a do persoal estable da equipa de traballadoras” explicou Paula Quinteiro. Una actuación que a única finalidade que ten é abaratar despedimentos, salario e reducir dereitos.

Ademais, contan cun dos peores convenios de todo o ámbito da alimentación, con salarios de miseria, moitas non cobran nin sequera 800 euros o mes. Con xornadas excesivas, nun túnel de frío, con humidade, sen cobrar ningún plus como o de refrixeración “e con realidades tan absurdas e inaceptables como que os 15 minutos de descanso para un bocadillo descóntanselle do salario anualmente” engadiu a deputada de En Marea.
“Non é posible chegar a fin de mes, pagar as facturas, a comida, o aluguer ou a hipoteca, con menos de 800 euros o mes. Non é posible conciliar coas limitacións e as trabas que teñen estas mulleres. Temos unha lei de igualdade, temos un plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade, e como se traduce isto na realidade? Conciliar debera ser un dereito. Poder coidar non é un privilexio” incidiu Quinteiro.

Hai 15 días o grupo de En Marea preguntaba á Xunta de que lado ía estar se a patronal rompía as negociacións. “Hoxe a situación é a mesma que no punto de partida deste conflito. E queremos saber se realmente van a colocarse do lado dos dereitos das traballadoras” explicou a deputada de En Marea.

Por este motivo, o grupo parlamentario levou á Cámara galega esta iniciativa reclamando unha intervención máis decidida por parte do goberno galego e asumir a responsabilidade que teñen. “Non nos valen as escusas, estamos falando dun convenio estatal, porque non esquezamos que a gran maioría das traballadoras están no noso país” salientou e lembrou que se trata de empresas que reciben importantes  subvencións públicas.

“Entendemos que ante esta situación, non caben as posturas equidistantes. Porque dun lado está quen defende os seus dereitos e do outro quen condena a explotación e a miseria, negándose a dialogar” concluíu Paula Quinteiro.

DEJA UNA RESPUESTA