Redacción Galiza | En Marea

O grupo parlamentar de En Marea reclamou a través da súa deputada Paula Quinteiro un novo modelo para lle facer fronte ao novo escenario máis complexo e que pasa por defender o rural, eliminando especies pirófitas, profesionalizar a formación dos dispositivos de prevención e extinción e mellorar a rapidez de resposta, actuación e a calidade das intervencións.

En Marea contrapuxo o seu modelo ao do PP que “ven privatizando desde o 2012 as brigadas helitransportadas, xerando unha falta de homoxeneidade e dun mando único” como denunciou Quinteiro na súa intervención.

Por estes motivos, a deputada de En Marea asegurou que non existe ningún motivo para continuar con un “modelo de privatización ineficaz para a prevención e extinción de incendios agás o interese da Xunta e o PP en dar cartos públicos a empresas privadas”, facendo referencia ao informe do Consello de Contas no que censuraba a adxudicación por parte da Xunta dos contratos de medios aéreos á empresa Inaer.

En Marea defende a necesidade de homoxeneizar e crear un mando único efectivo, recuperando os servizos externalizados ou privatizados. Por isto, reclama ao Goberno que sexa a Xunta quen contrate exclusivamente ao persoal das brigadas helitrasportadas e que garanta que todos so helicópteros transporten só a brigadas de bombeiros forestais do SPDCIF. Fronte a isto, o modelo imposto polo Partido Popular que precariza as condicións laborais dos traballadores e traballadoras.

Aprobada a iniciativa relativa ao avance da couza guatemalteca

Outra das iniciativas presentadas por En Marea en comisión parlamentar foi a relativa ao avance da praga da couza guatemalteca que foi aprobada por unanimidade polos grupos da Cámara. Nesta proposición non de Lei, En Marea insta ao Goberno galego a informar sobre o avance da praga e as medidas que se van tomar para erradicala en municipios como Muxía e a Costa da Morte. Así mesmo, solicítase poñer en marcha as medidas necesarias para a súa erradicación e control ao tempo que se informa sobre as axudas concedidas a particulares e produtores.

DEJA UNA RESPUESTA