Francisco Casal: “Ferroatlántica tería que destinar os beneficios para  actualizar tecnoloxicamente as factorías e a desenvolver un plan industrial na Costa da Morte, como di o prego de condicións”

Ferroatlántica pechou en decembro, durante seis meses, os seus fornos no 13 e 14 onde fabrica Ferromanganeso na factoría de Cee. Posteriormente anuncia un ERE polo prazo de dous anos. Isto implica a paralización de varias empresas auxiliares, a non renovación de contratos eventuais e a previsible rescisión de contratos a moitos traballadores fixos da compañía. Esta mañá o deputado Francisco Casal reclamou na Comisión de Industria no Parlamento de Galicia que a Xunta lle esixa á empresa que manteña os postos de traballo e garanta o futuro das factorías e, de non ser así, que reverta a concesión das centrais hidráulicas.

Para Casal, Ferroatlántica “podería ter a enerxía máis barata de Europa pero non lles interesa e a Xunta non fai nada por facerlles cumprir a concesión”. Para o parlamentario de En Marea “o que que tería que facer Ferroatlántica é que os beneficios, que nós calculamos en máis de 20 millóns de euros, se terían que destinar á actualización tecnolóxica das factoría e a  desenvolver un plan industrial na Costa da morte como di o prego das condicións”. Mentres, “levan todo o material a outras factorías de Ferroglobe para abastecer aos seus clientes”.

As escusas da empresa, xustificadas na baixada das axudas de interrumpibilidade, son para En Marea “ totalmente inadmisibles tendo en conta as características de autoprodutor que ten a compañía, o que lle permitiría abastecerse de electricidade a custos moi inferiores as do mercado. Pero parece que Ferroatlántica prefire facer un negocio fabuloso vendendo a enerxía no mercado no canto de abastecer as súas propias factorías, condición que sustenta a concesión das centrais.”

En Marea tamén propón a posta en marcha dunha auditoría financeira para concretar os ingresos das centrais hidroeléctricas de Ferroatlántica dos últimos 10 anos e as contas e resultados das mesmas para determinar se están a soportar cargas económicas improcedentes ou desmesuradas comparadas con prezos de mercado. Cos resultados da auditoría esixir a Ferroatlántica a facer as inversións necesarias nas súas factorías que garantan a súa viabilidade, segundo o que marcan as condicións da concesión das centrais.

A iniciativa foi rexeitada cos votos en contra do Grupo Parlamentario Popular.