O único obxectivo desta maioría puntual é defender os intereses da cidadanía, das mulleres e do medio rural da provincia.

O deputado pola provincia de Ourense de En Marea, Davide Rodríguez, e o voceiro, Luís Villares, presentaron esta mañá as emendas do grupo aos orzamentos da Xunta de Galicia, co peche dos servizos de paritorio e urxencias pediátricas no Hospital Comarcal de Verín como principais protagonistas, por ser as primeiras vítimas dos recortes planificados nas contas da Xunta de Galicia.

Vídeo Recomendado:

O voceiro cualificou  os orzamentos como unha “auténtica vergoña” e a discriminación que sofre a provincia como “indecente”: “non se pode xustificar de ningunha maneira nesa rebaixa orzamentaria o peche de servizos básicos como o servizo de paridoiro e as urxencias pediátricas do Hospital Comarcal de Verín”. Un peche que, segundo En Marea é unha decisión política do Presidente da Xunta de Galicia que “sempre se reivindica nacido nesta provincia e que agora se dedica a pechar servizos nunha provincia tan necesitada de servizos no seu medio rural. Que clase de Ourensanía practica?”

Villares recoñeceu que desde En Marea entenden perfectamente o enfado que ten neste momento Baltar e que ten o Partido Popular de Ourense, manifestado en numerosas ocasións, incluso en pronunciamentos institucionais e chamou aos populares da provincia a defender os intereses da súa cidadanía: “desde En Marea tendemos a man ao PP de Ourense para compoñer no Parlamento de Galicia unha maioría alternativa que sexa capaz de sacar adiante un pronunciamento que faga a Feijóo rectificar nesta decisión”.

Para composición da maioría alternativa na Cámara de Representantes de Galicia que propón En Marea farían falta catro votos e sería de carácter puntual para defender todas xuntas e todos xuntos os intereses da cidadanía de Ourense, das mulleres e do noso medio rural da provincia: “facemos o chamamento e queremos que quede claro que o noso único interese é manter os servizos no rural, porque agora é Verín, pero despois será Monforte, A Mariña…porque os números que xustifican esta decisión son os mesmos que suceden en toda Galicia.

Para o voceiro é evidente que esta é unha decisión política” de discriminación incomprensible co noso medio rural, coas mulleres e con toda a provincia”, algo que onte quedou claro porque os argumentos técnicos do conselleiro foron desterrados polos argumentos técnicos, de maior peso,  das matronas, dos xinecólogos e dos xefes de obstetricia doutros hospitais”.

Pero os recortes e os desleixos coa provincia dos orzamentos Xunta de Galicia non se condensan unicamente en Verín, algo que En Marea xa denunciou no seu día por non “dar solucións aos problemas estuturais de Ourense”. O deputado Davide Rodríguez presentou unha batería de emendas encamiñadas a satisfacer as demandas e as necesidades da cidadanía de Ourense.

En primeiro lugar, e no relativo ao medio rural, Davide Rodríguez rexistrou emendas para crear dunha vez por todas a planta de compostaxe na Baixa Limia para “rematar cos problemas agroambietais derivados da xestións dos xurros” e para “rematar co esquecemento das Comunidades de Montes en Man Común”.

Ademais o deputado reclamou que se executen os plans de xestión dos parques naturais “na provincia que máis parques naturais ten de todo o país e  que, por desleixo, están totalmente baleirados de contido, sen dinamismo e sen unha conservación adecuada”.

En canto a xestión servizos sociais, concretamente para a cidade de Ourense, Rodríguez reclamou o Centro de Atención a persoas con Discapacidade, unha promesa de Feijóo de hai catro anos: “non podemos estar un ano máis sen dar solucións as familias que o precisan e teñen que desprazarse a Lugo. Pedimos que se faga xa e que sexa de xestión pública”.

As infraestruturas nunha provincia con gran dispersión poboacional xogan un papel fundamental á hora de garantir as comunicacións e a calidade de vida, polo que En Marea tamén solicitamelloras no vial OU-536, que une A Pobra de Trives de Trives con Larouco, e para o vial autonómico que une A Gudiña co Barco de Valdeorras. Na mesma liña de garantir dereitos, o deputado solicitou “melloras estruturais en sanidade, como a creación dun novo centro médico en Ribadavia que cumpra cos servizos que precisa a cidadanía, e arranxos en moitos PACs como pode ser o da Pobra de Trives”.

Let’s block ads! (Why?)