Luís Villares  e Ascensión Cambrón, presentaron esta mañá a xornada de debate que terá lugar mañá no Parlamento Galego.

En Marea e a Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente organizán mañá unha xornada de debate no Parlamento Galego coa Presidenta da Asociación polo Dereito a Morrer Dignamente, Ascensión Cambrón, o veciño de Ramón Sampedro e activista, Xosé Lois Vilar, e a médica do Servizo Galego de Saúde, Isabel Blanco, nunha conversa conducida polo voceiro de En Marea, Luís Villares. Trátase dunha xornada aberta ao público e ao resto dos grupos políticos do Parlamento, que poderán anticipar un debate que terá lugar na cámara nas vindeiras datas.

Na presentación afondaron na necesidade de ampliar dereitos e de promover unha reforma legal para despenalizar a eutanasia e o suicidio asistido para garantir un final de vida de digno, unha demanda apoiada polo 87% da cidadanía española. Segundo Villares “é o momento para facelo e queremos facelo no Parlamento de Galicia cunha xornada de reflexión compartida que promovemos nós pero que podería promover calquera grupo  político porque é algo que nos afecta a toda a cidadanía”.

Ascensión Cambrón, pola súa banda, reivindicou o carácter ético e moral da proposta e apostou por constitucionalizar un dereito individual que a sociedade apoia de xeito maioritario “É unha evidencia que non é unha demanda dun so grupo politico, é unha aspiración transversal que sostén a maior parte da poboación” e enfatizou no carácter voluntario da decisión: “do mesmo xeito que se aprobou a lei do divorcio e moitísimos españoles non se teñen divorciado consideramos que é un plus democrático contar con este dereito. Nesa liña de afondar nos dereitos dos doentes ten o Parlamento de Galicia a Lei de Morte Digna, e agora parécenos axeitado discutir esta nova posibilidade para complementar as iniciativas que van ser debatidas no Parlamento do Estado Español”.

A labor de calquera Parlamento en democracia é ampliación de dereitos fundamentais que melloren a calidade de vida da cidadanía: ”para nós o primeiro dereito fundamental é o dereito a vida e por suposto entendemos que o dereito a unha vida digna debe ter como corolario o dereito a un final de vida digno. Precisamente  é o debate que En Marea quere trasladar a cámara galega  para introducir un debate asumido pola inmensa maioría da sociedade e soamente falta que o lexislador indo por detrás da pulsión social sexa capaz de recoñecelo”, continuou o voceiro.

Hai dereitos que non poden agardar máis tempo. Cada certo tempo historias de vida reais que poderían ser próximas a calquera de nós, onde se vive unha situación de sufrimento que da lugar a un desenlace que “nós entendemos como o máis humano. Aínda coñecemos este ano o caso de María Jesús Carrasco, que foi axudada polo seu home, e que aínda neste momento estase enfrentando a un proceso xudicial precisamente por evitar a continuidade dun sufrimento sen fin”

En Marea quere que Galicia sexa protagonista dun debate que xa viviu desde o punto de vista social e tamén desde o lexislativo nos anos 90 co caso de Ramón Sampedro e que “nós pensamos que neste momento volvamos resocializar un debate que sempre estivo aí e que sexamos coprotagonistas, igual que o son outros Parlamentos Autonómicos, a hora de promover a despenalización e unha regulación legal que provexa este dereito con plenas garantía”.

O Parlamento Galego está en plenitude de funcións e pode impulsar unha reforma lexislativa que despois entre no Congreso dos Deputados unha vez pasado o 10 de novembro. “Quero poñer isto en valor porque nos permite poñer na axenda lexislativa do Estado un debate importante para o conxunto da sociedade. O feito de que houbese lexislaturas frustradas non debe impedir que co inicio da nova lexislatura poñamos isto na axenda política”.

Por último Villares reiterou o seu convite ao resto dos grupos para enriquecer a xornada e achegar posturas “Queremos promover este debate, por iso a primeira reflexión colectiva quixemos facela nesta cámara, en primeiro lugar porque pensamos que non hai lugar máis idóneo e ,en segundo lugar, para convidar a todos os grupos para que poidan participar dun coloquio posterior e a partir de aí levar a iniciativa a debate nesta cámara”.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario