O grupo parlamentario de En Marea sacou adiante no Debate de Estado da Nación deste ano catro das súas 40 propostas. Concretamente as relativas a Cultura, Turismo, sobre as directrices da paisaxe, benestar animal e Mapa de Solos.

Durante a xornada de negociación En Marea achegou distintas aportacións a un total de 14 propostas do grupo do Partido Popular, todas elas rexeitadas polo grupo maioritario da Cámara. Os asuntos nos que En Marea fixo aportacións foron asuntos tan relevantes como a AP-9, conciliación, salarios públicos ou incentivos fiscais.

No relativo ás resolucións presentadas polo resto de grupos no Parlamento, o grupo de En Marea adiantou a seu apoio a todas as emendas presentadas polo BNG salvo en tres delas que votará abstención: Caixa única, financiamento e concerto, e a compra do cadro de Castelao. Do grupo do PSdeG, en Marea aprobará igualmente as súas propostas con dúas abstencións: infraestruturas e política forestal. As propostas presentadas polo grupo do PP, contarán co voto en contra de En Marea.

Textos das resolución de En Marea que serán aprobadas. 

Resolución no 38 
“Directrices da Paisaxe” 
As Directrices de paisaxe son, segundo o artigo 10 da Lei 7/2008, determinacións fundamentadas no Catálogo das paisaxes que establecen para cada unidade de paisaxe os obxectivos de calidade paisaxística. 
A lei tamén establece que os obxectivos de calidade paisaxística deben expresar as aspiracións da cidadanía en canto á valoración e ao grao de compromiso na protección da paisaxe, polo que a determinación destes obxectivos debe partir dun proceso de participación pública. 
O proceso de participación pública para a elaboración das Directrices de paisaxe tivo lugar entre febreiro e abril de 2016. 

Tal e como establece a Lei 7/2008, as Directrices de paisaxe inclúen: 
– Os indicadores de calidade paisaxística para o control e seguimento do estado e evolución das unidades de paisaxe. 

– Normas e recomendacións para a integración dos obxectivos de calidade paisaxística nos plans urbanísticos e sectoriais, así como nas estratexias rexionais ou locais. 

Estas determinacións impleméntanse mediante directrices de carácter vinculante para os instrumentos de planificación sectorial e urbanística. 
O borrador de directrices de paisaxe, actualmente en tramitación, inclúe: 

1. Directrices xerais para a consideración da paisaxe no planeamento urbanístico, noutros instrumentos de ordenación ou xestión do territorio (instrumentos de ordenación e xestión de espazos naturais, de ordenación e xestión forestal e procedementos de reestruturación parcelaria) e directrices para a integración paisaxística das construcións en solo rústico. 

2. Directrices para elementos presentes en distintos tipos de paisaxe: infraestruturas enerxéticas e viarias, parques eólicos, bancais, peches, valados, sebes, elementos do patrimonio cultural materiais e inmateriais, polígonos industriais, sendas, Camiños de Santiago, viarios históricos e tradicionais, miradoiros e puntos de observación. 
3. Directrices para acadar os obxectivos de calidade paisaxística de cada Grande Área Paisaxística e das diferentes unidades de paisaxe. 
4. Directrices para acadar os obxectivos de calidade paisaxística de AEIP e AEAP. 

O Consello da Xunta aprobou o 12 de decembro de 2016 o inicio do trámite de avaliación ambiental das Directrices de paisaxe. 

Feijóo anunciou naquel momento que as Directrices serían aprobadas en 2017 facendo fincapé en que as Directrices de paisaxe son un deber legal, tal e como figura na Lei de protección de paisaxe de Galicia, e un deber colectivo da sociedade, xa que fai falta diagnosticar os obxectivos de calidade e garantir unha mellor xestión e protección. 

Case dous anos despois as Directrices da Paisaxe seguen sen aprobarse, segue sen aprobarse a Avaliación Ambiental, mentres si avanzan, por exemplo, os proxectos de instalación de parques eólicos polo país, que se proxectan sen os condicionantes cos que deberían de contar no caso de que fosen unha realidade ditas Directrices. 

No Pleno do 10 de xullo de 2018, interpelada por este grupo, a recente ex- conselleira Beatriz Mato asegurou que se aprobarían en setembro. Como e evidente volveu a incumprir a súa promesa.

Namentres tramítanse ata 21 parques eólicos, moitos deles en lugares de interese paisaxístico, e que se consolidarán administrativamente antes da aprobación das Directrices, evitando así o seu cumprimento e adaptación. 
Estamos convencidos de que non é simple incompetencia e desleixo do Goberno galego. 

