Segundos os últimos datos publicados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, máis do 76% dos desafiuzamentos producíronse no país durante o segundo trimestre do ano por falta de pagamento de aluguer, un drama evitable que segundo Antón Sánchez, portavoz nacional de Anova, afunde as súas raíces na negativa das Administracións galega e Central a aplicar políticas fiscais sobre a vivenda baleira conculcando desta maneira o que é un dereito básico para a cidadanía.

Antón Sánchez reclama a mobilización urxente do parque de vivenda baleira para atender a urxencia social / Anova

Sánchez, que foi deputado no Parlamento galego nas IX e X lexislaturas e recoñecido pola súa gran sensiblidade social atende a contrainformacion.es recordando que, a día de hoxe, aos grandes tenedores estalles a sair gratis o feito de non cumprir coa función social da vivenda nunha situación onde hai miles de inmobles sen uso nas cidades mentres os alugueres seguen nunha escalada da que non se atisba o seu fin.

-Por que lle das tanta importancia á vivenda na túa actividade política?

Fundamentalmente porque é un dos factores fundamentales polos que moita xente, cada vez máis, non pode ter unha vida digna. Ano tras ano, centos de persoas son expulsadas das súas casas ou teñen dificultades para pagar a hipoteca ou aluguer, o que significa recortar noutros gastos como alimentación, sanidade, educación ou enerxía, e a día de hoxe é un dos principais escollos da mocidade para emanciparse e un dos principales factores que provocan desigualdade, pobreza e exclusión social, como ven de sinalar un recente informe da Fundación FOESSA sobre a pobreza.

Isto non é unha desgraza natural, senón froito de políticas aplicadas dende hai décadas no Estado español e en Galiza, que poñen por diante o negocio especulativo aínda que o custe a pagar sexa os graves danos persoais que provoca. Por iso as solucións tamén son políticas.

-Falas de que as causas son políticas, pero pero cales son as políticas concretas que crees causan a situación actual de suba de prezos e as dificultades que cada vez ten máis xente para manter a súa vivenda?

Por desgraza, as Administracións procuraron maioritariamente políticas que mantiveran ou incrementaran o valor da vivenda como negocio, e de aí derívanse todas as medidas das chamadas políticas da vivenda. Todas en función de que non se veña abaixo o negocio, nunca en función de garantir o dereito á vivenda. Ao final o que fan os Gobernos, por exemplo o galego, explícase por isto.

Por que non se aposta por un parque público de vivenda con prezos sociais? porque ademáis de ser a solución para moita xente que hoxe non alcanza a pagar un alugueiro sería un elemento regulador dos prezos, xa que si hai un número signiticativo de vivendas públicas o mercado arrefriaría. E iso é unha liña vermella que por suposto a Xunta de Galicia non quere traspasar aínda que teña un custe social tremendo, o que se traduce en moito sufrimento.

Por que se rescatan os bancos a través da SAREB comprando as vivendas que non querían e lastraban os seus balances e despois non se utilizan para darllas á xente que as necesita? pois para non baixar os prezos do mercado. Os bancos dixeron: «cómprasme os activos tóxicos pero non fagas vivenda pública que me baixas os prezos dos pisos cos que me quedo». Privatizar os custes e socializar as perdas, como sempre.

E así tamén se explica porque non hai unha política fiscal que grave a vivenda baleira dos grandes posuidores ou non se regulan os alugueiros porque se lle dan beneficios fiscais ás SICAVs, etc.

No caso da Xunta de Galicia, ademáis, dende a chegada do PP ao Goberno redúcíronse os orzamentos drásticamente e por riba, ano tras ano, as políticas de vivenda son as que menor nivel de execución teñen.

De feito, hai tres anos impulsei un acordo parlamentario para crear un imposto autonómico á vivenda baleira dos grandes posuidores e a día de hoxe estase a incumplir porque nada puxo en marcha o goberno de Feijoo. Tamén hai que dicir que o Goberno español tampouco avanzou nada neste aspecto.

Feijóo tivo claro que intereses defender. Dende que chegou ao poder frenou radicalmente a promoción de vivenda con algún tipo de protección. Entre outros factores reducindo potestativamente, por Lei, as reservas de solo para vivenda de protección nos plans xerais.

É unha estafa impresentable que haxa 15.000 persoas en Galiza inscritas no Rexistro Oficial de Vivenda de Protección, a maioría xente nova, dos cales o 80% queren unha vivenda pública en alugueiro porque non poden acceder a unha hipoteca porque os prezos son inalcanzables coa precariedade laboral que sofren. Pola contra, nos últimos cinco anos a media de vivendas de protección rematadas a nivel galego é tan só de 70. Cando se di que este Rexistro é un instrumento para coñecer a demanda e actuar en consecuencia e despois sabendo que miles de persoas precisan vivenda pública nada ser fai. Iso é un engano masivo.

