O permanente cambio nas cifras de emprego e investimento que Cobre San Rafael está a levar a cabo como promotora do proxecto denota, para a Plataforma veciñal Cornado Mina Non “o carácter puramente especulativo dun proxecto rexeitado maioritariamente pola sociedade galega“.

Manifestación contra a mina de Touro / CIG

Para o colectivo “a realidade desminte as promesas de emprego, investimento e restauración ambiental” da empresa para a mina de Touro, logo de falar públicamente a empresa e as súas fontes dende marzo de 400, 400, 1.600, 1.000 e 2.000 empregos. Agora, favorecendo unha vez máis a confusión, a patronal de industrias do metal (Asime) anuncia que serán 1.700 postos de traballo

Cos números do investimento a situación non cambia moito, con cifras que oscilan entre os 200 e 400 millóns de euros e os 2.540 actuais a partir dos datos dunha suposta consultora, que para a agrupación veciñal non deixa de ser “unha entidade pantasma” anunciada pola empresa. Estes feitos, para Cornado Mina Non “demostran que o proxecto, por riba de todo, é claramente especulativo, non real, e que as promesas de Cobre San Rafael son calquera cousa menos fiables”.

A PROMESA DE RESTAURACIÓN AMBIENTAL E A MINERÍA DE “TRILEIROS”

Mentres cobre San Rafael utiliza os tan manidos conceptos pola industria mineira de “máximo respecto aos estándares medioambientais” ou “filosofía de vertedura cero”, Cornado Mina Non recorda que as súas empresas matrices -Atalaya Mining e Explotaciones Gallegas- son coñecidas por acumular denuncias e expedientes sancionadores “polas numerosas irregularidades ambientais e administrativas cometidas ao longo do tempo”.

Por iso califican de “irresponsabilidade” o “compromiso” cunha “industria mineira sostible” que fai Asime cando mesmo en Andalucía a Fiscalía ven actuando “de maneira contundente” nos últimos anos contra o proxecto “estrela” de Atalaya Mining, Riotinto, “polos seus graves incumprimentos en materia de seguridade laboral e protección medioambiental”, recibindo asemade diversos expedientes sancionadores por parte da Junta de Andalucía. E por si fora pouco a súa media laranxa, Explotaciones Gallegas, recibiu nos últimos anos ata catro multas por parte de Augas de Galicia por un valor superior aos 60.000 euros polas súas continuas verteduras de augas residuais dende as súas instalacións situadas na antiga mina de Touro.

Por todos estes motivos, que para a entidade veciñal son de coñecimento “público e notorio”, queda demostrado que “a realidade desminte claramente as promesas de emprego, investimento e restauración ambiental de Cobre San Rafael e os seus socios” ao tempo que valoran que “pretenden coaccionar á sociedade condicionando a restauración ambiental dos terreos afectados obligatoria por Lei e previa a calquera tipo de proposta extractiva” levando a cabo unha sorte de “minería de trileiros” que parece non ter en conta “que ao igual que miles de persoas nas rúas, dúas deputacións e 45 concellos galegos xa dixeron non ao proxecto”.

DEJA UNA RESPUESTA