Santiago, 10 de  novembro de 2019.-  Coa lexitimidade que nos dá como forza política ter adoptado a decisión de non concorrer puntualmente a estas eleccións xerais para evitar un fraccionamento do voto progresista galego que puidese propiciar o avance das dereitas en Galicia, dende En Marea queremos facer os chamamentos necesarios para facer valer, desta vez si, os resultados e que se escoite a decisión da cidadanía.

1. Facemos unha chamamento ás forzas progresistas galegas para comprometerse inmediatamente coa formación de novo goberno no Estado, pechando as portas esta mesma noite a calquera especulación dunhas terceiras eleccións. Especialmente Gonzalo Caballero e  Pedro Sánchez deben decidir inequivocamente en que bando xogan, se no do progreso social ou no do tacticismo partidario que fai avanzar a extrema dereita.

2. O avance da extrema dereita é un castigo á soberbia política das forzas que, dicíndose progresistas, pensaron antes nos intereses particulares cá no benestar das persoas. Agardamos que este aviso fose suficiente para recuperar a humildade e altura de miras que calquera partido de esquerdas debería ter.

3. En Galicia o PP volveu converterse en primeira forza política. O resultado das forzas galegas progresistas amosa que a falta de unidade entre elas resta atractivo electoral e que a cidadanía premia os proxectos que dende a diversidade son quen de aglutinar espazos sociais amplos. Por iso emprazamos a todas esas forzas a unha reflexión honesta sobre o horizonte electoral galego, para construír unha alternativa capaz de derrotar a Feijoo e abrir unha primavera social e galeguista en 2020, que atenda ás emerxencias feminista, ambiental e social que vive o noso país.

4. O resultado electoral evidencia que a plurinacionalidade no Estado, da que Galicia forma parte, é unha realidade sociolóxica e electoral, e que a gobernabilidade progresista pasa polo recoñecemento desa realidade democrática como actora esencial para a ampliación de liberdades individuais e a recuperación de dereitos sociais.As forzas representativas desa plurinacionalidade son claves para o progreso social e democrático do conxunto do Estado, e os partidos estatais deben asumir e normalizar esa situación á maior brevidade posible, para desbloquear a situación actual.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario