Redacción Galiza

Audasa, a empresa que xestiona a principal vía de comunicación de Galicia, anunciou os seus resultados económicos confirmando uns beneficios que non impedirán unha nova subida de tarifas para quen se ve obrigado a usar esta autopista. En Marea reclama o rescate desta vía para a xestión pública galega.

O vicevoceiro de En Marea, Antón Sánchez, sinala que os datos ofrecidos por Audasa confirman “un enorme negocio a conta da xente e coa complicidade dos gobernos do Partido Popular”. Sánchez explica que as cifras de Audasa non son de recibo, “a pesar da conxelación das tarifas en 2017, os resultados finais desta empresa sinalan que 1 de cada 3 euros despois de impostos é beneficio”.

O vicevoceiro de En Marea explica que desde o punto de vista económico “os resultados son espectaculares para a empresa” e aínda obtendo uns beneficios sen igual “as galegas imos ter que soportar neste 2018 unha nova subida das peaxes” sen ningunha outra razón que os beneficios da empresa “permitidos polos gobernos cómplices”.

Antón Sánchez insistiu en reclamar o modelo de En Marea para a AP-9 é un rescate que a convirta nunha vía de “xestión pública galega en lugar dunha concesión do Partido Popular a unha empresa amiga”. Sanchez sinalou que como vía estratéxica para o país a AP-9 ten que ser “xestionada en función dos intereses das galegas e non do saqueo dunha empresa cercana ao PP”.

Deja un comentario