Redación Galicia

O grupo parlamentario de En Marea ven de rexistrar no Parlamento de Galicia unha serie de preguntas sobre o proxecto hoteleiro no Pazo de Sober que como lembrou a deputada Paula Vázquez Verao foi un fracaso empresarial pese ao forte apoio que tivo desde o inicio por distintas administracións. En marzo de 2007 a empresa Alvaher98 – do sector da alimentación, sen experiencia no sector hoteleiro- solicitou ao Concello de Sober licencia municipal para reconstruír o edificio do pazo de Sober dos López de Lemos, de cara a convertelo nun establecemento de uso hoteleiro. A finalidade era rehabilitar as ruínas e converter o complexo nun hotel de “gran luxo”, cunha previsión inversora de 8 millóns de euros. A autorización de Patrimonio foi en xuño de 2007.

Dende o anuncio do proxecto, en 2007, a construción do hotel foi “vendida” polo Concello de Sober e polo PP durante as campañas electorais das municipais de 2007 e 2011 como unha gran esperanza do emprego en Sober, destinado a ser “un referente en toda Europa” e a atraer un “turismo de elite e de calidade”. En 2009, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) concede ao proxecto hoteleiro unha axuda a fondo perdido de 887.619 €, na liña de “grandes investimentos”, para unha inversión inicial fixada en 5.221.294 €. Ese mesmo ano, o Ministerio de Facenda concedeu tamén para o proxecto unha subvención directa de 418.083 €. A data de vixencia de ambas axudas foi o 1 de xuño de 2011 e o 30 de setembro de 2011, respectivamente.

O mesmo IGAPE, en novembro de 2009, concedeu a este proxecto un préstamo, a baixo interese, do Banco Europeo de Inversións, por importe de 2,5 millóns de euros. Segundo comunicou a Consellería de Industria, “en data do catro de xuño de 2010, a empresa promotora deste investimento xa puido dispoñer da totalidade do préstamo directo concedido polo Igape, por importe de 2,5 millóns de euros”. O Concello de Sober inverteu en accesos ao entorno – a través de subvencións da Consellería de Presidencia – e no saneamento – a través dun plan de obras da Deputación Provincial de Lugo -.

Para a aceptación das axudas do IGAPE, a empresa comprometíase a manter 34 empregos de media durante 2 anos e permanecer en activo durante 5 anos, sen especificar o número de empregos . O 6 de outubro de 2010 inaugurouse o hotel “Palacio de Sober”, con presenza do Presidente, Alberto Núñez Feijóo. A Consellería de Cultura na altura sinalara que a colaboración deste proxecto con dita consellería podería “concretarse con posterioridade á apertura coa colaboración na organización de convocatorias culturais” así como “na promoción do turismo de calidade”.

En febreiro de 2013, só catro meses despois de que rematara o prazo no que a empresa se comprometía a ter funcionando o proxecto con, canto menos, unha media de 34 empregos, a empresa presentou un Expediente de Regulación de Emprego para máis do 80 por cento da equipa de persoal, pactándose un ERTE que prevía abrir en setembro. Previamente, rexeitáronse ofrecer servizos e estancias en dito hotel, de xeito incomprensible. Dende o inicio, o proxecto empresarial amosouse inestable e con mala xestión, con acumulación de impagos de nóminas, rexeitamento de eventos e atrasos nos pagos ás empresas da zona que subministraron material e servizos ao hotel, acumulando atrasos de case un millóns de euros.

Ata 2015 o hotel estivo formalmente “activo”, pero sen funcionar como hotel, pois só contaba con tres empregados para o mantemento mínimo. O Hotel Pazo de Sober foi a gran aposta do Plan Impulsa Lugo. O Director Xeral do IGAPE tiña manifestado que confiaba en que non se chegase á liquidación e que se manteña a actividade empresarial no edificio. En febreiro de 2015, a empresa propietaria do pazo solicitou entrar en concurso de acredores e nun proceso de liquidación, que non foi adiante.

Do 21 de abril ao 14 de maio de 2018 estivo aberta, por parte do xulgado do Mercantil número 12 de Madrid, a puxa pública polo Pazo de Sober, en 3 lotes valorados en conxunto en 5.158.189,13 €. O edificio foi valorado en 4.706.421,13 €, tendo unha hipoteca a favor do IGAPE por importe de 3.312.000 €. Rematada a poxa, unha empresa ofrece 2,4 millóns de euros polo edificio, o 51 por cento do valor.

Ante esta situación, o grupo de En Marea rexistrou unha serie de preguntas para saber cal é a valoración que o Goberno galego fai da situación actual do Pazo de Sober, que elementos de viabilidade técnica e financeira do proxecto avaliou o IGAPE para concederlle axudas, como ten previsto a Xunta recuperar o importe íntegro do préstamo concedido polo IGAPE, así como como vai garantir a conservación do Patrimonio e incoar o procedemento para declarar BIC o Pazo, entre outras cuestións. Pregúntase tamén los impactos na zona do proxecto hoteleiro así como as débedas a provedores da comarca e a necesidade de que o requisito para obter o crédito do IGAPE, referido a permanecer aberto durante 5 anos, debería ir acompañado de obrigas a respecto do mantemento de certo nivel de emprego de calidade.

O grupo de En Marea lamenta o xeito partidista que se empregou na apertura do Pazo como Hotel Gran Luxo e que rematou converténdose nun gran fracaso do PP.

Deja un comentario