
Paula Verao presenta unha PNL no Parlamento Galego co obxectivo de reducir as listas de agarda da sanidade pública.
Para En Marea existen sobradas razóns para manter a manifestación a prol da Sanidade Pública, convocada para o 9 de febreiro en Compostela, e que esta organización política apoia.
A deputada de En Marea, Paula Verao, volve a carga contra as listas de agarda do SERGAS, un problema estrutural calculado polos “xestores” para derivar aos doentes do sistema público de saúde a sanidade concertada en centros de titularidade privada. Así o manifesta a Asociación Defensor del Paciente, que vén abondar nesta realidade do SERGAS, denunciando a espera das persoas que están fóra de axenda e que non computan para a lista de agarda ou sinalando o procedemento de favorecer as concertacións con centros privados.
Se algo preocupa á deputada de En Marea é a opacidade dos datos do SERGAS, pois “transmiten á cidadanía que está pendente de cita unha sensación de desamparo, ante a única información acerca dos datos oficiais das listas de agarda estruturais”. Nesta liña, En Marea esixe datos sobre as rateos de persoal e presenza de especialistas nos centros privados cos que concerta o SERGAS intervencións.
Defensor del Paciente tamén corrobora a sobrecarga asistencial da Atención Primaria e a saturación dos servizos de Urxencias, situación que se vive estes días en varios hospitais galegos (HULA, Pontevedra, Santiago, CHUA, con falta de camas de crónicos ou Salnés), sobre a que En Marea demanda explicacións, tamén, no Parlamento. Ano a ano o SERGAS amosa que carece de plans de continxencia efectivos ante o pico da gripe e que non redimensiona os seus recursos humanos e de infraestruturas.
Amén de esixir as responsabilidades dos poderes públicos que deben garantir que un dereito como a sanidade de calidade sexa efectivo, En Marea quere rematar cunha realidade que maltrata a poboación. A propia Paula Verao confirmou que “instará á Xunta a mellorar os tempos de consulta de especialidades, probas diagnósticas e intervencións no sistema público de saúde e a investir máis na Sanidade pública, de xeito que se evite a dependencia da Sanidade privada que o sistema ten actualmente” .
Para En Marea existen sobradas razóns para manter a manifestación a prol da Sanidade Pública, convocada para o 9 de febreiro en Compostela, unha manifestación que conta cun apoio rotundo por parte da organización política.
INFORME 2019 DEFENSOR DEL PACIENTE
O informe da Asociación Defensor del Paciente do recentemente rematado 2019 é demoledor e asegura que Galicia é a sexta comunidade autónoma en canto a número de persoas en listas de agarda (34.468), sendo as ramas médicas que saen maltreitas Traumatoloxía, Cirurxía plástica e Cirurxía maxilofacial:
“Polas reclamacións que recibimos constatamos que, do mesmo xeito que sucede con Madrid, chamouse a pacientes que estaban en demora cirúrxica para informarlles de que as axendas estaban pechadas e que cando volvesen estar abertas xa se lles avisaría, está claro desaparecendo das mesmas mentres tanto, ese é o truco. Outra opción é que acepten ir a unha clínica particular, é dicir, a finalidade do Sergas non é outra que a de terminar privatizando a sanidade pública”, lamenta a asociación.
UNHA REALIDADE IMPOSIBLE DE AGOCHAR POLA XUNTA DE GALICIA
O SERGAS vén de facer recentemente públicos os datos semestrais da lista de agarda. Deste xeito, os tempos de demora media para intervención quirúrxica sitúanse en 54,5 días en Galiza. Por áreas, redúcese a lista de agarda en Vigo a respecto do semestre anterior, pero sobe en Ourense (48,2 días), Lugo (42,7 días), Ferrol (39,2 días), Santiago (55,5 días), Coruña (63,8 días) e Pontevedra (35,6 días). Segundo os datos facilitados pola Xunta, nos pacientes con doenzas máis graves -prioridade 1- a demora media queda en 16,7 días e para os de prioridade 2, en 55,1.
Ao tempo, a Xunta sigue negando o acceso á información transparente sobre as listas de agarda non estruturais e as derivacións concertadas a centros privados. O día 13 de xaneiro de 2020 aínda se negaba a Xunta – en resposta parlamentar por escrito a unha petición de En Marea – a achegar estes datos desagregados por EOXI.
En lista de agarda non estrutural – e non compatibilizada na estatística publicada polo SERGAS – están as e os pacientes non programables, aqueles que elixen pospoñer a súa intervención ou nos cales se desaconsella a intervención por motivos médicos, pero tamén aquelas e aqueles pacientes aos que non se lle dá cita para consulta de especialidade, proba diagnóstica ou intervención quirúrxica por estar as axendas pechadas, por falta de persoal especialista ou por períodos de vacacións nos que non se cobren as vacantes. Tamén están aqueles/as pacientes que rexeitan operarse nun centro privado, e continúan en agarda no sistema público. Deste xeito, hai constatadas agardas reais de meses ou dun ano ou máis.
A estes e estas pacientes, conforme á Lei 12/2013, do 9 de decembro, de garantías de prestacións sanitarias, ofréceselles operarse nun centro privado, cos que o SERGAS ten concerto, unha situación que en moitos casos se ven na obriga de aceptar, aínda que prefiran operarse no seu centro público de referencia, porque non coñecen o tempo de agarda que lles queda no sistema público.
Por outra parte, aínda que o SERGAS afirma que os centros concertados compren “todos os estándares de calidade e seguridade”, a realidade é que non contan coa garantía do sistema público de presenza de profesionais 24h/365 días, alén de que as rateos de persoal soen ser máis baixas.
UNHA PROPOSICIÓN DE LEI PARA REMATAR COA OPACIDADE E AS LISTAS DE AGARDA.
O obxectivo da iniciativa presentada pola deputada de En Marea é reducir estas listas para que todos e todas as doentes poidan ser atendidos a tempo e con calidade na sanidade pública, un dereito que a xestión do SERGAS está privándolle, beneficiando descaradamente aos centros privados. A proposta presentada insta á Xunta de Galicia a:
- Publicar a información sobre as listas de agarda non estruturais do SERGAS, desagregada por EOXI.
- Volver publicar os datos das listas de agarda con carácter trimestral.
- Establecer un calendario de actuacións tendente a minimizar o recurso do SERGAS aos concertos coa Sanidade privada.
- Incrementar os orzamentos en materia de Sanidade equiparandóos, canto menos, ao investimento sanitario en relación ao PIB coa media da UE.
- Presentar nesta Cámara, no prazo máximo de tres meses, un informe sobre rateos de persoal, especialistas de presenza segundo días laborais e fins de semana e festivos e segundo especialidades ofertadas de todos os centros sanitarios privados aos que o SERGAS deriva pacientes da lista de agarda.