O voceiro de En Marea, Luís Villares, informou dos temas que o seu grupo levará ao pleno do Parlamento da a tras a xunta de voceiros desta mañá. Entre eles a proposición non de lei para regular a provisión da xefatura de servizo no Sergas xa que “é necesario acabar co alto grao de discrecionalidade e arbitrariedade que se está a dar e establecer os méritos a valorar para que os traballadores e traballadoras réxense non só pola confianza política senón tamén pola meritocracia.

En Marea levará así mesmo unha proposición non de lei sobre o plan estratéxico de Galicia para o novo período da PAC na que se ten en conta a influencia do Brexit que suporá unha minoración dos fondos europeos e un cambio de estratexia da Unión Europea así como as directrices básicas dentro do reparto que fai o propio Estado e no que En Marea aposta porque sexa Galicia o que maior grao de competencia teña a hora de realizar este reparto.

O sector do automóbil será outro dos que centrará as iniciativas de En Marea ante o anuncio do ERTE por parte de PSA Vigo. Luís Villares considerou fundamental reclamar un plan industrial que supoña que todo os sector que vive arredor de Citröen teña un desenvolvemento acorde das posibilidades do noso país.

En Marea presentará tamén unha iniciativa na que se insta ao goberno galego a acabar de xeito definitivo co proxecto da Mina Touro-O Pino despois do informe recibido desde Europa no que se advirte das graves consecuencias que tería para o Camiño de Santiago seguir adiante con este proxecto. O voceiro lembrou un informe similar hai máis de 10 anos en Lugo respecto a unhas obras no cuartel de San Fernando que podería poñer en risco a declaración da muralla como Patrimonio da humanidade  motivo polo que a Xunta de Galicia desestimou estas obras. “Estamos nun suposto análogo polo que isto bastaría xa para dar para atrás a mina” salientou Vilares.

En relación a sesión de control, o voceiro de En Marea preguntará ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, que ten que agochar en relación aos recortes na sanidade pública galega. “Despois da farsa de creación de comisión de investigación dos recortes queda en evidencia a obstaculización continuada para que a oposición faga o seu traballo e investigar o acontecido no PAC da Estrada, cos enfermos de hepatite C e o todos os recortes destes anos na sanidade” denunciou Villares.

O voceiro de En Marea considerou inxustificable a postura do PP que por un lado negan a participación dos familiares das vítimas do falecido no PAC da Estrada e das persoas que están a ser investigadas da Consellería en relación ás mortes por hepatite C, pero por outra non teñen problema algún de que familiares das vítimas do sinistro do marisquiño teñan voz na comisión de investigación que está tendo lugar tamén no Parlamento ou os familiares das vítimas do Alvia que tamén están a ser escoitadas no Congreso. “Non hai explicación racional que xustifique esta diferencia de trato” asegurou o que leva a se facer a pregunta sobre o que ten que ocultar o PP.  “Pretenden que falemos só de números, e nós dicimos non porque detrás dos números hai persoas que o pasaron moi mal a causa dos recortes” afirmou Villares. O mesmo acontece coa participación de Felix Ruibal que mentres o PPdeG vetaba a súa comparecencia na comisión de investigación sobre os recortes na sanidade, si participou na comisión de investigación do Marisquiño.

O voceiro de En Marea rematou asegurando que se trata dunha falla de respecto e unha diferencia de trato inadmisible e lembrou que non existe ningunha norma nin impedimento algún no regulamento que impida que as persoas investigadas polos casos mortes por hepatite C podan participar na comisión de investigación do Parlamento. Ante a negativa e o veto imposto polo PP, En Marea pedirá explicacións directas ao presidente da Xunta de Galicia sobre que é o que teñen que agochar para se comportar así.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario