En Marea pide a devolución os orzamentos da Xunta para 2019 por “decepcionantes, restritivos, mediocres antisociais, continuístas e neoliberais”

0
24

O grupo parlamentario de En Marea presentou unha emenda á totalidade e solicitou á devolución do proxecto de orzamentos xerais para o exercicio 2019 da Xunta de Galicia. O voceiro Luís Villares arrancou a súa intervención lamentando que o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, evitase no seu discurso palabras como precariedade ou desigualdade pese a estar a falar duns orzamentos que para En Marea supoñen afondar na desesperanza de todas esas persoas que non chegan a fin de mes. Villares lamentou tamén que o proceso orzamentairo non comenzase, como debería, cun debate político sobre as necesidades reais  e cuantificar canto custa satisfacer eses dereitos vulnerados. Así mesmo, denunciou o veto inicial sufrido por En Marea ante o rexeitamento da emenda presentada polo grupo para que se puidese debater sobre que quere á cidadanía facer con parte do diñeiro que o PP dedica ao pago da débeda, se “devolver cartos aos bancos ou destinalos a investimentos sociais”. “É necesario poñer ás persoas por enriba dos intereses dos bancos e de Angela Merkel. E non podemos facelo” afirmou o voceiro de En Marea.

Luís Villares continuou a súa intervención xustificando o rexeitamento do pola falla de adaptación á realidade da economía galega que salientou, ao igual que a do conxunto do estado e a propia Unión Europea, iniciou unha fase alcista do ciclo a partires de 2014. Pese a ter xa un PIB por riba do nivel previo a recesión, tanto en termos reais como sobre todo nominais e despois dunha década perdida como consecuencia da política neoliberal de recortes do gasto e devaluación salarial con efectos moi negativos sobre a vida das persoas. Máis riqueza pero menos gasto público, máis riqueza pero menos recursos destinados a financiar a sanidade, o ensino, a protección social, política de emprego ou o investimento.

Os orzamentos de 2019 en ningún caso se poden cualificar de expansivos xa que o gasto non financeiro medra o 3,8 por cento en comparación con 2018 e polo tanto medra por debaixo de crecemento nominal do PIB previsto para 2019. “É un incremento decepciónante e moi insuficiente para recuperarnos dos recortes da fase aguda da austeridade” afirmou Luís Villares. “O proxecto de orzamentos para 2019 que presenta o goberno significa renunciar a recuperarnos dos recortes e dar continuidade ao proceso de redución do publico na prestación de servizos e na economía” explicou.

Para o grupo de En Marea supón unha evolución inaceptable porque desta forma os recortes se consolidan nos orzamentos. As cifras concretas permiten cuantificar o devalo do recursos públicos: en 2019 a Xunta disporá de 363 millóns de euros mais que en 2018 pero 2.500 millóns menos que en 2009 en termos reais.

O gasto en sanidade é inferior en 549,4 millóns de euros ao de 2009, unha redución equivalente ao 13 por cento en termos reais. En educación o retroceso é de 413,5 millóns de euros o que supón un recorte do 15 por cento sobre 2009. Unha caída aínda maior en infraestruturas porque perden o 48 por cento do seu importe en 2009, deixándose de investir 331,8 millóns de euros.

Unha cifra similar tamén nas políticas de emprego, porque a pesares de ser o principal problema para a cidadanía a Xunta vai gastar 221,4 millóns menos que en 2009, un retroceso do 46 por cento en termos reais nos recursos para combater ao desemprego e a precariedade laboral. A política de vivendapracticamente desaparece en termos orzamentarios porque a Xunta recorta o gasto no 66 por cento en 2019 en comparación con 2009, unha caída de 159 millóns de euros que deixa a función 45 en apenas 83 millóns de euros o próximo ano.

A realidade que se agocha detrás do discurso propagandístico da lexislatura do rural demostra a dinamización económica do rural perde 151,9 millóns de euros, un retroceso do 32 por cento. Un deterioro das políticas cara o rural que vese agravada polo retroceso da función 55, de actuacións e valoración do medio rural, que perde 64 millóns de euros en termos reais sobre a cifra de 2009. O mesmo sucede no sector primario, porque os recursos destinados a política pesqueira caen en case 100 millóns de euros, un retroceso do 49 por cento en termos reais en comparación co 2009.

Os recursos destinados a industria, enerxía e minaría caen o 26 por cento, o desenvolvemento empresarial o 31 por cento, as políticas de apoio o comercio o 61 por cento e o orzamento de turismo en 2009 vai ser o 32 por cento menor que en 2009 en termos reais. Retrocesos que tamén afectan gravemente a outros eidos non directamente económicos, como o que sofre a cultura que perde o 56 por cento dos seus recursos, equivalente a un recorte de 90,8 millóns de euros en termos reais dende 2009 e a normalización lingüísticaque sofre un recorte brutal de 16,9 millóns de euros, equivalente ao 68 por cento do orzamento de 2009 en termos reais.

E o mesmo lle sucede ao territorio, porque a función 54 de actuacións medioambientais perde o 65 por cento dos recursos que tiña en 2009, un recorte de 220,5 millóns de euros ao que hai que engadir os 43 millóns de euros que se deixan de investir na función 52 de ordenación do territorio, que perde o 73 por cento dos recursos de 2009 en termos reais.

EVOLUCION DOS INGRESOS INACEPTABLE

Un recorte do gasto que ten a súa orixe nunha evolución dos ingresos inaceptable como valorou o voceiro de En Marea, porque crecen por debaixo do PIB nominal o que impide recuperar o nivel de recursos dispoñibles previo a recesión a pesares de que o PIB nominal xa é superior. As razóns desta negativa evolución son varias, dende o mal funcionamento do sistema de finanzamento das CC.AA. ata o inaceptable devalo do FCI e outras transferencias de capital, cun papel determinante da política fiscal aplicada tanto polo goberno central como pola Xunta de Galicia.

