O Parlamento Galego aproba a iniciativa de Luís Villares encamiñada a evitar que os contratos, mercantís ou laborais, obriguen ás mulleres deportistas a renunciar a ser nais durante a súa vixencia.

O Parlamento Galego leva anos sendo escenario de debates políticos sobre a desigual situación na que se atopan as mulleres con relación aos homes e sobre o longo camiño para acadar esa igualdade. Un debate que non deixa de ser a elevación á cámara dunha das maiores inquedanzas sociais do noso tempo, no que a cidadanía reivindica por todas as canles a necesidade de avanzar e de rematar co abuso e cunha desigualdade que, sendo máis ou menos evidente, está presente en todos os ámbitos.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, conseguiu o apoio da cámara para que  as nosas deportistas non sexan vítimas dunha realidade inxusta porque, tal como indicou, “a desigualdade é aínda máis patente no ámbito da excelencia ou en profesións que teñen unha visibilidade pública relevante”.

Aínda que en teoría non hai barreiras para que as mulleres accedan a todos os espazos de responsabilidade e de poder, existen os chamados “teitos de cristal” que impiden que isto sexa certo, provocando o problema adicional de que “as nenas do presente non teñan referentes actuais nas que fixarse para medrar profesionalmente ou para escoller unha profesión para súa idade adulta, moitas veces en espazos absolutamente masculinizados” continuou o voceiro.

As deportistas de elite sofren unha gran discriminación á hora de ser nais polo risco a perder os seus promotores. Unha penalización que implica que as deportistas teñan que escoller entre ser nais e ser deportistas ao máis alto nivel. Villares fíxose eco das palabras da Ana peleteiro cando “reclamaba o dereito para que as deportistas profesionais puidesen ser nais na súa idade natural e non ao final da vida deportiva, que dilataría o exercicio da maternidade ata os 40 anos, idade non recomendada incluso desde o punto de vista médico”.

En Marea critica que a xente que pode seguir co seu plan de adestramentos non poida ter fillas/os, sen perder ás súas promotoras “é un falso dilema o de escoller entre a maternidade ou a carreira profesional, porque non falamos dunha alternativa dentro da carreira profesional senón de continuar nela ou abandonala, algunhas veces de xeito definitivo. Ademais obrigase a tomar esta decisión xogando co pan, cos recursos das persoas ás que lle ofrecen esta alternativa, no caso de que os ingresos e a carreira profesional estea vinculada ao deporte”.

Este tipo de cláusulas xa foran denunciadas pola asociación de Mulleres Deportistas Galegas (Mudega) que consideraba que era discriminatorias laboralmente, reclamando a sindicatos e á inspección laboral a revisar as mesmas, e a colaboración das propias deportistas coa denuncia destas situacións.

Esta situación chama a atención, xa que en moitos contratos deportivos, tanto laborais como mercantís, as lesións teñen un tratamento moito máis benigno na continuidade do contrato, porque considérase que son imprevisibles e inevitables, namentres o embarazo considérase previsible é evitable “por tanto hai unha presión para que a muller evite o embarazo, unha verdadeira coacción económica que obriga a escoller entre a maternidade ou os medios propios de sustento”.

Moitas lesións implican unha maior limitación no tempo, e inda que non é comparable non implican a finalización do patrocinio e/ou promoción. As medidas que se aplican nos contratos privados e supoñen a baixa da deportista no caso de embarazo, ou cando se teña constancia del. A maior parte das xogadoras se están afiliadas ao réxime da Seguridade Social non lles afecta, pero a cuestión é diferente cando se dan uns contratos privados para unhas  determinadas competicións.

O voceiro lembrou que hai que adptar a normativa e que non pode recaer a responsabilidade de defender os seus dereitos na parte máis débil da relación de poder “Dado o marco normativo actual, no caso do deporte profesional feminino non podemos exixir que as mulleres teñan que ir individualmente aos tribunais contra os seus patrocinadores. Non podemos cargar ese carga nas deportistas, pois na outra parte está a forza de quen paga”.

Neste sentido a proposta de En Marea aposta por concienciar ás federacións deportivas sobre este tipo de cláusulas, para censuralas nos seus códigos de boas prácticas, e tamén para dirixirse ao goberno do Estado co obxectivo de modificar a lexislación para asegurar unha perfecta convivencia entre a maternidade e a carreira deportiva.

O cambio que promove En Marea é totalmente posible, e así o amosan algúns clubes de fútbol, como o Burela,  que renova automaticamente o contrato no caso de darse a xestación e o pago da gardería “É cuestión de vontade que a conciliación entre o deporte e o dereito a formar unha familia sexa unha realidade” concluíu Villares.

Let’s block ads! (Why?)