-Consideras que o Goberno español está a mudar estas políticas?

Polo de agora non, en absoluto. O PSOE foi partícipe no Estado do mesmo modelo con algunha diferencia de matiz. Agardaremos a ver si é certo que se aproba unha nova Lei de vivenda que cambie as cousas pero ata agora a nivel fundamental non se move nada.

A verdade, creo que só cunha ampla resposta popular e organizada da xente poderanse conquerir cambios porque estámonos a enfrontar a un dos grandes negocios do capitalismo e do capitalismo cañí que forman grandes lobbies de presión e que manexan ou condicionan as políticas das Administracións.

Como é posible que coas cifras que hai de desafiuzamentos, de pobreza, de dificultades para a xente moza e traballadora, non se utilicen os fondos europeos para artellar un plan de adquisición de vivenda pública?

A Xunta de Galicia pon ao frente da xestión destes fondos a ABANCA e está disposta a darlle centros de millóns a Inditex ou ao oligopolio eléctrico, pero non quere utilizar eses fondos para ter esa vivenda de alugueiro que reclama a xente. Para colmo da indecencia, ademáis, a Xunta adícase a facer campañas alarmistas e mentireiras sobre a ocupación co obxectivo de tapar as súas verdadeiras políticas.

Porque prefiren non falar da ausencia de vivenda pública, do fiasco do Programa de Vivendas Baleiras, que mobilizou 30 vivendas, 30!, en seis anos, ou de que incumpren un acordo do Parlamento de Galicia para crear un imposto autonómico á vivenda baleira dos grandes posuidores. Nisto hai que sinalar que ademáis do incumprimento do Goberno do PP en Galicia, PP e PSOE levan 17 anos bloqueando a posibilidade de que os concellos que o desexen poidan aplicar recargos no IBI á vivenda desocupada de grandes posuidores. Como pode mobilizarse a vivenda baleira si lles sae gratis telas desocupadas?

-Cal crees que é o camiño para mudar ese modelo?

É fundamental promover un parque público de vivenda de alugueiro significativo que, como dixen, sirva para dar solución a moita xente, pero que sexa tamén válido como elemento para regular o mercado.

Penso que teñen que actuar todos os niveis da Administración. Por exemplo os concellos tamén teñen que asumir responsabilidades, e preferentemente debería ser a través da mobilización e rehabilitación da vivenda baleira.

Ademáis, é fundamental ter unha política de impostos ás vivendas baleiras dos grandes posuidores, incrementar a reserva do solo para vivenda pública nos plans xerais dos concellos, eliminar os privilexios fiscais das SICAV e dos fondos voitre…

A dificultade non só é técnica. O problema é que hai que ter vontade política e asumir que haberá conflito cunha parte importante do poder económico, pero é que estamos a falar dun dereito humano. Neste senso hai que considerar que o principal colectivo afectado son mulleres con nenas e nenos a cargo e moitas veces pasan por varios desafiuzamentos, o que marca definitivamente as súas vidas. Isto é algo totalmente inaceptable.

-Falaches tamén de «transferencia de rendas da xente traballadora ás granes fortunas que especulan coa vivenda».

Cando a esquerda fala de combatir a desigualdade non se debe quedar só nos grandes enunciados, senón que hai que saber traducir as palabras en medidas concretas que combatan realmente a desigualdade e a pobreza que xera.

A realidade é que aínda que hai outros como o actual sistema eléctrico español este modelo de vivenda é unha máquina de xerar desigualdade, pois o balance neto do mercado da vivenda é unha transferencia de abaixo arriba, das clases baixas ás altas, e polo tanto si nos últimos cinco anos en Galiza os alugueiros nas cidades subiron un 20% e os salarios non medraron, o resultado é que na mocidade increméntase a precariedade cun tremendo impacto social.

Así hai desafiuzamentos e retrásase a idade á que unha persoa moza pode emanciparse, e esta mesma persoa remata por copartir piso e recortando doutros gastos tamén básicos como calefacción ou alimentación.

Por iso as políticas públicas de vivenda son as que teñen máis sentido, para quitarlle o control aos especuladores ou polo menos atenuar o seu poder, sendo tamén fundamentais para loitar contra a desigualdade social e económica. E iso na esquerda témolo que ter sempre entre cella e cella.