- Critica o brutal descenso orzamentario da Xunta para política lingüística e cultura
En Marea insta á Xunta de Galicia a abandonar a senda dos recortes e a dotar ao ensino público de recursos suficientes para que todas as nenas e nenos de Galicia poidan optar a unha educación de calidade independentemente do lugar onde vivan ou do nivel de ingresos do seu núcleo familiar. A deputada Luca Chao denuncia que, un ano máis, o goberno do Partido Popular continúe apostando por unha deriva neoliberal que non fai senón afondar nas diferenzas e negar a igualdade de oportunidades entre o estudantado. E é que, mentres o executivo Feijóo continúa pechando aulas e restando recursos e profesorado aos centros públicos, incrementa a achega destinada aos concertados.
En Marea amosa o seu absoluto rexeitamento aos orzamentos da Consellería de Educación, Universidade e Fomación Profesional para 2019. Unhas contas que “afondan na privatización de xeito imparable”, tal e como este luns denunciou Luca Chao na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia.
A deputada de En Marea denuncia a intolerable aposta orzamentaria do goberno galego, que a pesar de presumir da recuperación experimentada polo PIB galego segue sen traducir esa mellora macroeconómica á súa xestión e ao benestar da cidadanía. “Como pode explicar que cando chegaron ao goberno o investimento no ensino supuxera un 4,24% do PIB, e hoxe esa cifra quede nun penoso 3,56%? Saben que esa cifra deixa a Galicia case tres décimas por debaixo da media estatal, malia que o estado español é o quinto pola cola de toda Europa?”.
Menos fondos para bolsas universitarias
Luca Chao destaca o brutal recorte efectuado na partida orzamentaria destinada a bolsas universitarias. Un eido no que, ademais de reducir drasticamente a dotación económica, o goberno do PP ten apostado por un endurecemento dos recursos de acceso que trasluce a súa visión elitista da educación superior. “Cando chegaron ao goberno esta partida era de 4.137.000 euros. Hoxe é de 3.180.000”, lamenta a deputada de En Marea. Que tamén pon o foco no 43% de recorte efectuado na partida que a Consellería destina a previr o abandono escolar temperá; no 70% menos de recursos para aprendizaxe de idiomas. Ou no 65% que mengua a partida para mantemento de centros escolares e no 98% que se recortan as axudas a concellos con CPIs. “Sen embargo, aumentan os recursos para ensino concertado en todas as etapas educativas: 10,5 millóns de euros máis para os concertos educativos. E fano con forza na formación profesional. Ese novo nicho de mercado que abriu o PP que se incrementou nun 13% na última década. Cuestión de prioridades, claro. Menos para o rural, menos para a prevención do abandono escolar, menos para bolsas, menos para a igualdade de oportunidades, pero máis para quen fai negocios cos nosos dereitos”, lamenta a deputada, que denuncia un orzamento que “afonda na privatización de xeito imparable”.
Para En Marea resulta intolerable que, cando os datos macroeconómicos amosan unha mellora que semella deixar atrás os anos da crise, o goberno continúe optando polo tesoirazo e o recorte do gasto público e as políticas inxustas que non fan senón afondar nas desigualdades. A formación esixe que a Xunta de Galicia abandone xa a senda austericida que caracterizou a súa xestión durante os últimos anos e reforce o gasto público e a dotación orzamentaria para políticas de benestar.
“Dende En Marea rexeitamos estes orzamentos porque non van mellorar a vida das galegas e dos galegos, e porque consagran unha política que entendemos inxusta, insolidaria e ineficaz”, afirma Luca Chao, que insta ao goberno galego a mudar de rumbo e deixar de apostar por políticas ”que empurran á xuventude cara un futuro incerto e pouco prometedor. Muden de óptica, abandonen a lóxica da carteira e collan,dunha vez, as gafas dos dereitos”, reclama a deputada.
“Cando deciden recortar no ensino, eliminando aulas, pechando centros educativos no rural, unitarias, aumentando as ratios, reducindo 1200 docentes e incrementando a carga horaria docente; o que están facendo é dar pasos a prol dun ensino de calidade diferenciado, para quen poida pagalo. O que están facendo é dicirlles a todas as nenas e nenos deste país que, primeiro, non son unha prioridade deste goberno; e, segundo, que o son menos en función do sitio no que vivan. Que os dereitos, en definitiva, nin universais, nin moito menos iguais para todas e para todos”, critica Luca Chao.
73% menos para política lingüística e 60,5% de descenso en cultura
En Marea tamén denuncia o brutal recorte que o goberno do PP ten efectuado no eido cultural, e que se traduce nun 73% menos de orzamentos para política lingüística e nun 60,5% menos para cultura. A deputada Ánxeles Cuña critica a deriva do executivo Feijóo neste senso, e insta a cambiar o rumbo e a incrementar os recursos destinados á defensa e promoción da identidade de Galicia. “É necesario poñer no centro á cidadanía e impulsar unha xestión congruente co deseño dunha política cultural que ten que recuperar o perdido dende 2009”, indica.
A deputada de En Marea denuncia a agresión que supón a redución orzamentaria imposta polo PP á Consellería de Cultura, e que “amosa unha idea clara do compromiso deste executivo coa nosa cultura”.
Axencia Galega de Industrias Culturais: as unidades de producción están menguadas, o Centro Dramático Galego pasou de tres ou máis producións a só unha, con recortes de contratación que non consideramos de recibo. A Axencia necesita máis orzmaneto, pero tamén unha reestruturación que está pedindo todo o sector das artes escénicas dende hai moito tempo. Hai que abordala de inmediato”, indica a deputada. Que denuncia tamén os ataques contra a rede galega de bibliotecas e a industria do libro.
“As bibliotecas galegas están peor financiadas que as do conxunto do estado. Entre 2006 e 2016 desapareceron 100 en Galicia. O número de libros editados descendeu ata o nivel máis baixo dos últimos 20 anos. O gasto en libros decreceu o 54%. O gasto público no sector do libro, o 52%. As partidas para promoción do libro menguaron un 82%, e os recursos para promoción, un 54%”.
No que atinxe a Turismo, En Marea insta ao goberno da Xunta a deixar de lado a visión puramente economicista e a apostar por un modelo que poña en valor o patrimonio e os recursos culturais e naturais. “É necesario ter en conta o tipo de emprego que se xera coa actividade turística e as súas repercusións sobre o patrimonio cultural e natural e no desenvolvemento local”, indica Ánxeles Cuña, que denunciou o nefasto exemplo do Son do Camiño. Un festival adxudicado a dedo e co que o goberno do PP excedeu con moito o orzamento destinado ao total de festivais nos últimos anos. “3 millóns de euros concedidos a dedo, sen concorrencia competitiva e con escuras maneiras de proceder”. Mentres o goberno destina 220.000 euros para todos os festivais de son, e 170.000 para os de artes escénicas. E dan 3 millóns para unha única UTE, sen que os cartaces estivesen en galego, cunha presenza de artistas galegos mínima… se este é o proxecto estrela… Primaron a rendibilidade dunha empresa fronte a outras que nin sequera puideron concorrer. O problema é que eses cartos son de todos”.