O concello de Touro sofre graves eivas nos servizos máis básicos, e que en moitos casos son causa de que moita xente decida ir vivir a outros concellos da comarca, afondando aínda máis a crise demográfica que padece.
No vindeiro ano a Xunta vai licitar os contratos do Mapa Concesional do Transporte Metropolitano de Galicia, e Touro ten actualmente un grave problema de mobilidade ó igual que outros moitos concellos do rural galego, mais isto non semella ser unha gran preocupación para o goberno do PP de Ignacio Codesido, que ante a oportunidade e necesidade de presentar unha proposta sólida ao novo plan de transporte metropolitano, decide non facer nada e non ten aínda proxecto ningún que presentar na xuntanza comarcal que terá lugar na consellería; proxectos que si teñen presentado outros concellos da comarca hai meses.

As conexións existentes entre Touro e Santiago son escasas e están mal estruturadas, non son efectivas pola escasa frecuencia nin polos tempos excesivos do traxecto, tampouco permiten a mobilidade interna e non cobren a meirande parte das parroquias, o que obriga á veciñanza a dispoñer de trasporte privado, cada vez menos accesible sobre todo polo avellentamento da poboación.

A Marea de Touro considera prioritario facer efectivo un Proxecto de Mobilidade que preste o servizo de xeito efectivo e dea solución ás necesidades da veciñanza, para ir traballar, para o estudo tanto obrigatorio como postobrigatorio ou para o lecer.

Un Proxecto de Mobilidade precisa de meses de traballo, dedicar recursos, de posta en coñecemento da veciñanza e recollida previa de propostas, etc. Para En Marea é inadmisible  que o goberno de Touro (PP) permaneza de brazos cruzados á espera do que as empresas privadas de transporte ofrezan. As empresas do transporte seguro que velarán polo seu rédito económico, non polo beneficio social e o interese da veciñanza, que é o que tería que estar defendendo o goberno local.

Esta situación é unha demostración máis da inoperancia e incompetencia do goberno popular encabezado por Codesido, que non ten un proxecto de goberno sólido, polo que a veciñanza sofre os problemas derivados dunha administración débil e ausente de ideas que permitan desenvolver as múltiples potencialidades da contorna.

DEJA UNA RESPUESTA