O grupo parlamentario de En Marea comprometeuse coa afectados da estafa de Motorkar, distribuidor de vehículos Opel, na comarca de Ferrolterra en pedir a marca a súa mediación no conflito ao tempo de pedir a intervención da Administración pública para investigar esta posible estafa da que se viron afectadas, polo momento, 44 familias. O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Francisco Casal, mantiveron unha xuntanza onte pola mañá cos afectados para coñecer de primeira man a situación. Na mesma o voceiro de En Marea trasladou o compromiso do seu grupo de se poñer en contacto coa marca Opel para solicitar a súa mediación no conflito. Así mesmo, o grupo rexistrou ao termo da xuntanza diversas iniciativas en primeiro lugar para preguntar ao Instituto Galego de Consumo (IGCC), se son coñecedores do engano ao que foron sometidas estas familias e que pensan facer para controlar a estrutura financeira e garantir a legalidade ao tempo que asegura que non houbo engano.

En Marea rexistrou ademais unha proposición non de lei na que se insta ao Instituto Galego de Consumo a inspeccionar todas as relacións contractuais e financeiras de Motorkard para comprobar que non existisen cláusulas abusivas ou algún tipo de estafa e no caso de ser así que se impoñan as sancións que sexan oportunas.

“A ausencia de control sobre o fluxo monetario entregado polos clientes, e sobre o feito de que o diñeiro entregado non fose destinado ao fin para o que era entregado, sen que saibamos a día de hoxe aínda para que fin foi destinado, coloca á parte feble dos contratos de compravenda, con ou sen financiamento da adquisición, nunha situación de absoluta indefensión” como sinalou o voceiro de En Marea.

A situación creada pola falta de entrega do diñeiro pagado para a adquisición do vehículo constitúe para o grupo de En Marea un ilícito civil en todo caso –e tal vez unha estafa penal- , pois se entregaron unhas cantidades facendo crer que se aplicaban para mercar un vehículo, algo diferente do que finalmente sucedeu. “Estamos ante un engano por parte de Motorkar aos/ás clientes, nunha verdadeira estafa comercial” remarcou o deputado Francisco Casal.

Para En Marea o IGCC, dependente da Xunta de Galicia, debe exercer plenamente as súas competencias en materia control da legalidade nas relacións contractuais en que unha das partes é consumidora, e no seu caso as funcións de inspección e sanción.

O grupo parlamentario comprometeuse así mesmo a presentar tamén nos Concellos afectados iniciativas orientadas na mesma liña para que as Oficinas Municipais de Atención ao Consumidor asuman tamén as súas competencias.

Deja un comentario