O voceiro de En Marea, Luís Villares, trasladouse a Mondariz para facer balance sobre o territorio sobre o problema que continúa a afectar ao noso país como son os lumes, cando se cumpre un ano da vaga de lumes no noso país. “Este foi un ano perdido como demostra o sucedido en Mondariz hai unha semana” afirmou polo que reclamou un plan de territorio para evitar os incendios e lembrando que os lumes non son un problema forestal

“Durante un ano o goberno Feijóo dedicouse a vender fume e non facer nada” denunciou o voceiro de En Marea que salientou tres ideas para definir a actuación da Xunta estes meses: abandono, incompetencia e manipulación. Así, asegurou que no caso dos concellos que máis arderon o pasado ano foron abandonados a súa sorte e non houbo subvencións que chegarán para compensar o dano causado nin a nivel patrimonial nin medio ambiental. Incompetencia ante a imposibilidade de crear un mando único que fose capaz de coordinar os distintos servizos como se acaba de volver en Mondariz.

Por último, manipulación xa que das 30 famosas medidas anunciadas por Feijóo, “non é certo que estean implementadas a día de hoxe senón menos da metade”. Así, Villares denunciou a inexistencia dun mando único operativo, dunha unificación do servizo de extinción de lumes forestais, non se recuperou a superficie agraria útil fundamental para evitar que os lumes cheguen as casas, e algo fundamental, como que non se fixeron nin actuacións encamiñadas a recuperar terreos agrarios nin creación de brigadas de investigación forestal da propia policía xudicial.

Outra das probas da manipulación neste ano foi a creación dunha comisión de investigación no Parlamento que non serviu absolutamente para nada salvo para “branquear a conciencia calcinada dos que o pasado ano non souberon xestionar os recursos de todos e todas”. Manipulación tamén na función de servizo público dos medios de comunicación públicos repetíndose a situación de hai un ano no recente incendio de Mondariz volvendo a ser máis doado manterse informado do que estaba a acontecer por calquera outro medio de ámbito español que nos propios canles públicos de comunicación.

Ante todo isto, En Marea propón unha serie de medidas a impulsar que pasan en primeiro lugar por buscar un verdadeiro pacto polo territorio que teña en conta que é necesario entender o problema no conxunto. “Non é un problema do forestal ou do rural, é un problema de todo o territorio” asegurou Villares. En segundo lugar, investir en prevención e non en extinción xa que non abonda . Así mesmo, destacou a necesidade de garantir a coordinación dos servizos e recursos dispoñibles e por último acabar coa privatización xa que “non pode ser que haxa empresas que se lucren a día de hoxe dos incendios”.

Villares salientou tamén que “vivimos nunha época no que o cambio climático é unha realidade e tamén esixe tomar medidas ao respecto”. “O monte ten que ser una oportunidade multifuncional e sostible e non un monocultivo de eucaliptos, mentres esas políticas sigan sendo preminentes a que vai ser postergada é a cidadanía que vai seguir a sufrir estes incendios” concluíu Villares.

Nas declaracións aos medios de comunicación o voceiro de En Marea estivo acompañado da concelleira de Medio Ambiente de Salceda de Caselas e a tenente de alcalde de Mondariz que ofreceron tamén a súa valoración do acontecido. Así, a concelleira de Medio ambiente de Salceda de Caselas, Carla Pérez, lamentou que tras un ano da vaga de lumes no noso país continúen sen estar en marcha as solucións e demandas dos distintos concellos. Lembra as dificultades e total falla de medios e coordinación vivida hai un ano que rematou co tráxico balance de 910 hectáreas, o 26 por cento do territorio de Salceda de Caselas arderon, afectando especialmente as comunidades de montes. A concelleira referiuse tamén ao período de petición de subvencións que asegurou moitas das peticións foron denegadas. Denunciou a falla de amparo que sufriron ante unha situación catastrófica que asegura a día de hoxe nada se fixo para arranxar.

A tenente de alcalde de Mondariz, Mónica Peralba, referiuse ao gran lume vivido hai unha semana e que era xa o quinto desa semana polo que estaban xa en preaviso desde o Concello. Denunciou que non había ningún hidroavión xa que o que había está na base de Salamanca o que implica unha hora de voo desde alá e outra de volta cuns horarios moi axustados tendo que estar ás 20 horas de volta, cuestións que considerou “moi sorprendentes” xa que este tipo de medios aéreos son moi efectivos na loita contra o lume. Agradeceu de xeito especial a colaboración de todos os veciños e veciñas así como aos distintos profesionais, protección civil e policía local que pese a non estar de servizo acudiron de inmediato ao se decatar da situación.

Mónica Peralba salientou o día despois como un día no que fallou a coordinación por parte do Goberno galego e reclamou un protocolo de actuación que dea solución aos distintos responsables dos concellos. “Hai que activar protocolos que non dependan de ningún conselleiro senón que funcionen por si sos nunha situación de incendio” demandou a tenente de alcalde de Mondariz.

DEJA UNA RESPUESTA