Ferroatlántica vén de comunicar aos seus traballadores a posta en marcha dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego por dous anos nas suas factorías. Para En Marea este anuncio supón un incumprimento das condicións das concesións das centrais, que especifica que se concede a mencionada concesión para garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría e require unha actuación inmediata por parte da Xunta.

“Ante esta situación, a Xunta de Galicia ten que intervir para exixir a Ferroatlántica que cumpra coas condicións da concesión e garantice a viabilidade das tres factorías en Cee, Dumbría e Sabón”, reivindica o deputado Francisco Casal, que considera imprescindible unha auditoría dos beneficios extraídos da explotación das centrais hidroeléctricas e a exixencia de que se invistan prioritariamente no desenvolvemento e mellora da competitividade das factorías galegas de Ferroatlántica en vez de dedicarllos a outros negócios da empresa”. 

Aínda non se coñece a cantos traballadores da plantilla fixa afectará, pero de maneira inmediata xa suporá a perda duns cen postos de traballo pola non renovación dos contratos eventuais e a rescisión de contratos das empresas auxiliares. “As excusas da empresa, xustificadas na baixada das axudas de interrumpibilidade e os baixos prezos do ferromanganeso e silicomanganeso nos mercados, son totalmente inadmisibles tendo en conta as características de autoproductor que ten a compañía, o que lle permitiría abastecerse de electricidade a custos moi inferiores as do mercado”, sinala Casal.

Para En Marea detrás deste anuncio está o “negocio fabuloso que fai Ferroatlántica vendendo a enerxía no mercado no canto de abastecer as suas propias factorías, condición que sustenta a concesión das centrais, que se abastecen dun ben público como as augas dos ríos Xallas e Grande que os galegos lles cedemos en concesión precisamente para garantir a viabilidade das factorías”.

Segundo o deputado Francisco Casal,o complexo Cee-Dumbría-Centrais Hidráulicas xerou en 2018 uns ingresos de entre 35 e 40 Millóns de euros. “A baixada de prezos do Ferromanganeso e silicomanganeso, tampouco é unha causa suficiente, xa que a empresa o segue a producir trasladando esta producción as suas factorías en Francia e en Noruega adquiridas cos beneficios obtidos cos rendimentos das centrais hidráulicas da Costa da Morte”, denuncia e engade que “é intolerable que os rendementos das centrais no canto de garantir a viabilidade das factorías de Cee e Dumbría fagan xusto o contrario coa permisividade da Xunta de Galicia”.

Por outra parte,  as condicións da concesión obrigan a empresa a investir en Galicia nun plan industrial que debería garantir tamén a viabilidade e incluso a potenciación da factoría de Sabón que produce o demandado silicio metal base da fabricación de paneis solares fotovoltáicos.

DEJA UNA RESPUESTA