O pasado mes de maio aprobábase por unanimidade no Parlamento de Galicia a iniciativa de En Marea na que se instaba á Xunta de Galicia a acometer de inmediato a dragaxe do porto de Tupide. Así mesmo, o grupo de En Marea consideraba necesario que a Consellería do Mar presentase un proxecto, acompañado de cronogroma e partidas orzamentarias, para acometer melloras integrais de calado e abrigo en dito peirado xa que o chamado “Porto Chico”, ademais da dragaxe, precisa un cambio na súa configuración, para mellorar as condicións de abrigo e de seguridade.

A realidade do Porto Chico, ou peirao de Tupide, en Foz, que sirve de porto deportivo, orixina múltiples prexuízos, pois as embarcacións instaladas no mesmo, que pagan as correspondentes taxas polo atraque, sofren estragos durante os temporais, optando mesmo por subir a terra as lanchas ou trasladalas ao porto pesqueiro como lembrou a deputada Paula Vázquez Verao.

Cómpre lembrar que a Asociación A Ribeira de Foz ten presentado ante a Consellería do Mar unha proposta de actuacións de mellora do Porto Chico, consistente en modificar o espigón, de xeito que, ademais, melloraría a seguridade da praia de Tupide, pois actualmente as embarcacións acceden ao porto por diante da praia, con situacións de perigo para bañistas.

O dragado dos fondos mariños foi realizado en conxunto e aumentáronse 40 prazas de amarre en Tupide, pero falta cumprir o compromiso da Consellería do Mar con respecto a facer os estudos necesarios para acometer melloras integrais no porto de Tupide: dragado do propio porto e melloras de abrigo, modificando o espigón. Ademais, nunha resposta a unha pregunta rexistrada por En Marea no Parlamento de Galicia, a Consellería asegurou que estas 40 prazas son suficientes, cando a falta de prazas de amarre continúa sendo un problema en toda a Mariña.

Dende En Marea amosaron a súa preocupación por que a Consellería non teña en conta a proposta integral de mellora do porto de Tupide, pois nas respostas que nos ten trasladado a preguntas realizadas no Parlamento (a última delas respondida neste mes de outubro) non se pronuncia especificamente sobre a proposta que a Asociación A Ribeira de Foz lle ten remitido con melloras para dito peirao.

Por este motivo, o grupo de En Marea ven de rexistrar unha petición á Xunta para que traslade un cronograma de actuacións para a mellora integral do Porto de Tupide, das súas condicións de calado, abrigo e seguridade.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario