Luís Villares anunciou que esta mesma mañá rexistrarán unha iniciativa no Parlamento Galego para promover o rexeitamento a esta política auspiciada por VOX e axitada polo Partido Popular.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, referiuse esta mañá ao debate que se suscitou estes días no conxunto do Estado e “do que Galicia non debe quedar excluída”, a proposta da extrema dereita en relación a censura educativa e anunciou que En Marea defenderá na cámara galega o rexeitamento político a unha política antidemocrática “auspiciada por VOX e axitada polo Partido Popular”.

En Marea rexeita un sistema no que os pais poidan censurar contidos educativos, porque a liberdade dos cidadáns e das cidadás fórxase nunha educación que amose a diversidade social en igualdade e que ensine nas aulas valores sociais e de convivencia e tolerancia. “Á escola non se vén a escoller, a escola prepara para escoller na vida”, matizou Villares.

O voceiro lembrou tamén que a censura educativa foi prohibida en Galicia mediante catro sentencias do Tribunal Superior de Xustiza que Galicia que foron ditadas no ano 2012 ante o intento do Partido popular de Feijóo de que fosen os pais e non a administración quen decidise en que lingua se impartían as materias troncais: “Nesta ocasión os tribunais trouxeron o sentido común que lle faltou a Núñez Feijóo no ano 2009, que a escola é o lugar que forma en valores democráticos a toca xente moza, inda que os pais non queiran nin oír falar de democracia, de igualdade, de tolerancia ou de respecto. Os pais non teñen dereito a que a escola lles esconda o acceso a estes valores”.

O TSXG determinou que a Xunta de Galicia estaba a vulnerar a configuración do dereito fundamental a educación, recollido na Constitución, posto que os poderes públicos teñen encomendada a programación xeral do ensino de cuxa potestade a administración non pode abdicar. Matizaba tamén que a elección familiar restrínxese unicamente a decisión de se o alumnado cursaba ou non a materia de relixión.

REAPERTURA DO PARITORIO DE VERÍN

Ao longo desta fin de semana coñecemos a decisión da Xunta de Galicia de rectificar e, polo tanto, reabrir o servizo de paritorio de Verín e as urxencias pediátricas nesta localidade. Para En Marea esta rectificación é “unha victoria clara e rotunda da cidadanía fronte ao maltrato sanitario ao que Núñez Feijóo somete ao conxunto da poboación de Galicia, unha victoria contra a violencia machista institucional contra as mulleres e os seus bebés e unha victoria cidadá fronte ao estrangulamento do medio rural”.

Na  enloquecida carreira de recortes sanitarios que non cesan nin cesaron ao longo desta década ominosa e fronte a violencia machista institucional á que someteu ás mulleres do ámbito rural ourensán, a Xunta tamén coaccionou a numerosos profesionais para que asinasen un documento no ámbito do CHOU, “respaldando unha resolución da que agora se retractan, causando con isto un fondo malestar ademais dun ridículo notorio en parte de ese colectivo”.

Segundo Villares, este conflito so pode resolverse definitivamente co cese inmediato de Félix Ruibal, o xerente da EOXI de Ourense, e coa dimisión do Conselleiro de Sanidade, “tanto por malicia como por notoria incompetencia á hora de xestionar esta crise”.

Decisións coma esta e os tumbos dados anuncian que o réxime de Feijóo toca ao seu fin. Decisións extravagantes como esta, na que se priva ás mulleres do rural ourensán de servizos básicos aos que teñen dereito como cidadanía que viven nun estado social, son un síntoma da decadencia: “O rei Feijóo está espido, pero ninguén, como neste caso, se atevía a dicirllo. Foi a cidadanía quen puxo no seu sitio ao Feijóo na rúa, e mañá farao nas institucións, mandando a oposición tras unha década ominosa de recortes e de perda de calidade de vida para a cidadanía de Galicia. En Marea estará aí apoiando decididamente ese cambio político”, concluíu Villares.

Let’s block ads! (Why?)

DEJA UNA RESPUESTA