O grupo parlamentario de En Marea trasladou hoxe ó pleno do Parlamento unha moción co obxectivo de protexer o patrimonio cultural arquitectónico e arqueolóxico galego trala entrada en vigor da Lei de Rehabilitación de Galicia. «Resultan moi preocupantes os intentos de privatizar, comercializar libremente e des regularizar o control social do Patrimonio Cultural por parte dos grandes intereses privados e gobernos neoliberais coma ou seu», sinalou na súa intervención Ánxeles Cuña, promotora da iniciativa.

«Como pensan garantir a protección e conservación do patrimonio cultural arquitectónico e arqueolóxico galego cando se pretende obviar as proteccións derivadas da Lei do patrimonio cultural de Galicia e dos Plans Especiais de protección xa existentes?», preguntouse a parlamentaria de En Marea, para quen a nova lei contradi a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei do Solo. «Cando unha lei se redacta dicindo que un plan especial non serve para nada, non podemos esperar que solucione, rexenere, e que sexa beneficiosa e positiva para Galicia».


Para En Marea a nova lei  «elimina controis en todo tipo de obras tanto no exterior como no interior de milleiros de inmobles en toda Galicia, tamén os que se atopan en cascos históricos declarados BIC pero non contan con protección individual, ou os situados nas parroquias polas que pasan os camiños de Santiago».

Outro dos grandes doentes do patrimonio galego son os nosos cascos históricos, tanto aqueles cascos históricos protexidos como BIC, como o de Monforte,  onde varias vivendas históricas están á agarda de sentenzas de derrube, como aqueles que nunca acadaron protección por desleixo administrativo. «Os nosos cascos históricos non só están a sufrir importantes danos senón que se están a perder para sempre e dun xeito irrecuperable», denuncia Cuña para quen detrás desta situación está a especulación urbanística, o fenómeno da construción incontrolada e a falta de directrices e ordenación para a súa conservación. Un caso singular é o de Marín, no que a pasada primavera se derribou unha parte enteira do seu casco histórico paso a novas promocións».

En Marea considera que a aprobación da lei de rehabilitación de Galicia «é outro exemplo  do sistemático programa de desmantelamento dos servizos públicos e do profundo desprezo polo patrimonio cultural que amosa o PP, que ao non establecer criterios artísticos e históricos que fagan da acción administrativa unha acción regulamentada, xera risco de espoliación evidente». No mesmo sentido, Ánxeles Cuña, explica as contradicións desta lei galega «contradí o Contido do Plan Especial de protección da Lei 5/2016 de 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia, texto específico para calquera actuación sobre o patrimonio no ámbito autonómico», indicou a deputada de En Marea, engadindo que tamén contradí «a lei de solo 2/2016 de 10 de febreiro que di que a figura que ordena e planifica é un Plan especial. cap 5. art 40″. Tamén sinalou na súa intervención parlamentaria que a lei contradí a Constitución».