Redacción Galiza | En Marea

O voceiro de En Marea, Luís Villares, anunciou na rolda de prensa posterior a xunta de voceiros no Parlamento, os temas que o seu grupo levará ao primeiro pleno do mes de marzo. Entre eles destaca a proposición de Lei que En Marea presentará para loitar contra a pobreza enerxética no noso país. “En Marea cumpre co seu compromiso político, electoral pero sobre todo social coa cidadanía galega e responder tamén a deixadez continuada do Goberno do PP e por este motivo levaremos á Cámara do Parlamento unha serie a nosa proposta para establecer melloras políticas nunha Lei integral para acabar coa pobreza enerxética no noso país” explicou Villares.

A proposta de En Marea pasa en primeiro lugar por definir quen son consumidores vulnerables así como establecer as medidas imprescindibles con respecto ao bono social enerxético e a tarifa enerxética para rematar cos cortes tanto de luz como de gas con complementos ou abonos completos para os consumidores máis vulnerables. A proposta de En Marea inclúe ademais fontes de financiamento tanto para este mesmo ano como para os seguintes coa finalidade de que a Lei puidese entrar en vigor en 2018. Para este ano sinalase o financiamento con cargo aos fondos de continxencia da Xunta de Galicia e posteriormente coa posibilidade de acudir a fondos europeos e estatais.

Pero o plan de En Marea vai máis alá encamiñando tamén a procura da eficiencia enerxética para dotar de plans de eficiencia enerxética orientados a estes fogares máis vulnerables. Establece tamén un complemento de todo o sistema legal con información de cara as distintas administracións para que poda facer efectivo este dereito.

En Galicia como lembrou o voceiro de En Marea existe un 25,4 por cento da poboación en situación de pobreza ou exclusión social.

Outro dos asuntos destacados que En Marea tratará no vindeiro pleno da Cámara galega está relacionado coa ordenación do territorio, da cidade e democracia: o futuro dos terreos do porto da Coruña. “Queremos abrir á cidade eses terreos que foron furtados por parte duns administradores que actuaron de costas ao propio Concello, á cidadanía” denunciou Villares quen asegurou que se trata dunha “hipoteca que pode durar xeracións polo capricho do Goberno Feijóo que nega á cidade da Coruña o dereito que ten sobre estes terreos”.

“O tempo no que en despachos pechados e señores grises decidindo o futuro das cidades sen contar coa opinión da xente rematou, eran os tempos do franquismo. Beatriz Mato e o PP o que pretende é pechar a Coruña ao litoral” declarou o voceiro de En Marea.

Neste sentido En Marea centrará a sesión de control do mércores 9 de maio neste tema para pedir explicacións ao presidente da Xunta por esta “funesta decisión en termos democráticos” coa que “puentean a un Goberno local para favorecer a unha candidata que xa ten demostrado ata o momento ser incapaz de defender os intereses da Coruña”.

O grupo de En Marea, conxuntamente co BNG, solicitou tamén a comparecencia do vicepresidente Alfonso Rueda para valorar a folga da Xustiza onde “Feijóo e Rueda mantiveron unha actitude irresponsable ao non asumir o mandato parlamentario no que se pedía atender as xustas reivindicacións do persoal da administración de Xustiza”. “Deberán explicar porque non escoitaron ao Parlamento igual que terán que explicar porque intentaron acabar coa unidade sindical, e pechar en falso un conflito” engadiu Villares.

Neste sentido, En Marea fixo un chamamento á Xunta a por fin a un conflito que non tiña que se ter iniciado xa que “as posturas non están moi afastadas”.

Outros temas que o grupo parlamentario tratará no vindeiro pleno estarán centrados en atallar a fenda salarial entre docentes en Galicia, unha iniciativa sobre as enfermidades profesionais centrada especialmente no radón, as aeronaves de salvamento marítimo, ou o impacto dos vertidos das explotacións mineiras singularmente a de Touro.

Deja un comentario