A deputada de En Marea, Luca Chao, agradeceu ás familias do IES de Brión, representadas na Cámara galega, a súa loita na defensa dos dereitos educativos das súas fillas e fillos. “Sodes un orgullo e un exemplo de loita e dignidade” afirmou. Fronte a esta admirable actitude, a do Goberno galego que insiste en manter a política de recortes de persoal educativo iniciada polo goberno Feijóo no ano 2010 e que lonxe de mitigarse mantense. “O PP fala de recuperación, mesmo Feijóo. Do mellor inicio de curso en moito tempo. Unha burla ante a realidade de precarización, privatización e pauperización do ensino público. Velaí os tres piares fundamentais da política educativa do partido popular.” salientou Luca Chao. E mentres o ensino público continúa a ser atacado por parte da Xunta, aumenta o financiamento público dos centros privados concertados.

“Menos aulas, menos centros, menos optativas, menos calidade. Menos profesorado. En definitiva, menos recursos educativos malia que medre o alumnado. Tal e como acontece no IES de Brión. Mais tamén en Ordes, Santiso, Roxos, Allariz, Santa Comba, e un longo etcétera de centros escolares que desta vez estanlle dicindo ao goberno, basta xa, basta xa de recortar os nosos dereitos” declarou a deputada de En Marea. Que ve en todos os problemas rexistrados no recente inicio do curso o detonante definitivo para apartar ao conselleiro de Educación das súas responsabilidades.

Luca Chao quixo centrar a o groso da súa intervención no caso de Brión, “un exemplo para o bo, a mobilización decidida da cidadanía a prol dos seus dereitos, e para o malo, o caso de Brión non é o caso, é un caso, un de tantos”. Neste caso a realidade fala de carencias evidentes en persoal docente que xa foi alertado no verán sen que dende a consellería propuxeran solución algunha.

Así, desde o instituto solicitan tres vacantes para poder cubrir a matrícula das materias optativas que se viñan impartindo nos últimos anos con gran éxito dado que recibiron moitos premios dos que a propia Consellaría se ten gabado na súa política comunicativa como por exemplo de robótica. “Premio señor conselleiro, que vostede lle entregou e agora, a inspectora educativa trata como de luxo asiático, que seica que para un instituto do rural, está de máis. Unha indecencia política que debería facela cesar xa do posto que ocupa” asegurou Luca Chao.

“Fachendea vostede de que Galicia é unha das comunidades que mellor atende á diversidade. Desgraciadamente temos que informar de que neste centro, sen a dotación de profesorado que reclamamos, un grupo de PMAR (Programa de Mellora da  Aprendizaxe e do Rendemento, xa sabe) vai desaparecer” denunciou.

A deputada de En Marea criticou que o Conselleiro e o seu departametno leven semanas ignorando as demandas urxentes deste ANPA e o que é peor “faltan á verdade” dicindo que todo sigue igual xa que a realidade é que aumentou a matrícula en 31 alumnos e alumnas por profesor e profesora. “A lóxica é clara. Ratios máis elevadas. Menos calidade” afirmou Luca Chao. Tampouco os grupos son os mesmos xa que se perdeu un cuarto da ESO e gañouse un en primeiro. “O total é o mesmo, si, pero as horas e necesidades docentes non teñen nada a ver.” aclarou.

“Corrixan a súa actitude, escoiten, abandonen a lóxica da carteira e pensen nos dereitos, como din as familias, van seguir en folga, teñen 383 razóns para facelo. Vostede, tamén. Ten as 383 de Brión e as miles de rapazas e rapaces cuxa educación depende das decisións que se toman no seu despacho” recomendou a deputada de En Marea ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

A deputada de En Marea referiuse tamén a outros casos coma as nenas e nenos do CEIP Barrié de la Maza de Santa Comba onde as familias están protestando polo recorte dun docente de Primaria para poder ter tres grupos de 5º curso. Tamén no colexio Castelao de Ordes hai problemas de masificación nas aulas con 26 nenos e nenas nunha de 1º e de 3º de Infantil. As nenas e nenos con necesidades educativas especiais de Roxos, que vostedes non pretenden atender. Ou coma o alumnado do único colexio que queda no concello de Santiso a quen tamén lles queren quitar un profesor.

“Mire señor conselleiro, vostede pode ter a pouca vergoña de vir aquí con triunfalismo, mais ten no seu haber titulares coma este, hai seis días, A antiga escola unitaria de Chandrexa de Queixa reabre como velorio subvencionado pola Xunta. Non se pode dicir máis” concluíu a deputada de En Marea.