“A política fiscal neoliberal do PP provocou a desfiscalización das rendas de capital, dos beneficios empresariais e dos grandes patrimonios” subliñou Villares. Así, esta deserción fiscal dos ricos reduciu os ingresos públicos pero tamén desequilibrou o reparto da carga fiscal, de forma que a maioría social paga dúas veces porque soporta unha maior carga fiscal e porque reciben peores servizos públicos e unha protección social deteriorada.

No orzamento de 2019 a propaganda da rebaixa de impostos segue ocupando un lugar central. Dando por bos os datos do orzamento, en 2019 os beneficios fiscais chegan ata 430 millóns de euros, cifra á cal hai que sumar os 1.900 millóns acumulados dende 2012 a 2018, para acadar un total de 2.330 millóns de euros.

A política fiscal que se ten aplicado e que se sigue presente no orzamento de 2019 ten un profundo sesgo ideolóxico conservador, porque reducir impostos sempre beneficia aos máis ricos e recortar gasto público sempre prexudica aos máis débiles. O orzamento de 2019 é un claro exemplo desta política fiscal para ricos, porque a medida fundamental é rebaixar o Imposto de Patrimonio, isto é, a tributación das persoas que teñen un patrimonio superior a 700.000 euros.

NOVOS PRÉSTAMOS PARAP PAGAR OS PRÉSTAMOS QUE VENCEN

O voceiro referiuse tamén á nova débeda que vai emitir o ano que vén a Xunta por un importe de 1.768 millóns de euros para pagar 1.530 millóns de euros que vencen ese ano. “Esta é a realidade, pedir novos préstamos para pagar os préstamos que vencen” denunciou. Empregando os datos do orzamento, a función 91, a débeda pública, vai ter unha dotación de 1.675 millóns de euros, equivalente ao 14,5 por cento do orzamento total, isto é, agora destinamos cinco veces máis recursos ao servizo da débeda. En 2018 debemos 7.500 millóns de euros mais que en 2008, isto é, a débeda por persoa aumentou en 2.864 euros na ultima década.

MENOS EMPREGO E MÁIS PRECARIO

O voceiro de En Marea referiuse tamén á situación laboral, xa que temos o mesmo nivel de riqueza pero menos emprego, máis precariedade laboral e peores salarios. En Galicia hai 120.000 empregos menos que antes da recesión e 60.000 menos que en 2009 cando empezaron a gobernar. Menos emprego e de peor calidade porque a metade da clase traballadora xa é precaria. Hai 153.000 persoas desempregadas, 67.000 máis que antes da recesión, e moitas de longa duración. Hai mais de 53.000 fogares con todos os membros en paro, e dentro deles 32.000 que non teñen ningún ingreso laboral, nin salario, nin pensión nin prestación por desemprego.

Os salarios baixaron de media un 8 por cento, pero os máis precarios perderon neste tempo o 25 por cento do seu poder adquisitivo. Arredor de 450.000 persoas asalariadas teñen ingresos por debaixo de 900 euros. Un de cada tres asalariados galegos está en pobreza laboral, pobreza que afecta tamén aos autónomos porque o 55 por cento declara ingresos por debaixo de 500 euros ao mes. O 44 por cento dos fogares galegos ingresa menos de 1.500 euros ao mes sumando os ingresos de tódolos seus membros.
Hai 612.000 persoas en risco de pobreza ou exclusión social, temos unha taxa Arope do 23 por cento que implica que unha de cada catro persoas do noso país está nesa situación. O 63  por cento das pensións están por debaixo do limiar da pobreza, pensionistas pobres que no caso das pensións de viuvez chega ata o 81 por cento.

“Temos o mesmo PIB que antes da recesión pero está moito peor distribuído, por iso temos unha sociedade máis inxusta, máis desigual, con máis pobreza, con menos dereitos laborais, menos emprego, máis paro, salarios devaluados e maior precariedade laboral que antes de caer no pozo da dobre recesión” denunciou o voceiro de En Marea.

“O proxecto de orzamentos para 2019 que presenta a Xunta non serven para dar resposta a esta situación e por iso avaliámolos como decepcionantes, restritivos, mediocres, antisociais, continuístas e neoliberais, non serven para mellorar a vida da cidadanía, para empezar a darlle a volta aos recortes, nin para impulsar a actividade económica e recuperar o emprego” concluíu Luís Villares.

UNHA ALTERNATIVA BASEADA NUN MODELO DE CRECEMENTO INCLUSIVO

Fronte este modelo neoliberal, En Marea propón avanzar por una vía diferente, baseada nun modelo de crecemento inclusivo, que non deixe a ninguén á marxe, e po lo tanto máis xusto e sólido, apostando pola mellora da actividade en sectores de máis valor engadido, en especial cun peso importante das ramas industriais, recuperando o traballo estable e con dereitos como a norma e non a excepción, con salarios decentes sobre os que se poida soster o estado do benestar grazas aos impostos e as cotizacións.

Unha proposta baseada no impulso da demanda interna como factor de crecemento e da produtividade como a vía sostible a medio e longo prazo da competitividade exterior do noso país. Para iso, presenta unha alternativa para incrementar o orzamento en 400 millóns de euros, mellorando os ingresos coa finalidade de financiar unha política económica que impulse o crecemento.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Suscríbete al boletín gratuito de Contrainformación y únete a los otros 814 suscriptores.

Dejar respuesta