Santiago, 5 de outubro de 2019.- O Plenario de En Marea na súa reunión extraordinaria revisou a situación política diante da convocatoria das próximas eleccións xerais. En Marea entende que a falta de vontade das forzas galegas e progresistas para acordar unha candidatura única imposibilitará que Galicia conte cunha representación eficaz na defensa dos seus intereses.

No mesmo sentido En Marea considera que a presentación á marxe desta alianza suporía unha fragmentación maior do espazo progresista galego, que actuará en contra dos intereses da cidadanía para conseguir que o Estado teña un goberno de progreso que, cando menos, impida o avance das dereitas e sirva para recuperar liberdades, superar o precariado e ampliar os dereitos sociais.

En consecuencia, o plenario de En Marea acordou non concorrer a estas eleccións xerais como un exercicio de responsabilidade para non contribuír á atomización das forzas progresistas en Galicia.

Neste sentido, a organización comprométese coa cidadanía galega a seguir traballando   en todas as frontes políticas e institucionais facendo especial fincapé nas tres grandes emerxencias que padece Galicia neste momento: a climática, a feminista e a da igualdade social.

Let’s block ads! (Why?)