
O voceiro afirmouse esperanzado co goberno de Sánchez,ao que da un voto de confianza, e preocupado pola falta de democracia e tolerancia na dereita.
Luís Villares reclama unha transición enerxética xusta para as persoas traballadoras e unha aposta por loitar contra a fenda salarial.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, contando con que a votación de investidura vaia segundo o previsto, valorou positivamente a formación do futuro goberno do Estado: “como a política española é así, hoxe cabe agardar dende En Marea que as cortes constitúan un goberno democrático, acorde co que votou a cidadanía española, que é na súa maioría, progresista e claramente plurinacional.
En Marea apostou sempre por esta fórmula, pola constitucións dun goberno progresista que recoñeza a plurinacionalidade do Estado e que, por este mesmo motivo, renunciou a presentarse as eleccións nun exercicio de responsabilidade no que a formación antepuxo os intereses de Galicia aos seus propios intereses partidarios. Villares festexou que o esforzo e a renuncia de En Marea fose útil a sociedade: “fixemos un gran sacrificio ao non presentarnos para evitar a excesiva fragmentación do voto progresista galego. Así que agora, celebramos que, salvado o “tamayazo” que Bildu se ofreceu a paliar, se constitúa un goberno democrático, progresista, que comece a traballar xa”.
De cara ao novo goberno o voceiro anunciou que En Marea non vai pedir ningún milagre “como facía o presidente do Parlamento galego ao Apóstolo hai unha semana. O que lle pedimos é que cumpran coas súas promesas e que atendan as tres grandes emerxencias coas que estamos comprometidos e comprometidas”.
Villares enunciou as políticas que solicita do novo goberno para afrontar de verdade ás emerxencias social, feminista e ambiental. Para a primeira En Marea reivindica a ampliación de liberdades civís, comezando pola derrogación da Lei Mordaza e pola despenalización da eutanasia. Tamén neste punto fixo referencia a recuperación de dereitos sociais: “agardamos a derrogación das reformas laborais e o fortalecemento do noso sistema de pensións, si é necesario reforzado tamén coa participación do Estado vía impostos”. Este último punto é de especial interese para Galicia, polo peso demográfico da poboación pensionista e por ser unha reivindicación unánime dos sindicatos e un consenso social evidente.
Para atender a emerxencia feminista En Marea pon sobre o foco tres grandes demandas, que tamén contan cun respaldo social totalmente maioritario. En Marea solicita unha loita incondicional contra a fenda salarial, a implementación de políticas reais de conciliacións e a dotación orzamentaria do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
Por último, e en clave de emerxencia feminista, Villares lembrou a necesidade de liderar o proceso de descarbonización da economía englobado nunha transición ecolóxica xusta para as persoas traballadoras: “precisamos dun estatuto do sector eléctrico que dea solución ás electrointensivas e que alivie os recibos das familias galegas”.
En materia de infraestruturas En Marea defende unha AP-9 galega e gratuíta, sabendo que “a gratuidade da AP-9 soamente pode vir do compromiso de anular a autovía A-57, destinando eses cartos a recuperación da AP9”. Asemade, tamén solicitou vertebrar Galicia a través dos medios de transporte públicos, especialmente do ferrocarril: “queremos o impulso de infraestruturas ferroviarias de proximidade para garantir a conexión dos portos coa rede ferroviaria e para asegurar a mobilidade sostible en todo o territorio”.
Pero, pese ao optimismo e ao voto de confianza outorgado ao goberno, Villares lamentou o papel dunha dereita ou dereitas que “volve sacar a máscara e amosar o seu lado máis sinistro”. A maior preocupación para o voceiro é a virulencia dun Partido Popular arrastrado pola intolerancia e o fascismo de VOX e representado perfectamente polo fillo de Adolfo Suárez: “Hai un tufo reaccionario que ten como consecuencia natural o ambiente pregolpista, o que vimos na cámara española foi un exercizo de balcanización do parlamento, Suárez Illana deu moita vergoña allea, manchando o nome do pai co seu xesto na cámara. Non se pode ser demócrata a tempo parcial, ou se teñen conviccións democráticas ou non se teñen”.
Visto que o PP do Estado, o representado por Casado, non respecta o resultado electoral acadado despois do exercicio democrático da cidadanía, Villares ten moitas dúbidas sobre o camiño que escollerá Núñez Feijóo, porque “non sabemos se é diferente a Casado, aínda que queiramos pensar que si. Por iso nos preguntamos se o PP de Galicia respecta o resultado electoral e o resultado da votación do goberno? Imos ter que avergoñarnos de Feijóo como nos avergoñamos das formas de Casado?”
As preguntas son infinitas ante a intolerancia e o totalitarismo amosado polo líder do PP e do que o Presidente de Galicia non se desmarca con rotundidade: “comparte Feijóo a recuperación do discurso da extrema dereita de Casado? Vai o PP de Galicia alentar as algaradas golpistas secundando as mobilizacións de Vox do día 12? Imos volver ver unha foto de Colón de Feijoo con Abascal?” rematou Luís Villares.