Esquerda Unida súmase á mobilización que terá lugar este xoves 28 ás 11.30 horas diante da Reitoría (Colexio San Xerome), así como as diferentes accións reivindicativas e de protesta que está a levar a cabo a Asemblea de Investigadoras de Compostela (AIC) e que teñen como fin rematar coa discriminación salarial e laboral que está a sufrir o persoal investigador, de xestión e técnico na USC.

Este colectivo está a reclamar a fin da fenda salarial que sofre (e que fai que, por exemplo, unha persoa de convocatorias FPI ou FPU perciba 1.000 euros anuais menos que outras da súa mesma categoría laboral). Tamén reivindican o dereito ás subas anuais que si teñen as demais persoas que traballan na USC, así como o dereito a percibir unha indemnización por extinción de contrato cando rematan. Pola súa parte, denuncian tamén a súa precarización a favor do “enriquecemento da USC”, que recibe 1,3 millóns de euros da Xunta pola captación de talento investigador, unha partida orzamentaria que non lles repercute.

Fai unhas semanas, a senadora de En Marea e membro da dirección de Esquerda Unida, Vanessa Angustia, fíxose eco destas demandas do colectivo investigador, e reivindicou que “a carreira investigadora non pode seguir sendo sinónimo de precariedade”. “Precisamente, polos salarios que están a percibir, moitas investigadoras e investigadores están emigrados”, polo que reivindicou a necesidade de que “se lle poida dar continuidade ao seu traballo investigador e ás súas carreiras, así como posibilitar o seu retorno nun futuro próximo”. Por todo isto, dende Esquerda Unida apoiamos a mobilización do persoal da USC para esixir dignidade investigadora e docente.

Vídeo Recomendado:

Deja un comentario