Pancho Casal: Agardamos que no pacto dos representantes galegos de Galicia En Común Podemos e do BNG con Sánchez estean incluídas solucións para o sector enerxético galego e para as industrias electrointensivas.

O deputado de En Marea, Pancho Casal, solicitou esta mañá que o goberno do Estado tome medidas para para reducir o impacto do peche da da central térmica de As Pontes.  En Marea solicita plans específicos e dotados de orzamento para manter os postos de traballo da poboación da localidade e das comarcas afectadas do Eume, Ferrolterra, Ortegal e Vilalba.

O deputado esixiu que o goberno deixe de teimar na dependencia do carbón e que asuma que está en vías de desaparecer para poñerlle remedio a través dos orzamentos da Xunta e do Estado, algo que non quixeron facer e iso que “isto viase vir desde que en 2007 pechou a mina a carón da central, o problema é que en 12 anos non se fixo nada”.

Pancho lembrou que a falsa solución de eliminar o céntimo verde non serviría, nin moito menos, para garantir o futuro da central xa que unha central como a das Pontes emite tres veces máis de CO2 que unha central de gas, algo sabido desde hai anos, cando o goberno de Rajoy puxo en marcha o mercado de dereitos de emisión de CO2. “O problema non é o céntimo verde, o problema é que “a política enerxética do actual goberno do Estado é a mesma que a do goberno de Mariano Rajoy que, ademais de non facer nada, reduciu a partida das compensación para reconversión das zonas carboníferas, nas que había 56 millóns de euros que había para As Pontes. O primeiro que debería facer o goberno é recuperar eses cartos. É curiosa a posición da Xunta de Galicia que busca culpables no lugar de buscar solucións”.

En Marea presentou esta mañá ás 20 propostas de En Marea para garantir o futuro das comarcas afectadas e agarda que se cumpran todos os acordos sobre a restauración laboral e a recolocación de postos de traballo de toda a xente que nestes momentos vai quedar sen emprego, especialmente dos traballadores das empresas auxiliares e os transportistas do carbón, pero tamén toda a vila que queda sen o seu principal motor económico.

Unha axenda galega para afrontar os problemas de Galicia

Para que este desexo sexa unha realidade Casal manifestou a importancia de que os representantes galegos en Madrid fagan valer os seus votos na investidura e que as necesidades dos galegos e das galegas estean presentes nas fotos do pacto de goberno: “Agardamos que no pacto dos representantes galegos de Galicia En Común, Podemos e do BNG con Sánchez estean incluídas solucións para o sector enerxético galego e para as industrias electrointensivas”.

Do mesmo xeito fixo referencia a AP9, da que solicitou a súa transferencia e gratuidade. En Marea ten claro claro como rescatar a AP9, e pasa por evitar a construción da A57 que circulará paralela a AP9 desde A Coruña ata O Porriño, e por empregar eses cartos para o rescate da autoestrada máis cara do Estado.

Finalmente fixo referencia a necesidade de que aparecera un borrador de parte do PSdG, do BNG e de Galicia En Común Podemos coas medidas para solucionar o sector enerxético galego e as industrias electrointensivas porque “semella que Teruel vai existir nesas fotos pero que Galicia non vai estar presente. Os cartos do Estado que veñen para Galicia deben decidirse en Galicia, é perfectamente compatible unha axenda social estatal cunha axenda en clave galega. Galicia leva 40 anos “doando” enerxía a todo o Estado, xa é hora de que ese esforzo veña de volta”

20 medidas de progreso para as comarcas de As Pontes e Meirama.

1.- Poñer en marcha de inmediato un grupo de traballo para desenvolver o “Mapa da Transición Sostible de Galicia (CLEW-Galicia)”, baixo a dirección e coordinación das Universidades galegas coa participación de todos os colectivos implicados: Xunta de Galicia, Goberno do Estado, Concellos, empresas, sindicatos, asociacións cidadáns e ecoloxistas, etc.

2.- Poñer en marcha de inmediato un grupo de traballo, en paralelo ao “CLEW-Galicia”, para desenvolver dous proxectos piloto do mencionado Mapa nas macrocomarcas de Ferrolterra-As Pontes-Eume-Ortegal e Cerceda-Ordes-Terras de Melide-Arzúa, baseándose en modelos xa existentes en varias rexións europeas.

