En Marea esixe que o PSOE cumpra dende o goberno central o compromiso público coa retirada de Ence-Elnosa da Ría de Pontevedra que adquiriu no pasado, cando era aínda unha forza da oposición. A formación ve necesario que o executivo de Pedro Sánchez aproveite a excelente oportunidade para a paralización da actividade da planta que se abre neste momento; pois o 29 de xullo finaliza a súa concesión.

Cando van xa varias semanas dende que o PSOE acceder ao goberno central, nas filas de En Marea comeza a sentirse a preocupación ante o feito de que, ata o de agora, o executivo estatal non teña feito referencia algunha á retirada de Ence da Ría de Pontevedra. Unha actuación que a formación defendeu no pasado, e que o propio Sánchez abandeirou durante a campaña electoral. Así o indica Marcos Cal, que lembra ademais que se trata dunha medida que tamén se atopa recollida  no Plan de Ordenación do Litoral de Galicia, “que recoñece que esa industria non pode estar aí pola multitude de afectacións que implica”.

O deputado de En Marea entende que, cos precedentes existentes, non é de recibo que o goberno central se escude no procedemento xudicial en marcha para xustificar a paralización das necesarias medidas políticas. “Os pregos da concesión indican que se pode proceder á paralización da actividade existindo incumprimentos, e existen motivos máis que de sobra nese sentido”, afirma Cal; rotundo á hora de apuntar que de ningún xeito se entendería que o PSOE optase agora pola inacción en lugar de poñer en marcha a necesaria e comprometida solución política e administrativa.

Problemas de saúde; contaminación continuada de aire e auga; cambio de actividade (a concesión foi feita para a produción de papel e non contempla a xeración de enerxía na que actualmente tamén traballa a planta); recoñecidas molestias á cidadanía; modificación das edificacións superando o volume e a altura permitidas; transferencias da concesión realizadas sen a pertinente autorización do estado… Son algún dos numerosos incumprimentos das condicións incluídas nos pregos da concesión nas que ten incorrido Ence-Elnosa; e que, tal e como destaca o deputado de En Marea, permiten ao goberno poñer en marcha o expediente de paralización da actividade. “Polo tanto, non se pode dar prórroga. Aínda que o proceso xudicial siga, esta é unha decisión política” absolutamente xustificada, indica Marcos Cal.

A retirada da planta de Ence-Elnosa da Ría de Pontevedra suporía unha importante oportunidade para a recuperación e o desenvolvemento socioeconómico dos municipios da contorna. E é que, tal e como destaca o deputado de En Marea, a zona sobre a que se asenta foi, no pasado, unha das máis produtivas de Galicia dende o punto de vista marisqueiro. Nesa liña, Marcos Cal lembra que só dende o ano 2000 se perderon na ría de Pontevedra 500 licenzas marisqueiras; e os datos extraoficiais falan da posible perda de máis de 1.000 postos de traballo ligados a ese sector dende a instalación da papeleira.

O deputado tamén quixo poñer o foco sobre os beneficios que a retirada da planta suporía para a contorna pontevedresa dende o punto de vista do desenvolvemento turístico. “O saneamento da ría é importante. Precisamos unha ría saudable, pero non só por unha cuestión ambiental, senón tamén polo problema para o desenvolvemento económico da ría e dos concellos que a conforman que supón a planta de Ence-Elnosa”, apunta Cal, que lembra que a fonte de riqueza da poboación local se atopa estreitamente vinculada á explotación sustentable dos recursos da ría. “Todas podemos imaxinar o que suporía recuperar esa praia dende o punto de vista turístico para Pontevedra ou Marín”, indica.

O 29 de xullo remata a concesión de actividade da planta, polo que a formación esixe que o executivo central poña en marcha os trámites para o seu peche

En Marea lembra ademais que a prórroga aprobada polo goberno de M. Rajoy resulta inaceptable, e supón ademais “desoír os mandatos xudiciais existentes, que indicaban á administración a necesidade de incoar o expediente de caducidade”. Cal lembra tamén que a Xunta de Galicia saltou a legalidade, “tal e como vimos coa sentenza sobre a autorización ambiental irregular que fixo hai dous anos”.

” Existía unha sentenza firme de 2014 da Audiencia Nacional que instaba a incoar o expediente de caducidade. Polo tanto, saltouse o mandato xudicial á hora de aprobar esa prórroga. Pero tamén o clamor dos partidos e da sociedade, que coincidían en pedir a retirada da planta”. Dese xeito, “regalouse unha prórroga irregular 60 anos máis que supón unha condena e unha hipoteca para a ría”, lembra Cal, que insta ao PSOE a aproveitar a oportunidade que agora ten dende a responsabilidade de goberno para rematar con esta inxustiza histórica e este atentado contra o medioambiente, a saúde e o desenvolvemento socioeconómico da Ría de Pontevedra.

O deputado de En Marea non quixo deixar pasar a oportunidade de lembrar que Isabel Tocino e Carlos del Álamo foron “as persoas clave no proceso de privatización de ENCE, e posteriormente pasaron formar parte do consello de administración da fábrica polos servizos prestados. Estamos falando do caso máis grave e claro de portas xiratorias en Galicia”, denuncia Cal. Que insta ao goberno de Sánchez a tomar cartas no asunto e facer o posible para que este 29 de xullo sexa a data final da actividade da planta.

Deja un comentario