Luís Villares e Paula Verao, acompañados dunha intérprete, presentaron está mañá a proposta de lei para modificar o regulamento da cámara.

A deputada de En Marea, Paula Verao, e o seu voceiro, Luís Villares, presentaron esta mañá no Parlamento Galego unha proposta de lei para facer a cámara accesible para as persoas con mobilidade reducida e con diversidade funcional e, predicando co exemplo, fixérono acompañados por unha intérprete de signos.

Paula Verao explicou os motivos que levan a En Marea a defender algo que debería estar xa superado, pois  son dereitos recoñecidos legalmente, despois da convención da Organización das Nacións Unidas, hai máis dunha década e que “podemos dicir non gozan desa igualdade de condicións na vida en comunidade en ningún lugar do mundo e tampouco no noso país. Por iso vimos hoxe presentar a nosa proposta de lei de reforma do regulamento do parlamento que ten que ver sobre todo coas persoas con mobilidade reducida ou diversidade funcional”.

Por moitas leis aprobadas cando os dereitos non levan un fondo económico nin unha decisións política clara para levalos adiante convértense en dereitos de papel. Esta proposta é unha reivindicación esencial dos colectivos que traballan no eido da discapacidade no noso país e “pedimos que a comisión de discapacidade que funciona con carácter non permanente convértase nunha comisión como as  demais con carácter regular e permanente, unha reforma sinxela no regulamento Parlamento, para que esta casa do pobo galego sexa máis inclusiva” continuou.

Nesta X lexislatura contituíronse as comisións de igualdade e discapacidade pero ambas van moi atrasadas no seu traballo con respecto a súa propia planificación. “A nós parécenos de recibo que materias como a igualdade, a discapacidade ou o emprego nun país precarizado sexan permanentes nesta cámara”.

O que se propón tampouco modificaría grandemente o traballo do Parlamento. Con estas modificacións queremos facer máis inclusiva a cámara e por iso queremos facer oficiais as linguaxes de signos tanto en galego como en castelán. Sucede que o Castelán, ao igual que o catalán, xa está recoñecido como oficial, pero “nós o que propoñemos é que tamén se recoñeza a galega para contribuír a inclusión das persoas con discapacidade auditiva ou xordocegueira e tamén o avance da normalización lingüística”.

Outra modificación sería recoñecer que as persoas que sexan asistentes persoais tanto das deputadas ou deputados como persoal que ten acceso ao hemiciclo poida acceder ao mesmo. Neste momento para facelo precisan da autorización de presidencia, non se recoñece explicitamente este dereito. A cámara debe estar adaptada e ser inclusiva. Se hoxe mesmo unha deputada ou deputado con cadeira de rodas chegara ao edificio atoparíase cun edificio que non está adaptado para que poida traballar con normalidade, incluso tería dificultade para acceder ao hemiciclo nin as salas de comisións. “Non se preveu que unha persoa con capacidades diferentes poidese ser representante da cidadanía galega nesta cámara. Queremos resaltar que a inclusión non debe ser o excepcional, algo que teñamos que adaptar para que as persoas accedan, senón que debe ser a norma” concluíu Paula.

Pola súa banda, Luís Villares lembrou o motivo polo que participa activamente da vida política: “Estamos en política para ampliar dereitos e a primeira ampliación de dereitos necesaria e a igualdade de oportunidades. Para comezar queremos a igualdade de oportunidades para expresarnos na cámara que é a sede da soberanía popular de Galicia”.

Para iso, a proposta de En Marea xunta tres reformas destacadas, e que o Parlamento podería adaptar sen maiores dificultades, a primeira sería a declaración da linguaxe de signos en galego como lingua oficial do Parlamento, a segunda facer o edifico fisicamente acesible e a terceira que a discusión sobre as cuestións de igualdade e de diversidade funcional non teñan un carácter excepcional, senón que estean normalizadas e que se poidan obter directamente delas ou das súas sesións pronunciamentos políticos, tal como sucede nas outras comisións que son competencia da Comunidade Autónoma.

“Temos que rematar coa excepcionalidade.A cuestión da superación das desigualdades non é conxuntura, é estrutural e un mandato propio do Estado Social. Nós queremos abrazar a modernidade e a loita pola igualdade no regulamento da cámara e por iso facemos esta proposta de lei, porque estamos comprometidos coa ampliación de dereitos e coa igualdade de oportunidades. Non dubidamos da boa fe de presidencia, pero queremos garantir a ampliación de dereitos por lei, e a lei deste Parlamento é o seu regulamento”, rematou o voceiro.

Let’s block ads! (Why?)

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario