
Luís Villares defende no Parlamento Galego unha Proposición de Lei solicitando a modificación do imposto de Patrimonio
Santiago, 19 de novembro de 2019.-
Dende o comezo da crise, a administración autonómica galega está sometida a unha considerable insuficiencia de recursos públicos que ten importantes consecuencias, por un lado, sobre os Servizos Públicos Fundamentais e polo tanto, sobre o desenvolvemento do estado do benestar, mais por outro, sobre a estabilidade das contas públicas.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, defendeu esta mañá unha proposta solicitando a modificación do gravame do Imposto de Patrimonio co obxectivo de incrementar a recadación para “contar con máis recursos públicos que axuden a corrixir as desigualdades existentes”.
Para cumprir con este obxectivo, “o sistema fiscal debe estar deseñado e articulado de tal maneira que estableza unha coherencia entre a política recadatoria e as políticas de gasto público. Resulta evidente que esta recadación debe rexerse polo principio de progresividade” subliñou Villares.
En Marea defende nesta Proposición de Lei a xustiza social entendida como a creación dun sistema de dereitos e obrigacións equilibrado, onde a recadación de recursos sexa progresiva, equitativa, transparente e onde se asegure o financiamento de políticas públicas orientadas a mellorar a calidade de vida das persoas.
Segundo o voceiro o benestar é un pacto social polo que o conxunto da cidadanía galega se compromete a soster os gastos que orixina o seu funcionamento en función das súas capacidades económicas: “a cidadanía galega está disposta a contribuír cos seus impostos a esta autonomía que non deixe ninguén atrás, sempre que esta contribución sexa xusta e sirva para algo”.
Galicia perde ano tras ano capacidade competitiva, tal como acaba de dicir a Comisión Europea, algo que desmonta o argumentario falaz da dereita que defende a redución ou eliminación de impostos é fundamental para facer o territorio máis atractivo e competitivo é totalmente falso.
Durante a recesión en Galicia, os ricos fixéronse máis ricos. Pola contra, o imposto de Patrimonio evolucionou de forma diferente. Co patrimonio acumulado a decisión da Xunta foi baixar o imposto. Unha rebaixa que de media supuxo un 21%, case 2000 euros/contribuínte: “o IP xa é de ricos, pero é que ademais a reforma foi mellor para os superricos. Un aspecto clave que xustifica a implantación do Imposto de Patrimonio é a de corrixir a desigualdade de renda que se produce no sistema”.
O imposto de patrimonio serviría para a redistribución da riqueza, ao mesmo tempo que aumenta a progresividade na contribución para o apoio aos gastos públicos e supón a obtención dun ingreso público naquelas etapas económicas nas que existe unha clara insuficiencia de recursos e de desequilibrio das contas públicas.
Porén, a Xunta decidiu conceder un agasallo aos patrimonios máis elevados do noso territorio. Concretamente reduciu un 20% a escala de gravame de dito imposto e fixo reducir a recadación nun 11%: “pero obviamente este agasallo non foi suficiente para a avaricia dos máis poderosos que inflúen no PP e a Xunta decidiu de novo conceder un novo agasallo fiscal, esta vez no imposto de sucesións e doazóns. A Xunta decidiu que no imposto de sucesións e doazóns aquelas fortunas ata 1 millóns de euros quedarán exentas de tributar” concluíu o voceiro.
¿Prefieres hacer un ingreso directo? Aquí puedes hacerlo: Triodos Bank: IBAN - ES0714910001283000114479 |