O partido ten dúas iniciativas rexistradas no Parlamento Galego para rematar coa desigualdade territorial no acceso aos servizos sanitarios.

A situación de déficit de pediatras en Galicia non deixou de agravarse, o que significa que non todas as crianzas galegas poden acceder do mesmo xeito a un servizo básico. As razóns de fondo están na falta de planificación, a non creación con antelación das prazas MIR necesarias en pediatría e a falta de deseño da rede básica dos servizos sanitarios.

En ningún caso houbo unha planificación axeitada á realidade e necesidades por comarcas, organizando ben a agrupación de profesionais cando sexa necesaria, e facelo de xeito xusto (combinando esta medida con desprazamentos a Centros de Saúde rurais onde sexa necesario e con aumento do transporte público no rural), e, especialmente, a falta de oferta de prazas laborais con estabilidade e boas condicións, sobre todo na Atención Primaria e, en Primaria e Especializada nas comarcas rurais e hospitais comarcais.

O resultado en Galicia é unha desigual cobertura territorial e un déficit estrutural: en Atención Primaria, entre un 12 e un 13% das prazas de pediatría están cubertas por médicos/as de familia con especialidade en pediatría. Hai bos profesionais atendendo a estas crianzas, pero a realidade é que está corroborada a menor derivación, menor hospitalización e mellor control das patoloxías crónicas por parte de profesionais de pediatría, grazas á súa especialización.

Sobran exemplos de falta de pediatras, que se agravan durante os períodos de vacacións, pola non cobertura de ausencias. Esta situación repítese dende a Montaña luguesa á cidade de Vigo, pasando por Trives, Chantada, Fene, Verín, Barreiros, Cuntis, Cariño ou Mondariz. Hai profesionais traballando na Sanidade Privada ou na emigración, pois aumentou o número de solicitudes de profesionais para homologar titulacións no estranxeiro, sobre todo por parte de profesionais de menos de 35 anos, sendo a pediatría unha das especialidades que máis solicita estas homologacións para traballar fóra.

En Marea solicita solucións precisas de fondo, non ocorrencias puntuais, como a intentada pola Xunta coa figura da pediatra de área, rexeitada polas sociedades científicas de pediatría, pois reduce a especialización, ao obrigar a compatibilizar atención en Primaria e Especializada, con rotación de profesionais e menor retribución. Na mesma liña, tamén aposta por, ademais de formar pediatras, garantir boas condicións laborais para que queden a traballar no País, máis tendo en conta a elevada idade media dos e das profesionais e as previsibles xubilacións.

Asemade, hai que potenciar a estabilización en zonas rurais; compensando as maiores dificultades de prestación de servizos en determinadas comarcas, outorgándolle algunha vantaxe nas súas condicións laborais ás e aos profesionais. Outro aspecto necesario é potenciar a enfermaría especializada en pediatría, o que implica reducir a temporalidade e excesiva rotación do persoal de enfermaría.

En Marea ten rexistradas no Parlamento Galego dúas iniciativas, pendentes de ser debatidas na comisión correspondente, nas que recolle estas demandas para garantir o dereito a sanidade pública en todo o país e no caso particular de Ferrolterra. Ademais, xa defendeu nestes meses numerosas para manter servizos no rural de Ourense, como reabrir o paritorio de Verín ou na montaña luguesa pero, estas medidas non deixarían de ser “parches” ante un problema que é estrutural e que merece unha solución acorde a súa envergadura.

Let’s block ads! (Why?)