O voceiro de En Marea insiste en que o  goberno de Sánchez faga valer toda a lei de memoria democrática para que de verdade haxa xustiza e reparación.

Se ENDESA falseou os datos hai que abrir un expediente sancionador e impulsar unha querela criminal contra os seus responsables por falsidade en documento mercantil.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, analizou esta mañá o traslado do féretro de Francisco Franco como unha medida que, en función das actuacións futuras, pode ser propagandística ou un punto de partida para a restauración da memoria democrática do noso país: “non pode haber memoria histórica selectiva. A amnesia non é unha solución para o noso país. Precisamos memoria, xustiza, reparación. É unha cuestión de dignidade e saúde democrática. Tras o traslado de Franco, as exhumacións deben continuar, tamén no lado republicano”.

Villares evindenciou o apoio de En Marea a esta tardía decisión, que calificou como “necesaria”, pero tamén como “insuficiente”: “O PSOE ten unha oportunidade de demostrar que isto é máis que propaganda. Para iso cómpre facer valer toda a lei de memoria histórica.”

En Marea solicita un compromiso serio e decidido que pase por unha sistematización de todos os esforzos de recuperación da dignidade colectiva e da memoria democrática en Galicia e por iso propón a creación dunha Oficina de atención as Vítimas do Franquismo de carácter mixto e cooperativo, Xunta-Estado, que cumpra coas seguintes funcións.

  1. Facilitar o acceso aos investigadores e as investigadoras aos rexistros e arquivos, especialmente os militares, que aínda hoxe non se produciu en toda a súa a extensión. Un pretendido dereito á intimidade dos asasinos fascistas non pode impedir ás familias dos asasinados coñecer e documentar a verdade sobre o sucedido e o paradoiro das persoas.
  2. Ordenar e axilizar a exhumación de todas as fosas comúns e enterramentos en cunetas, para a súa posterior devolución gratuíta ás familias.
  3. Investigar e recuperar todos os bens espoliados pola casta franquista, non só os da familia Franco, como o Pazo de Meirás, a Casa Cornide e as estatuas de Abraham e Isaac, senón de toda a elite do réxime, incluídos os bens da Igrexa católica que fosen adquiridos ou inmatriculados deste xeito.
  4. Inventariar todos os xuízos políticos franquistas para elevar ao goberno a súa anulación, comezando polo de Alexandre Bóveda, e a seguir por todos os demais asasinados baixo a farsa duns procesos que non foron tal.
  5. Investigar e documentar todos os bebés roubados na ditadura das súas familias biolóxicas para que as persoas secuestradas e os seus descendentes podan coñecer ás súas familias de orixe.

O voceiro anunciou que presentarán na cámara galega medidas políticas concretas para o seu debate cos outros grupos e para ampliar os dereitos da cidadanía: “Estas iniciativas non prexudican a ninguén, non van contra ninguén, non restrinxen dereitos e amplían a memoria. Amplían dereitos para reconciliarnos co noso pasado, en paz e en igualdade”.

SOBRE A CENTRAL DAS PONTES E AS DECLARACIÓNS DA MINISTRA EN FUNCIÓNS.

Ante a entrevista a Teresa Ribero, na que evidenciou que poden os datos de contaminación de ENDESA poden estar falseados para enganar as administracións e a cidadanía sobre a súa viabilidade: “Se isto é certo pedímoslle que lle abran un expediente sancionador e estuden impulsar unha  querela criminal contra os seus responsables por falsidade en documento mercantil”.

SOBRE O AVE É O TREN DE CERCANÍAS  

Villares discrepou das promesas continuas do AVE para Galicia de PP e PSOE cada vez que hai eleccións: “O AVE non vertebra Galicia no día a día, o que vertebra Galicia e a nosa rede ferroviaria convencional que está sendo paulatinamente desmantelado. Que pasa co tren que debería conectar as cidades entre si e ás persoas entre si? Que pasa co corredor atlántico ferroviario? Que pasa coa conexión dos nosos portos exteriores? A cidadanía e o tecido empresarial de Galicia está máis preocupada por un tren que permitise a xente e as mercancías desprazarse en transporte público e que comunicase os portos coa rede ferroviaria, para ser un polo de atracción de todo o tráfico marítimo transoceánico”.

Let’s block ads! (Why?)