A formación considera que este sistema de compra de proximidade sería tamén positivo para comedores de hospitais, residencias e comedores de carácter público

Santiago, 7 de novembro de 2019.-  En Marea proporá no Parlamento de Galicia que todos os comedores escolares do país se abastezan nos mercados locais para mellorar a calidade da alimentación dos escolares e para previr situacións como as acontecidas en distintos centros educativos galegos nos que se rexistraron intoxicacións alimentarias.

A proposta de En Marea é cambiar o sistema actual que de maneira xeral utiliza a Xunta de Galicia de suministro centralizado dos alimentos para os comedores escolares pola compra en mercados locais e de proximidade dos alimentos destinados a estes comedores. En Marea fará esta proposición no Parlamento de Galicia ao tempo que pide que a Consellería de Educación esclareza e dea explicacións sobre a intoxicacións rexistradas desde o comezo do presente curso. No mesmo sentido, En Marea propón á Xunta que o sistema de compra en proximidade sexa tamén utilizado por outras consellerías para os comedores públicos e os correspondentes a hospitais ou residencias.

A proposta de En Marea é que os comedores dos centros escolares e os dos hospitais e residencias e os comedores públicos merquen os alimentos en proximidade e no comercio local, en lugar de facelo como se está facendo actualmente que se merca de maneira centralizada. A proposta ten como orixe as intoxicacións alimentarias rexistradas en distintos centros educativos de Galicia. O pasado 18 de outubro foron afectadas por intoxicacións varias escolas infantís da rede Galiña Azul, dependentes do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, tanto en Cangas como na provincia da Coruña. A Consellería de Sanidade confirmou que a causa fora o menú inxerido, consistente en peixe –palometa– que contería histamina, considerando a Xunta que a causa máis probable para a presenza desta substancia sería a ruptura de cadea de frío do peixe. Este consorcio comunicou ás familias que a empresa adxudicataria do servizo de comedor tiña orde de adquirir os alimentos no mercado local.

En Marea considera que esta solución debe ampliarse a todos os comedores escolares co mesmo sentido co se tomou a medida para o Consorcio Galego de Igualdade e Benestar, para evitar os problemas alimentarios que rexistra un sistema centralizado e que á calidade da alimentación e á saúde dos alumnos. A compra en mercados de proximidade e locais, ademais de favorecer á calidade da alimentación, favorece tamén a dinámica económica dos produtos locais. Para a formación sería necesario apostar pola cociña propia en todos os comedores públicos, principiando polos escolares, cociña propia con produtos da contorna.

A proposta, defendida pola deputada Paula Vázquez Verao, quere tamén que se dea a coñecer cal é o resultado das investigacións das distintas intoxicacións rexistradas en Galicia desde o comezo do curso. Verao pregunta tamén por se a Xunta ten pensado rescindir o contrato da empresa responsable da intoxicación e todas as medidas que teña tomado Educación para coñecer e evitar que estes feitos poidan volver acontencer.

Let’s block ads! (Why?)