Iria Bouzas

Cando te enfrontas por primeira vez ao universo do Inspector Carlos Manso o que máis me chama a atención é esa mestura de derrota persoal do protagonista, que vén de ver o peor da sociedade no seu traballo como policía, coa súa incapacidade para aceptar a inxustiza e a súa necesidade de protexer aos máis vulnerables.

Manuel Esteban é un escritor atípico. Presentou a súa primeira novela ao premio Xerais no ano 2016 e esqueceuse de que o mandara porque non tiña ningunha expectativa de quedar finalista. Non só o conseguíu, ese ano foi o gañador do prestixioso premio que concede esta editorial que publica na lingua galega.

Hai moitos médicos coma el comprometidos na loita social e tamén hai algúns que ademais de exercer a súa profesión ás veces escriben, pero a particularidade de Manuel é que é un escritor que aínda ve a literatura desde o punto de vista do acérrimo lector que sempre foi e iso fixo que as suas dúas primeiras novelas, A Ira dos mansos (Xerais, 2016) e O meu nome é Ninguén (Xerais, 2018), sexan, ademais dunhas historias adictivas, un exercicio de honestidade literaria.

Como che enfrontas á creación dun personaxe con tantas caras e tantas facetas?

Pois non hai unha resposta sinxela, cando empecei a escribir “A Ira dos Mansos” pretendía facer un esbozo, un conto de duas carillas nas que un inspector de policía atopábase co cadáver dunha rapariga con Síndrome de Down. Nese momento a idea era só a de escribir un conto máis dos que escribía naquela época para transmitir ideas a outros pais que, como eu, tiñan fillos con Síndrome de Down.

Quería presentar ao personaxe de Carlos Manso como un policía rudo e bronco pero non fun capaz. A medida que o escribía, o inspector foi modelándose e terminou sendo algo a medio camiño entre o que ía ser e o que eu lle acheguei da miña parte. E é nesa metade do camiño onde nos atopamos el e eu e onde quedou definido este personaxe poliédrico.

De momento publicaches dous libros, A Ira dos Mansos e O meu nome é Ningúen. Ambos co mesmo protagonista e cunha característica en común, as novelas van moito máis alá de ser só novelas negras, hai un pouso de reivindicación social moi grande en ambas. Pódese dicir que os monólogos internos de Carlos Manso ante a inxustiza e a crueldade son unha expresión do que ti necesitas dicir ao mundo? Escribes a novela para falar das persoas con Síndrome de Down ou é que falas das persoas con Síndrome de Down e isto termina sendo unha novela?

En parte son monólogos internos pero non en tódolos casos. Á fin e ao cabo, Carlos Manso é un personaxe e ten certa parte de entidade propia, pero é verdade que me axuda a proxectar o que era eu antes de que nacese o meu fillo e o que vexo na sociedade que, aínda que en xeral non ten a intención de facer dano ás persoas con discapacidade intelectual, si que as mira cun certo desdén.

Ten en conta unha cousa. A min o traxe de escritor aínda me tira do escave, se me considero verdadeiramente que son algo é que son un lector. No proceso catártico que me levou a escribir “A Ira dos Mansos” descubrín o pracer de escribir, así que aínda que o motor orixinal era falar da Síndrome de Down, até que terminei a primeira parte non me dei conta de que estaba a escribir unha novela. De feito tardei en deixar de pensar que era un conto que me estaba quedando moi longo.

O teu estilo literario é directo e honesto, consegues levar ao lector dun lado a outro de Vigo (cidade onde transcorren ambas as novelas) acompañando ao protagonista nas súas investigacións facendo que todo pareza transcorrer dunha forma natural. Inflúe en algo a túa formación como médico nesta forma de escribir que non require de artificios para enganchar na historia?

Pode ser. Quizais é raro que un escritor diga que é de ciencias pero si, eu son de ciencias e quizais ao escribir plasme o meu punto analítico, pero creo que o que predomina por encima de todo cando escribo é o meu traxe de lector.