En nove meses, antes de terminar esta lexislatura, poderíase ter unha versión cero destes Mapas e comezar a vehiculizar fondos europeos, estatais e da propia Xunta de Galicia para poñelo en marcha.

3.- Instar aos Ministerio de Industria e Turismo e Transición Ecolóxica a constituír o grupo de traballo no que se integren as Comunidades Autónomas, para analizar o modelo de transición enerxética máis racional e sustentable ambiental e economicamente.

4.- Instar a Consellería de Economía, Emprego e Industria a constituír de inmediato Grupos de traballo nos Concellos de As Pontes e Cerceda con participación da administración autonómica e local, así como de colectivos sociais, medioambientais e empresariais, dotándoos orzamentariamente para desenvolver proxectos e plans estratéxicos de desenvolvemento económico e formativo que transformen en oportunidades, as ameazas que poden supoñer para estes concellos a implantación de políticas de transición enerxética na liña do marcado pola Unión Europea.

5.- Instar aos Ministerios de Industria e Turismo e Transición Ecolóxica a desenvolver convenios marco de colaboración coa Xunta de Galicia e os Concellos de As Pontes e Cerceda segundo as bases reguladoras das axudas para o impulso económico das comarcas mineiras do carbón, mediante o desenvolvemento de proxectos de infraestruturas, proyectos de restauración de zonas degradadas a causa da actividade mineira e programas de capacitación técnica para traballadores e empresas. Medida recollida nos Orzamentos do Estado de 2018 na súa disposición adicional centésimo oitava, e que non foi executada.

6.- Instar ao Ministerios de Industria e Turismo e Transición Ecolóxica a incorporar as actuacións adicionais de proxectos dos sucesivos plans sectoriais do carbón (Fondos MINER), que foron paralizados polo Goberno do Partido Popular no ano 2012 nos Concellos de As Pontes e Cerceda e que se encontran pendentes de liquidación. Medida recollida nos Orzamentos do Estado de 2018 na súa disposición adicional centésimo oitava.

7.- Incluír nos orzamentos do 2020 da Comunidade Autónoma de Galicia partidas directamente relacionadas ao fomento de iniciativas empresariais e formativas, principalmente no eido das enerxías renovables e novas tecnoloxías presentes na transición enerxética, nos Concellos de As Pontes e de Cerceda e as súas comarcas.

8.- Instar a Endesa é Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa), tendo en conta os enormes beneficios acadados explotando os recursos naturais desas zonas e os impactos medioambientais, a ser participes das iniciativas empresariais, principalmente no eido das enerxías renovables e tecnoloxías presentes na transición enerxética, nos Concellos de As Pontes e de Cerceda e as súas comarcas. Estas iniciativas formarían parte dos plans que as compañías terían que desenvolver para garantir o mantemento de todos os postos de traballo actuais das centrais.

9.- Promover prioritariamente proxectos na liña da Transición Ecolóxica. Os proxectos que ata este momento se tiñan apoiado estaban vinculados ao desenvolvemento de novas infraestruturas físicas, non dunha maior capacidade técnica dos traballadores. Hai que apostar de maneira decidida pola formación profesional no eido da sustentabilidade e das novas tecnoloxías presentes na transición enerxética: Instalación e mantemento en enerxías renovables; técnicas de eficiencia enerxética en edificios; técnicas de reciclaxe e eliminación de residuos; etc.
Os axentes económicos non buscan nestes momentos lugares con polígonos industriais, se non lugares con traballadores moi ben formados e cun alto nivel de produtividade. É tamén con infraestruturas dixitais e de banda larga de última xeración. Porque non as primeiras de 5G en Galicia en As Pontes e Cerceda. Isto é o complexo e diferenciador, facer unha nave non aporta ningún valor engadido.

10.- Desenvolver nas dúas comarcas ciclos formativos tanto para estudantes como para traballadores en activo de Formación Profesional en produción, instalación e mantemento de parques eólicos, instalacións fotovoltaicas, xeotérmicas e de biomasa. Isto atraería a empresas destes sectores a instalarse nestas comarcas.

11.- Promocionar e incentivar as actividades locais non deslocalizables que aproveiten os recursos autóctonos. Todo elo na liña de non volver ao monocultivo industrial.

12.- Recoñecer a paisaxe como elemento fundamental para o benestar das persoas e a actividade c ica Desta maneira desenvolver iniciativas, co apoio financeiro de Endesa e Naturgy, para que as escombreiras pasen a ser elementos culturais, de ocio e de turismo sustentable.