É, unha vez máis, a intención deliberada de beneficiar determinados intereses empresariais. Para moitos destes proxectos as Directrices xa chegan tarde. 
Por todo o exposto o Grupo Parlamentario de En Marea presenta a seguinte proposta de resolución: 

O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a tramitar definitivamente a aprobación das Directrices da Paisaxe de xeito inmediato. 

Resolución no 25 “Cultura e Turismo” 
A cultura como Dereito Fundamental de carácter vinculante para os Estados é recoñecido pola Constitución Española, a Carta de Dereitos Fundamentais da Unión Europea e o Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais. Textos que recoñecen o dereito á Cultura non como exclusivamente unha industria senón un servizo e un ben público. Un dereito esquecido e maltratado por parte do goberno popular que fixo desta materia unha das que máis padeceu os recortes orzamentarios. Tanto foi así que as partidas destinadas á cultura reducíronse dende o 2009 nun 64,15% deixando unha paisaxe desolada. Un recorte de recursos que evidencia a ausencia total de compromiso do goberno galego coa nosa cultura. Ausencia tamén de medidas, malia que a comezos do ano 2017 Núñez Feijóo se comprometera ante centos de representantes da cultura galega a elaborar un plan para o sector no que se tiveran en conta as súas achegas. Estamos no ano 2018. Esperando pola “estratexia da cultura galega 21” que debera ser “integral” tal como o anunciaron. 

Temos, dende o día do Turismo, unha nova Consellería de Cultura e Turismo. Un paso máis na espectacularización da cultura, a política dos grandes eventos financiados con diñeiro de todas para o autobombo, a propaganda e o clientelismo, en detrimento do precario e maltratado ecosistema cultural. 

Por todo o exposto, o Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a priorizar a política cultural na nova consellería abrindo un verdadeiro proceso participativo, transparente, no que se dialogue con todos os axentes dos sectores e industrias culturais para a elaboración da enunciada estratexia da cultura galega. 

Resolución no 32 
“Mapa de Solos de Galicia” 
Os solos con altas aptitudes agronómicas é un valor a preservar, e as políticas do goberno galego deberían de ter na súa preservación un dos obxectivos primordiais. 

A falla de políticas de ordenación do territorio, de mobilidade de terras, e o fomento dun modelo extractivista e pouco respectuoso coa conservación dos valores ambientais, fai que Galiza perda sistematicamente dende hai anos superficie agraria útil. 

Os últimos datos da enquisa sobre a Estrutura das Explotacións Agrícolas ( EEA) do Instituto Nacional de Estatística (INE) son moi elocuentes. 
Aínda que Galiza perdeu un total de 3.383 explotacións entre 2013 e 2016, ao pasar de 78.377 a 74.994, unha baixada do 4,3% neste período, o que supón máis do dobre de caída que a media estatal (-2,1%) a superficie media por explotación tamén caeu. 

As hectáreas que ocupaban estas explotacións galegas en 2013 eran 918.000 e descenderon ata 863.677. Aquí, a superficie agrícola utilizada baixou nunhas 34.000 hectáreas, de 655.519 a 621.643, un 5,2% de retroceso. Esa caída de superficie agrícola utilizada é moito maior en Galiza que o descenso do 0,3% da media estatal. De feito, a superficie agrícola pasou en España de 24,67 hectáreas de media en 2013 a 25,06 en 2016, mentres descendeu en Galiza. 
O Solo Rústico de especial protección agropecuaria ven definido no artigo 34.2 a) da Lei 2/2016 do Solo de Galicia como: 

a) Solo rústico de protección agropecuaria, constituído polos terreos que foran obxecto de concentración parcelaria con resolución firme e os terreos de alta produtividade agropecuaria que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que ostente a competencia sectorial en materia agrícola ou gandeira. 

Como actualmente non existe ese catálogo oficial correspondente, elaborado pola Consellería de Medio Rural, onde se delimiten os terreos de alta produtividade agropecuaria, existe a posibilidade de que moitos deses terreos queden desprotexidos ao libre arbitrio dos concellos. 

Recentemente o Concello de Curtis ven de aprobar inicialmente unha modificación puntual que elimina o solo rústico de especial protección agropecuaria, pretendendo deixar desprotexidos terreos de elevado valor agrario e gandeiro. 

Ademais das necesidades actuais de solo para cultivos agrarios e para as explotacións gandeiras, existe a obriga de conservar para o futuro o que é un recurso valioso e non renovable. 

Máis nun país no que segundo as estatísticas non deixa de descender a superficie agraria útil, e onde hai unha excesiva dependencia da importación de alimentos. 

Co obxectivo da protección e conservación destes solos é preciso actuar de inmediato elaborando un mapa de solos de Galiza, onde se leve a cabo unha clasificación detallada en función das súas aptitudes. 