Eu escribo e cando releo métome moito máis na pel do lector que do escritor e creo que de aí sae o que ti defines como honestidade e eu chamaría inconsciencia porque ao final escribo desde a desinhibición frontal absoluta. Eu son consciente de que non podo achegar nada desde o punto da ortodoxia literaria, o que creo que podo achegar eu é ao escribir exactamente o que a min me gustaría ler.

Na túa segunda novela, O meu nome é Ninguén, vas un paso máis aló. É un libro onde se mesturan o poder, os abusos, o silencio e a complicidade da contorna á investigación dun crime e ás reivindicacións sociais. Crees que deches un salto como autor desde a primeira novela?

Si, e ademais desde varios puntos de vista.

En “A Ira dos mansos” xamais pensei que aquilo fóra a ver a luz. Escribina para min e para o meus pero en “O meu nome é Ninguén” xa sabía que ma ían a publicar.

O retorno que tiña da primeira era que á xente gustáballe sobre todo era o personaxe de Manso, así que decidín que na segunda ía explorar o personaxe para ver ata onde podía chegar con el e así me dei conta de que xurdían moitas capas que son as que ten este segundo libro.

Por unha parte está o desenvolvemento do personaxe, pero doutra banda está a parte social e de reivindicación que non se podía quedar ao marxe.

Ás veces véñome arriba escribindo con pouco filtro e quixen tratar, a través deste personaxe, temas como a morte ou a soidade, que son temas moi transcendentais pero que me resultan moi divertidos de escribir.

Persoalmente, como lectora e como Viguesa, atopei moitos paralelismos entre a personalidade de Carlos Manso e a personalidade da cidade onde transcorren as súas aventuras, Vigo. É posible que exista un parecido entre ambos?

A verdade é que non me molestei moito en buscar escenarios moi exóticos. Eu vivía en Vigo e tirei do que tiña a man.

Pero é verdade que me dei conta a posteriori de que Vigo adopta ese ton gris de Carlos Manso. E conste que reivindico a beleza do gris e de todos os matices do gris pero probablemente si, hai algo de proxección do personaxe na cidade e da cidade no personaxe. Supoño que se pode dicir que Vigo é case outro personaxe do libro.

Carlos Manso conecta moito cos lectores. Vas volver a darlle vida nalgunha outra historia?

De momento apetéceme seguir, resúltame un personaxe moi entretido que á xente gústalle e co que creo que aínda teño cousas que dicir.

Cónstame que hai moita xente que che preguntou xa polo mesmo visto o éxito da novela en Galicia, vas traducir pronto ao castelán?

Pois a verdade é que me encantaría e hai plans de facelo, pero de momento estou encantado de que Carlos Manso viva en galego.

Ti non pareces un autor ao uso, es un médico que escribe novela negra e de súpeto atópase no medio dun grupo de escritores galegos “novos” que conseguen enganchar a un público que non sempre leu en lingua galega, marea un pouco ou a experiencia engancha?

Desde logo, engancha. Eu, que me pasei media vida perseguindo autores de feira en feira para que me asinasen os libros, isto é incrible.

Pero é verdade que eu son de perfil máis ben tranquilo e isto ten un punto de mareo e aínda me custa crer cando alguén me di que lle gustou un libro meu.

 

Despois de escoitar a Manuel dicir que a experiencia de escribir engancha non podo evitar pensar que a que quedou enganchada lendo os seus dous libros, capítulo tras capítulo sen ser capaz de deixalos ata terminalos do tirón, fun eu.

Foi un enorme pracer falar con Manuel e comprobar que en breve voltarei atoparme con Carlos Manso e vereime arrastrada con el a algunha nova investigación.

Ata que chegue este terceiro libro, recoméndovos de todo corazón ler os dous primeiros, se aínda non o fixestes, estades a tempo de coñecer a un dos personaxes máis redondos que eu me atopei nos últimos tempos.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario