En Marea insta á Consellería de Sanidade a non ceder ás chantaxes a á usura da empresa propietaria de Povisa e a garantir que calquera acordo relativo ao hospital vigués se vincule cunha mellora das condicións laborais da súa plantilla. A deputada Eva Solla denuncia que o goberno galego consinta en continuar negociando sen ter en conta os datos económicos do último exercício. E é que, a pesar do seu deber legal de facelo, e das repetidas denuncias e reclamacións de En Marea ao respecto, a empresa non ten depositado aínda as contas do último exercicio económico no Rexistro Mercantil.

Para En Marea resulta «totamente inasumible que a Consellería de Sanidade estea negociando nestas condicións, e máis cando as contas da empresa non están depositadas aínda no Rexistro Mercantil», indica Eva Solla, que se pregunta cal é a base sobre a que se están a asentar esas negociacións cando non existe documentación algunha que acredite as supostas perdas económicas que a empresa atribúe ao hospital.

En Marea xa ten denunciado no Tribunal de Contabilidade da Auditoría de Contas a situación, e reclama que a administración tome medidas e non ceda ás chantaxes e presións dos responsables de Povisa. E é que, tal e como destaca Eva Solla, «non é normal que a empresa estea aducindo unha serie de perdas e que as súas contas nin sequera sexan públicas».

A formación lembra a precaria situación en que se atopa a plantilla do hospital vigués, co convenio colectivo paralizado desde 2010. E insta á Consellería de Sanidade a non ceder «á chantaxe continua que fai a empresa», e a non consentir ningún acordo que non contemple a mellora das condicións laborais destes profesionais.

Para a deputada a situación actual supón unha auténtica burla aos profesionais de Povisa e á sanidade pública, «que ten que pagar cos seus recortes o mantemento desta empresa privada. Queremos que se presenten esas contas, e esperamos que o Tribunal de Contabilidade actúe para que sexan dunha vez por todas públicas».

DEJA UNA RESPUESTA