O grupo parlamentario de En Marea rexistrou diversas iniciativas nas que se insta á Xunta de Galicia a destinar nos vindeiros orzamentos unha partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde así como dotalo dos medios técnicos e humanos, axeitados ás necesidades do Concello de Porriño e a súa contorna. En Marea esixe tamén dar cobertura ás baixas e vacacións do persoal do centro de saúde, con especial atención ao PAC.

No ano 2010, o Concello do Porriño asinou un acordo coa Xunta de Galicia, no que puxo a disposición da mesma unha parcela cunha superficie de 525 metros cadrados para ampliar o Centro de Saúde. A vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, lembrou que a ampliación do Centro de Saúde do Porriño é unha demanda que leva unha década sen ser atendida por parte do goberno galego, pese a tratarse dun Centro de Saúde que sigue incrementando o número de pacientes aos que ten que atender. Son xa máis de 40.000 usuarios potenciais os que poderían ter que acudir ao centro, que ademais conta con Punto de Atención Continuada de tres da tarde a oito da mañá, horario no que tamén atende a concellos da contorna como poden ser Mos ou Salceda de Caselas.

Ademais da ampliación do Centro, as veciñas e veciños do concello de Porriño reivindican tamén que de xeito simultáneo, se dote o mesmo dos medios técnicos e humanos suficientes para facer fronte á actual demanda, dando cobertura axeitada as baixas e vacacións do persoal, especialmente en relación ao persoa do Punto de Atención Continuada no que profesionais do servizo están a denunciar a falta de substitucións.

Por todo o isto, En Marea presentou diversas iniciativas nas que se defenda que o Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a:

– Destinar nos vindeiros orzamentos, partida suficiente para reiniciar e rematar o proxecto de ampliación do centro de saúde así como dotalo dos medios técnicos e humanos, axeitados ás necesidades do Concello do Porriño e a súa contorna.

– Dar cobertura as baixas e vacacións do persoal do Centro de Saúde, con especial atención ao PAC.

Deja un comentario