En Marea reclama un incremento de 5 millóns de euros do orzamento destinado á reparación dos danos causados pola explosión de Paramos

En Marea reclama un incremento de 5 millóns de euros nas partidas que a Xunta de Galicia destinará á reparación dos danos causados pola explosión do almacén pirotécnico de Paramos, en Tui. É a proposta que a formación porá sobre a mesa aproveitando o debate dos orzamentos para 2019 que o luns se inicia no Parlamento de Galicia. Nun momento no que, incomprensiblemente e de maneira absolutamente inxusta, ningunha administración asumiu aínda as tarefas de desentullo da zona 0, que amosa unha imaxe practicamente idéntica á que lucía trala explosión de maio.

En Marea insta á Xunta de Galicia asumir o custe do 100% das vivendas danadas pola explosión. Algo que o goberno galego non ten feito, deixando aos afectados nunha situación de desamparo e obrigándoos, de maneira inxusta, a poñer dos seus petos boa parte do custe desas reconstrucións. Así o constatan tamén dende a Plataforma de Afectados, coa que o voceiro, Luís Villares, se reuniu este venres en Tui.

“109.000 euros non son suficientes para cubrir os danos producidos nas edificacións da zona 0, e se a administración non incrementa o seu compromiso orzamentario a veciñanza verase obrigada a poñer cartos do seu peto para afrontar o custe real das reconstrucións”. Asegúrao Pablo Domínguez, da Plataforma de Afectados, que tamén lamenta o déficit orzamentario destinado á cobertura e subsanación  doutros danos, como os 66 vehículos destrozados.

“Entendemos que agora que están a piques de aprobarse os orzamentos da Xunta para 2019 é o momento idóneo para retomar o debate sobre as necesidades pendentes”, indica Villares; que destaca a necesidade de que o goberno galego vaia máis aló das boas palabras e asuma un compromiso explícito cos damnificados de Paramos, que se reflicta de xeito claro nas contas para o vendeiro exercicio.

A proposta de En Marea pasa por un incremento total do gasto destinado a reparar o dano causado de 5 millóns de euros sobre o compromiso inicial da Xunta. “Reclamamos a cobertura do 100% do valor das vivendas afectadas, sexan primeira ou segunda residencia, e un incremento adicional nas demais partidas”, indica Luís Villares, que  tamén apunta a necesidade de que a Xunta teña “un papel preeminente na reconstrución. A veciñanza non é responsable da explosión e non debera pagar nin un só euro do seu peto”.

Insta a acometer o desentullo, aínda pendente, coa máxima urxencia
En Marea considera que xa pasou demasiado tempo sen que ningunha administración se fixera cargo do acontecido, e insta a rematar co abandono e o desamparo ao que están a verse condenadas as persoas afectadas. “Nin a Xunta nin o Estado se comprometeron realmente cos afectados; unicamente o fixeron en parte, e iso é inaceptable”, indica o voceiro, que reclama ademais que os fondos destinados á reconstrución estean exentos de tributación. “Non falamos de ingresos nin de riqueza, senón de fondos destinados a que a veciñanza, que non ten culpa ningunha do acontecido, recupere a normalidade”.

Nesa liña, dende a Plataforma de Afectados denuncian o absolutamente insuficientes que resultan as achegas aprobadas ata este momento pola Xunta de Galicia. Así como tamén a gravidade de que o desentullo continúe pendente. “O Concello asumiu unhas primeiras tarefas de desamiantado da zona 0, pero o desentullo segue sen facer, e a xente estase desesperando”, indica o voceiro do colectivo de damnificados. “Hai quen está comezando a asumir esas tarefas cos seus propios medios para poder comezar coa reconstrución”, e iso, tal e como destaca o voceiro de En Marea, é “inaceptable”. Nesa liña, Villares aposta porque sexa unha empresa pública a que se faga cargo dos traballos; algo que permite a Lei de Contratos do Sector público; e que En Marea insta a acometer, en calquera caso, coa máxima urxencia.

Deja un comentario