Redacción Galiza | En Marea

O grupo parlamentario solicita que o protocolo asinado entre Xunta, Ministerio de Fomento, Portos do Estado e Autoridade Portuaria se deixe sen efecto. E esixe a apertura dun novo proceso negociador que teña en conta o sentir da cidadanía e do goberno local; “que é que ten as competencias urbanísticas e de ordenación”.  O vicevoceiro do grupo parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, levará á Cámara unha proposición para conseguir poñer freo ao acordo a través do cal a Xunta de Galicia, o Ministerio de Fomento, Portos do Estado e a Autoridade Portuaria da Coruña se reservan o dereito a decidir o futuro da fachada marítima desa cidade. A formación está convencida de que unha decisión de tal relevancia non pode tomarse de costas ao goberno local; e esixe a apertura dun novo proceso negociador no que se inclúa ao Concello.

“A Solaina e o Hotel Fisterre, por unha banda; e Calvo Sotelo, Batería e San Diego pola outra; non deben ser obxecto das políticas de pelotazo deseñadas pola Autoridade Portuaria nos convenios de 2004 e no PXOM do 2013; senón que deben ser unha oportunidade para definir o futuro da cidade cunha visión global, na procura do interese xeral e priorizando os usos públicos e dotacionais”. Así o considera En Marea, que lembra que “as mobilizacións da sociedade civil e política da Coruña xa deixaron claro o sentir maioritario da cidade” respecto a eses terreos.

A formación bota a vista atrás para lembrar que, no pasado, a resposta social “ás acción que procuraron a privatización do espazo e a especulación urbanística xa foi clara e contundente”. E mesmo obrigou aos gobernos do Partido Popular a asumir ese sentir xeral e a mudar o seu discurso cara ao da preservación da titularidade pública do litoral coruñés.

En Marea considera que o acordo acadado agora supón “unha enmenda á loita polo dereito a decidir” da cidadania; e, máis nomeadamente, do goberno local; e aposta pola colaboración institucional. “A campaña de Bea Mato non pode condicionar o futuro da cidade”, apunta a formación; convencida de que tras esta manobra se agochan os intereses partidistas do PP.

Fronte á “gran aposta da Autoridade Portuaria”, que pretende a enaxenación privada dos terreos portuarios da Coruña e a privatización do solo público; En Marea reclama a desafectación dos peiraos de Calvo Sotelo-Batería e San Diego para dar forma a unha fachada litoral vinculada a unha finalidade pública, con equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes para o uso público da ciudadanía. O protocolo que ven de ser suscrito “mantén a previsión de privatización do espazo portuario para financiar a débeda da Autoridade Portuaria, e sen que se teñan en consideración outras alternativas que posibilita o novo marco europeo de financiamento e de xestión económico-financiera dos portos”, destaca En Marea. Que critica o “desatino” e a “visión curtopracista” dunha operación “que continúa a apostar polo pelotazo urbanístico”.

Deja un comentario