Por canto tempo máis vai utilizar o Partido Popular as institucións en beneficio propio e en detrimento do interese xeral? Esa é a pregunta que En Marea, a través do seu voceiro, formulará ao presidente da Xunta na próxima sesión plenaria do Parlamento de Galicia. E é que ao caso de abuso de poder ejercido pola Valedora do Pobo, que outorgou a dedo un posto de traballo de responsabilidade á irmá do voceiro na Cámara do PP; súmase agora un novo exemplo de corrupción institucionalizada vinculada ás filas da formación conservadora. Trátase do caso que ven de sacar á luz unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que obriga a anular a oferta de emprego de 69 prazas da Deputación de Ourense por incumprimento das condicións de igualdade, mérito e capacidade dos opositores. “Señores do PP, as institucións son da cidadanía, non súas. Basta de enchufismos e de amiguismos. Non podemos aceptar esta corrupción institucionalizada nin un minuto máis”, sentencia Luís Villares.

“As institucións non son unha axencia de colocación. O enchufismo non debe ter cabida na administración pública. Non se pode admitir que quen paga favores colocando amigos e parentes siga nin un minuto máis á fronte dunha institución. É unha cuestión de decencia democrática”. Así explica o voceiro de En Marea o sentir da formación en relación a episodios como o que ven de saír á luz na Deputación de Ourense ou o da Valedora do Pobo. Quen, tal e como asegura Villares, debería “dimitir de forma inmediata”.

En Marea considera que todo o que é necesario coñecer en relación ao nomeamento de María Puy Fraga como xefa de servizo de Persoal e Administración “está explicado na sentenza, e o único que lle queda á Valedora é asumir responsabilidaes políticas por un nepotismo obvio, por un pago de favores clientelar evidente”, indica o voceiro; que lamenta que “o verbo dimitir non estea no diccionario do Partido Popular”.

Villares lembra que o debate sobre o caso da Valedora no vindeiro pleno se producirá grazas á presión exercida pola oposición, que tiña solicitado a convocatoria dunha sesión extraordinaria para abordar este asunto no caso de que o tema non fose incluído na orde do día da próxima sesión.

Así as cousas, o voceiro de En Marea destaca que a petición de dimisión da Valedora do Pobo chegará ao Parlamento grazas á “presión exercida polos grupos”. E destacou o veto exercido polo Partido Popular, que empregou a súa maioria na Cámara para impedir que os grupos dispoñan de quenda de réplica no debate plenario sobre este asunto.

Paramos, Meirás, sanidade pública e equiparación salarial para os docentes

Noutra orde de cousas, En Marea levará ao pleno da próxima semana unha proposición sobre publicidade sanitaria e sociosanitaria. “É necesario regular o sector e acabar coas situacións de abuso que se producen pola falta de regulación”, explica o voceiro, que incide na necesidade de impulsar medidas para garantir “que a sanidade sexa percibida como servizo público, e que os que pretenden facer negocio con ela se ateñan a unhas regras. A sanidade pública non pode valer para facer negocio por parte dalgunhas empresas. Por iso levamos tamén ao pleno unha moción sobre as actuación que a Xunta debe efectuar para velar polos axeitados servizos de mantemento no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo”, explica Villares.

A situación de abandono en que se atopan afectados pola explosión da pirotecnia de Tui tamén será tratada no próximo pleno; ao que En Marea levará a petición de posta en marcha dun plan de asistencia psicolóxica para as vítimas. Así como unha solicitude para que a Xunta cubra o 100% do custe das vivendas destrozadas ou danadas.

“A Xunta ten que ser a que coordine todo o relativo ás axudas e indemnizacións”, indica Luís Villares, que denuncia a batalla aberta entre administracións para ver quen se fai cargo das pertinentes actuacións. “O que non pode ser é que uns polos outros, o desentullo sen facer”, indica o voceiro, que fai un chamamento á colaboración e chama a “remar todos na mesma dirección”.

En Marea levará ademais ao próximo pleno unha proposta de equiparación salarial dos docentes galegos, que a día de hoxe perciben uns dos salarios máis baixos do estado. Ademais, trasladará á Cámara o debate sobre os incumprimentos da lei de non discriminación das persoas LGTBI. E incidirá na necesidade de que a devolución do Pazo de Meirás se efectúe sen contraprestación económica de ningún tipo. “Agora que o PP parece que se ocupa do tema, ten moito interese en pagar á familia Franco pola devolución” dun pazo que foi adquirido mediante unha “acción de rapiña, un botín de guerra despois do levantamento do 36. Non hai nada que pagar. Xa houbo bastante co uso ilícito que a familia Franco fixo durante todos estes anos. Bastantes privilegios tiveron xa, polo que reclamamos que a solución non sexa a costa do herario público”, explica o voceiro de En Marea.

A formación tamén volverá incidir na necesidade de cambios na CRTVG que, un Venres Negro tras outro, evidencian as protestas dos propios traballadores da compañía. Nesa liña, Villares denunciou “o uso da CRTVG como panfleto de propaganda do PP en detrimento da calidade informativa e da pluralidade”.

Deja un comentario