Redacción Galiza

O grupo parlamentario de En Marea solicita a anulación do título de propiedade do Pazo de Meirás e o seu paso “sen dilación nin demoras” ao catálogo de bens públicos. A deputada Ánxeles Cuña destacou esta tarde no Parlamento a necesidade de dotar á Comisión de Expertos que analiza a titularidade deste inmoble dos medios necesarios para que a operación de venda que planean os herdeiros do ditador non prospere. “En ningún país que pasara dun réxime totalitario a unha democracia se usurparon bens que deberan pasar ao patrimonio público”, destacou a representante de En Marea.

En Marea non ten dúbidas de que o Pazo de Meirás debe deixar de ser unha propiedade privada e dotarse dun uso público. “Cremos que hai unanimidade, vontade, esperanza e acordos históricos” para conseguilo, destacou Ánxeles Cuña durante a sesión plenaria celebrada no Hórreo este luns.

“En Marea cre que habería que incorporar á Avogacía do Estado á Comisión de Expertos”, asegurou a deputada. Quen reclamou a incoación do expediente de recuperación posesoria do pazo e a interposición das accións xudiciais que procedan.

Cuña lembrou que, neste momento, a pretendida venda do Pazo de Meirás “non só se anuncia nunha inmobiliaria cántabra, senón tamén en webs internacionais”. Por eso cre que a Xunta debe tomar cartas no asunto e participar ou coadxuvar as accións legais oportunas para incorporar o mentado pazo ao patrimono público.”Á vista da proba documental existente, e de conformidade coa estratexia xurídica coordinada entre as distintas administracións (estatal, autonómica e local)” en Marea “require avanzar con seguridade e sen pausa”.

Deja un comentario