Luís Villares: “Feijóo fala con desfachatez dos extremismos mentres o seu partido susténtase en media España cos votos da extrema dereita, homófoba, machista e antiautonomista, sen abrir a boca para defender a igualdade, a tolerancia e o autogoberno”.

O voceiro de En Marea, Luís Villares, valorou o discurso de fin de ano do Presidente da Xunta de Galicia cun rotundo suspenso porque Feijóo “non aprendeu nada do que Galicia quixo ensinarlle nestes catro anos”. Villares asegurou que xa estan acostumados a que Feijoó se “apropie do público para darlle a volta á realidade do desmantelamento dos servizos públicos de Galicia”

En Galicia hai cada vez hai menos nenos e a Xunta se despreocupa polo futuro dos máis mozos, con taxas crecentes de desemprego e novas vagas de emigración por falta de expectativas sen que a xunta mova un dedo. No lugar de traballar para paliar este déficit o goberno de Feijóo “pecha servizos de pediatría e paritorios no rural, desmantelando toda posibilidade de facer a vida con normalidade e calidade e nega o ensino universal de 0 a 3 para que singularmente as mulleres podan conciliar e recuperar a súa carreira profesional”, indicou o voceiro.

Villares tamén fixo referencia ao auxe dos extremismos e criticou que Feijóo non se desmarque de verdade dunha ameaza contra a democracia e os Dereitos Humanos:  “Feijóo fala con desfachatez dos extremismos mentres o seu partido susténtase en media España cos votos da extrema dereita, homófoba, machista e antiautonomista, sen abrir a boca para defender a igualdade, a tolerancia e o autogoberno.

Pero se algo preocupa a En Marea é o abandono dos intereses e das necesidades dos galegos e das galega por parte dunha Xunta máis centrada en criticar a outras administracións que en facer os deberes que lle corresponden: “o mesmo Feijoo que no parlamento vota en contra de promover o tren de cercanías en Galicia  e de asumir as competencias ferroviarias logo se laia do que non fan outras administracións; o mesmo Feijóo que non moveu un dedo durante dez anos ante o peche inminente das Pontes agora se laia de non haxa alternativas, mentres nos orzamentos non dota nin un euro para a reconversión industrial en clave de transición enerxética xusta”.

Feijóo reivindica no seu discurso aos emigrantes que hai cen anos construíron a escola da que fala, “pero silencia aos emigrantes de hoxe en día, unha sangría de exiliados e exiliadas económicas, que deixaron a terra non porque quixeran, senón porque o seu goberno lles negou a esperanza dun futuro mellor en Galicia” continuou Villares antes de subliñar que o discurso do Presidente tampouco hai ningunha mención as emerxencias que padece o noso país: “Galicia vive en situación de emerxencia social nas súas persoas maiores e mozas, esquecidas no discurso; de emerxencia feminista, nas mulleres vítimas da desigualdaes, silenciadas no discurso e de emerxencia climática, e sen plan B para o noso futuro”.

Por último, o voceiro adiviñou un suspenso rotundo en 2020 para “o Feijóo que di ser alumno de Galicia”, porque non atendeu a ningunha das leccións de dignidade que a cidadanía galega lle deu estes catro anos, pedindo emprego de calidade, sanidade pública, educación gratuíta e universal, igualdade entre mulleres e homes e compromiso ambiental: “non escoitou a oportunidade que lle pedía Galicia. Suspenderá o exame porque non aprendeu nada do que Galicia lle quixo ensinar nestes catro anos. Foi un discurso de despedida de ano, foi un discurso de despedida forzosa de Feijóo”.

Let’s block ads! (Why?)