En Marea ten claro que a presunción de boa fé que xustificaría o pago dunha compensación económica á familia Franco pola devolución do Pazo de Meirás en ningún lugar pode ter cabida. E é que a propiedade alberga “unha historia negra de extorsión, de abuso, de violencia e de coacción. Non foi un agasallo do pobo. Foi un violento espolio perpetrado en plena Guerra Civil, cando non existía posibilidade ningunha de negarse, non había marxe para opoñerse”, explica Sánchez.
En Marea apela ao traballo conxunto de formación políticas e administracións para conseguer que o símbolo dunha infamia se convirta por fin no da dignidade democrática e nunha homenaxe ás víctimas do franquismo. “A entrega do Pazo de Meirás ao ditador Franco en 1938, en plena Guerra Civil, foi un espolio organizado por autoridades e membros significados do bando franquista que, en moitos casos, forzaron a veciñas e veciños a achegar diñeiro e terras para que o ditador gozara da propiedade gratuitamente, sen ningunha garantía legal e utilizando todo tipo de ameazas e coaccións”, destaca o vicevoceiro da formación.
Sánchez tamén lembrou ademais que parte do patrimonio ligado ao pazo foi destruído, “como é o caso de parte da biblioteca persoal da escritora Emilia Pardo Bazán, xa que algúns deses libros foron queimados. Outra parte foi retirada do seu lugar de orixe para uso e desfrute privado da familia Franco”.
Así as cousas, En Marea non ten dúbidas de que “a devolución gratuíta do Pazo de Meirás é unha acto de xustiza”. A formación destaca o traballo exemplar realizado nos últimos anos pola sociedade civil organizada para conseguir que este obxectivo se faga realidade; nomeadamente a través da Comisión Pola Recuperación da Memoria Histórica. Uns esforzos que, unidos á historia da propiedade, xustifican o seu futuro destino a usos públicos relacionados coa memoria.
Aposta por abrilo á cidadanía e destinalo a usos relacionados coa recuperación da memoria histórica
“Hai que poñer o Pazo de Meirás ao servizo do pobo galego como un espazo da memoria. Da memoria democrática. Debe ser un exemplo da restitución democrática de dereitos asoballados polo Franquismo”, destaca o vicevoceiro de En Marea; que tamén lembra que “na actualidade a incorporación do pazo ao patrimonio público é unha demanda absolutamente maioritaria na sociedade galega”.
Logo da creación da xunta pro-devolución impulsada pola Deputación da Coruña; e da Comisión de Expertos que recentemente fixo público o Informe no que se incide na vía xudicial; En Marea insta ao goberno do estado a seguir esa última recomendación e a poñer en marcha o pertinente procedemento xudicial. Un procedemento no que a formación agarda se involucre activamente tamén a Xunta de Galicia. “Está Cámara está en condicións de consensuar un acordo. Non deixemos morrer estar oportunidade. Atrévome a dicir que sería unha irresponsabilidade e unha deslealdade” non facelo así, conclúe Sánchez.