Redacción Galiza | En Marea

O grupo parlamentario de En Marea levou a pleno unha proposición de Lei na que se pedía a derrogación do artigo 210.1 e 211 que regula o factor de sostibilidade nas pensións e a modificación do artigo 58 da lei 23/2013 para que as pensión se actualicen, cando menos, o mesmo que o IPC. Na súa intervención o deputado de En Marea, Manuel Lago, asegurou que a Lei 23/2013, que modificou o sistema publico de pensións, na realidade “é unha reforma radical que baixo a pretensión de recuperar o equilibrio financeiro do sistema o que fixo foi reducir o gasto, isto é, baixarlle a pensión aos pensionistas actuais e a os futuros”. Unha reforma radical porque abandona a lóxica de facer compatibles dúas condicións fundamentais: a sostenibilidade económica do sistema si pero a suficiencia das pensións tamén e rompe cos consensos básicos previos e con principios aceptados pola maioría como era o mantemento do poder adquisitivo das pensións.

Unha reforma que racha incumpre ademais un mandato constitucional claro que obriga a revalorización das pensións para asegurar a suficiencia económica das persoas. “Por riba da Constitución, dos consensos sociais e políticos, por riba sobre todo dos pensionistas está cumprir co ditado da Troika, que nos anos máis duros da recesión impuxo a estratexia da austeridade, da redución do gasto público, tamén no sistema público de pensións” lamentou Lago.

A reforma de 2011 supuxo elevar a idade de xubilación ordinaria de 65 a 67 anos, aumentou de 15 a 25 anos o período de computo para o cálculo da pensión, ademais de endurecer as condicións de acceso establecendo, entre outras medidas, a obriga de cotizar 37 anos para ter dereito ao 100% da pensión. A reforma de 2013 e máis simple pero máis dura aínda, porque anticipa a 2019 a aplicación do factor de sustentabilidade pero sobre todo porque elimina a actualización das pensións vinculada ao IPC e introduce un denominado índice de revalorización das pensións.

“Sexamos claros. Todas estas medidas teñen como único obxectivo reducir o importe das pensións que cobran os pensionistas, os actuais co índice revalorización e a dos pensionistas futuros co factor de sostenibilidade” denunciou o deputado de En Marea.

Para o grupo parlamentario asegura que o mal chamado factor de sostenibilidade supón un recorte gradual pero sostido no tempo que vai provocar unha redución moi importante da pensión inicial en comparación co ultimo salario, o que se coñece como taxa de reposición. A aplicación do factor de sostenibilidade a partir de 2019 vai implicar unha redución do 0,7 por cento na pensión inicial, unha perda que se vai acumulando co paso do tempo ata chegar ao 15 por cento de caída en vinte anos.

Pero o recorte máis duro da reforma de 2013 é o denominado índice de revalorización porque afecta a todos os pensionistas, tanto aos actuais como os futuro, e condena a unha perda continuada e acumulativa de poder adquisitivo. “Desligar o aumento da pensión da variación do IPC vai provocar, está provocando xa, un profundo deterioro do nivel de vida dos pensionistas porque os prezos medran moito máis que as pensións que perderan valor en termos reais” advertiu Manuel Lago.

O plan do Goberno e facer permanentemente unha situación de condena aos pensionistas a un deterioro continuado da súa situación económica. Os pensionistas van perder o 40% do seu poder adquisitivo. Isto é inaceptable, porque si non se recupera a referencia ao IPC as pensións baixas de hoxe se converterán en pensións de miseria mañá. “Para que se entenda mellor, é como si a pensión media actual en vez de 788 euros fose de 473, a dos autónomos en vez de 561 euros baixara a 337 e a de viudedade fose de 330 euros ao mes” explicou.

A perda de poder adquisitivo de 750.000 persoas, o número actual de pensionistas en Galicia, que irá medrando nos próximos anos ata chegar a preto de 1 millón dentro de 25 anos. Un aumento da pobreza e da desigualdade, porque as pensións de hoxe son moi baixas e o deterioro das mesmas en termos reais vai situar a gran maioría dos pensionistas por debaixo do limiar de pobreza. O deterioro do benestar do 35 por cento dos fogares galegos, que segundo o Instituto Galego de Estatísticas teñen na pensión a súa fonte principal de ingresos.

Con esta situación debilitarase o crecemento da economía e da creación de emprego porque o gasto realizado polos pensionistas supón a cuarta parte do consumo dos fogares, e reducir o seu poder adquisitivo supón debilitar a demanda interna que é a variable determinante no crecemento económico. O impacto negativo da non revalorización das pensións está cuantificado nun recente informe de AFI para o conxunto do Estado nun menor incremento de 1,5 puntos de PIB cada ano cun custe de 300.000 empregos menos cada ano.

O deputado de En Marea desmentiu así mesmo a xustificación dada polo Partido Popular para xustificar este empobrecemento dos pensionistas asegurando que o sistema non te recursos para soportar que as pensións suban o mesmo que o IPC. “É unha falacia demostrada nun informe oficial que o Ministro de Empleo y Seguridade Social entregou na comisión permanente do Pacto de Toledo o 2 de novembro de 2017” asegurou Manuel Lago O Ministerio demostra neste informe que incrementando as pensións o mesmo que o IPC, o gasto aumentaría tan só un punto de PIB dentro de 13 anos e dous puntos dentro de 33 anos. Un incremento mais que razoable porque nese tempo vai aumentar o numero de pensionistas e polo tanto será necesario dotar con maiores fondos o sistema publico de pensións.

Para facelo habería que corrixir nos vindeiros 20 anos os 8 puntos de PIB de menor presión fiscal que ten España en comparación coa media da UE. Ademais de redistribuír o gasto publico cambiando as prioridades do mesmo, colocando as pensións como primeira opción a destinar fondos que hoxe teñen outros destinos, dende o pago de intereses da débeda ao gasto militar.

A resposta á teima do Goberno do PP a non levar a cabo estas medidas para o grupo de En Marea está tamén nun documento oficial como é o Programa de Estabilidade que cada ano ten a obriga de presentar o goberno diante das autoridades europeas para explicar a estratexia orzamentaria e fiscal do Reino de España. Neste o Goberno define o obxectivo central que ten o Goberno do PP e reducir o tamaño do sector público, o que, obviamente, inclúe o sistema de pensións. Así, o plan do Goberno é baixar dun gasto público actual equivalente ao 42,4% do PIB a tan só o 39,2% en 2020, isto é 3,2 puntos que co PIB actual supoñen un recorte de máis de 37.000 millóns de euros.

“Esta é a razón de porqué o goberno non quere actualizar as pensións, a pesares da enorme dor social que provoca esta decisión e as graves consecuencias que ten sobre o benestar da cidadanía e mesmo sobre a economía. Non é por unha restrición económica, nin está provocada pola demografía. A razón real e o fundamentalismo neoliberal do goberno, a súa obsesión por reducir o gasto público” concluíu Lago.

Por todo o anterior o grupo parlamentario de En Marea presentou unha proposición de lei na que propón a derrogación do artigo 210.1 e 211 que regula o factor de sostibilidade e a modificación do artigo 58 da lei 23/2013 para que as pensión se actualicen, cando menos, o mesmo que o IPC, proposta que tombou o grupo parlamentario do Partido Popular votando en contra no pleno da revalorización das pensións.

DEJA UNA RESPUESTA