Por todo elo o Grupo Parlamentario de En Marea presenta a seguinte proposta de resolución: 

O Parlamento galego insta á Xunta de Galiza que antes do anos 2020 Galiza conte cun Mapa de Solos oficial que clasifique os solos en función das súas aptitudes, e que inclúa un Catálogo de Solos de alta produtividade agropecuaria en todo o territorio galego. 

Resolución no 29 “Lei de Benestar Animal” 
Levamos 9 meses de aplicación da Lei de Protección e Benestar dos animais de compañía e a avaliación non pode ser mais negativa. 
Se ven é certo que nos primeiros meses de aplicación da Lei incrementouse o chipeado de cans, os problemas mais graves como o abandono, a saturación dos centros de acollida e o maltrato foron claramente a peor. 

Tampouco temos noticias ou informes de que a Xunta de Galicia houbera incrementado os controis sobre os centros de cría ou que dotara de medios ou accións tendentes a redución das situacións de maltrato. 

Incremento do abandono, refuxios desbordados e falta de implicación real dos Concellos son as lacras mais importantes que a Lei non é quen de poñer solución. 

Unha das causas principais é a mínima implicación orzamentaria da Xunta de Galicia. Non se pode ditaminar unha Lei e despois non dotala orzamentariamente. Trasládanse competencias e responsabilidades aos Concellos pero non se lles dota de orzamentos. 

No que vai de ano a Xunta de Galicia implementou axudas por valor de 100.000 € moito menos que as Deputacións de A Coruña e Pontevedra e mesmo que o Concello de A Coruña, a pesar de que ten unha capacidade económica infinitamente superior. No mesmo espazo de tempo a Comunidade de Madrid dotou as axudas a Protectoras e Concellos con 1,5 M€ recoñecendo que aínda así eran insuficientes, todo elo a pesares que as estatísticas revelan que o abandono e moi superior en Galicia. Coa a argumentación de que non teñen capacidade orzamentaria e a Xunta non colabora, a implicación da maioría dos Concellos no cumprimento da Lei e case inexistente. 

Se todas as entidades protectoras, os refuxios e os fogares de acollida deixaran de funcionar durante corenta e oito horas, produciríase un colapso evidente en decenas de localidades que non dispoñen de ningún servizo contratado ou conveniado coas citadas entidades. 

Se isto non ten sucedido ata o de agora, é polo compromiso de centos de persoas anónimas que priman o rescate e a protección dos animais aínda a costa da súa vida persoal e de gastar cartos dos seus petos sen ningún tipo de apoio por parte dun número importante de administracións públicas da comunidade. 

Por outra banda ao non ser desenvoltas pola Xunta campañas activas de comunicación e información ou o apoio as que poderían desenvolver as asociacións e protectoras, o número de adopcións reduciuse no que vai de ano incrementando de maneira importante o problema de saturación nos refuxios. Podería ser porque a xente retraese dado que a única comunicación feita sobre a Lei é a das sancións. 

Sería imprescindible a posta en marcha destas accións de comunicación positiva e a Xunta debería implicar nelas de maneira decisiva aos medios públicos de Galicia. 

Para desenvolver políticas eficaces e coñecer as dotacións orzamentarias necesarias, a Xunta de Galicia debería poñer en marcha de inmediato un estudo sobre as infraestruturas existentes en Galicia e a súa situación de mantemento e saturación. É imprescindible para que de verdade poda implementarse en 8 meses, como marca a lei na súa medida estrela, o sacrificio cero. 

Se todo o mencionado nesta proposta de resolución non se desenvolve, a Lei quedará en papel mollado e quedando unicamente nun obsceno e cruel fogo de artificio na particular campaña electoral de Beatriz Mato. 

Para dar resposta a esta situación inaceptable O Parlamento de Galicia insta a Xunta de Galicia a: 

Dotar orzamentariamente os fins e accións previstas na Lei de Benestar e Protección dos Animais de Compañía de Galicia cun mínimo de 2 M€ nos Orzamentos de 2019. Proceder a convocatoria dunha mesa de traballo coas Deputacións, FEGAMP, Concellos e entidades de Protección Animal para facer un seguimento da aplicación da Lei e propoñer medidas que a fagan realmente efectiva. 

Desenvolver campañas activas de comunicación e información, ou o apoio as que poderían desenvolver as asociacións e protectoras, para promover a adopción e bo trato aos animais. Implicando de maneira efectiva aos medios públicos de Galicia. 

Poñer en marcha de inmediato un estudo sobre as infraestruturas de protección animal existentes en Galicia e a súa situación de mantemento e saturación. 
Compromiso real e efectivo de que cumprirase o precepto de sacrificio cero que marca a Lei dentro dos prazos previstos. 

Deja un comentario