13.-Creacción do Centro de Recursos para o Desenvolvemento Sostible de Galicia. Coa participación do Estado, empresas e asociacións ambientalistas. Asociado ao mesmo estaría o centro de testeo de nova tecnoloxía renovable.

14.-Creaccón dun Centro de Eco-Empresas que axude a instalarse na zona a empresas de enerxías renovables, eco-construción, fabricación e instalación de puntos de recarga eléctrica para automóbiles e outros sectores verdes. E por suposto rexeitar proxectos que non vaian nesta liña de futuro e que só presenten proxectos oportunistas ante os posibles incentivos.

15.- Desenvolver un plan piloto para a reforma enerxética de vivendas para conseguir aforros en calefaccióne iluminación, co obxectivo final de vivendas neutras en emisións de carbono. Comezando polas vivendas vulnerables destes Concellos e por exemplo as vivendas das persoas xubiladas de Endesa as que arrebatou os seus dereitos de subministro de enerxía eléctrica. Isto posibilitaría tamén a creación dun novo tipo de emprego especializado na auditoría enerxética e o testeo de medidas de eficiencia que despois se poderían implantar en toda Galicia. Este plan podería dar traballo, despois dun proceso urxente de formación e reciclado profesional a todas as empresas auxiliares que traballaban ata o momento en As Pontes e Meirama.

16.- Creación dun centro de I+D+i para o desenvolvemento de novos materiais que utilicen como materia prima elementos reciclados e o desenvolvemento de novos procesos de reciclaxe.

17.- Creación do Centro de promoción, planificación e desenvolvemento de Comunidades enerxéticas locais en Galicia, localizándoo nas Pontes.

18.- Instar aos Concellos de As Pontes e Cerceda a dar exemplo, desenvolvendo unha política de compras verdes que ademais prime a produción local.

19.- Poñer en marcha de inmediato, en canto esté constituído o Goberno do Estado, os traballos de recuperación ambiental das Rías do Burgo e de Pontevedra. O transporte dos centos de miles de lodos tóxicos a planta de Sogarisa en As Somozas, para a súa inertización podería dar traballo aos transportistas de As Pontes por un período de mais dun ano. En paralelo se desenvolverá e financiará un plan urxente para abrir a posibilidade a estes transportistas de diversificar as súas posibilidades de traballo nun sector de forte demanda.

20.- Desenvolver todas a as accións propias nos orzamentos da Xunta de Galicia, e instar ao Goberno do Estado nas que sexan da súa competencia, así como as actuacións ante a UE, para acadar a Financiación de todas estas iniciativas enumeradas anteriormente:

  • a)  Execución das partidas pendentes, decenas de millóns de euros, dos plans Miner paralizadas polo goberno do Sr. Rajoy.
  • b)  Execución das novas partidas previstas na disposición adicional centésimo oitava dos orzamentos de 2018, todavía en vigor.
  • c)  Reclamar dotacións orzamentarias provintes da recadación por dereitos de emisión de CO2 como contrapartida aos millóns de toneladas que se deixarán de emitir nas Pontes e en Meirama. Todo o Estado que se beneficiou da produción eléctrica nestas comarcas ten que compénsalas agora.
  • d)  Acadar fondos europeos, a partir de 2021, despois de presentar o Mapa da Transición sostible de Galicia e as súas aplicacións as comarcas de As Pontes e Meirama.
  • e)  Incluír nos orzamentos do 2020 da Comunidade Autónoma de Galicia partidas directamente relacionadas ao fomento de iniciativas empresariais e formativas, principalmente no eido das enerxías renovables e novas tecnoloxías presentes na transición enerxética, nos Concellos de As Pontes e de Cerceda e as súas comarcas.
  • f)  Instar a Endesa e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa), tendo en conta os enormes beneficios acadados explotando os recursos naturais desas zonas e os impactosmedioambientais, a ser participes das iniciativas empresariais, principalmente no eido das enerxías renovables e tecnoloxías presentes na transición enerxética. Estas iniciativas formarían parte dos plans que as compañías terían que desenvolver para garantir o mantemento de todos os postos de traballo actuais das centrais.
  • g) Desenvolver dentro das súas competencias tributarias, e instar ao Goberno do Estado a desenvolver dunha nova Fiscalidade ecolóxica.”

Let’s block ads! (Why?)