Paula Verao e Davide Rodríguez presentan unha Proposición Non de Lei no Parlamento Galego para protexer os valores ambientais, paisaxísticos, etnográficos e culturais desta Reserva da Biosfera.

A Xunta De Galicia vai dar comezo ás obras de ampliación da estrada LU-231 entre Friol e Palas de Rei, dentro da Reserva da Biosfera, cortando as árbores das marxes, cun investimento de 6.000.000 euros.

Cando o proxecto foi exposto ao público, a Asociación para a defensa do Patrimonio Galego fixo as alegacións pertinentes -en tempo e forma-, acompañando informe dun doutor enxeñeiro de camiños que ditamina que haberá accidentes no futuro, por incumprir normas técnicas.

A obra é innecesaria, porque segundo informe que dispoñemos circulan 70 vehículos por hora, o que non causa problemas. A propia asociación aportou solucións técnicas para mellorar a estrada, coa mellora do firme e da sinalización, cuxo orzamento apenas chega ao 10% do que van gastar.

Nesta liña, En Marea vén de presentar unha iniciativa no Parlamento Galego para paralizar a actual mellora e para repensar o proxecto entre os técnicos de Medio Ambiente, Medio Rural, Patrimonio Cultural e da Asociación para a Defensa do Patrimonio Galego para que a mellora non supoña a tala das árbores da beira da estrada.

As reservas da biosfera son patrimonio da humanidade declaradas pola UNESCO/ONU polos seus valores patrimoniais co fin de conciliar a conservación da súa biodiversidade co uso sustentable, o desenvolvemento económico, a investigación e a educación.

En Marea defende o arranxo da estrada, argumentando que esta mellora é totalmente posible sen cortar ningunha árbore. De seguir co proxecto a Xunta de Galicia sería responsable directa dun atentando grave contra os valores ambientais, paisaxísticos, etnográficos e culturais desta Reserva da Biosfera.

Let’s block ads! (Why?)