Dende Esquerda Unida demandamos o reforzo do Servizo de Atención no Fogar (SAF) na situación de emerxencia que vivimos, máis alá das competencias administrativas,  a Xunta de Galicia debe garantir a asistencia de todas aquelas persoas que precisan desta prestación social dada a súa situación de necesidade.

O número de persoas maiores que viven soas en Galicia, segundo o INE vai en aumento e superan as 100 mil, o estado de alarma provocou o peche de centros de día trasladando este servizo no domicilio que non suple a necesidade real de todas aquelas persoas pendentes de resolver a situación.

O servizo de axuda no fogar é unha prioridade e un servizo esencial, máxime nunha comunidade na que a porcentaxe de persoas avellentadas e en situación de dependencia é moi elevada. Por todo isto, a Xunta de Galicia deber asumir e actuar con responsabilidade e dotar de medios humanos e materiais para dar cobertura á atención a domicilio para que ninguén poida quedar atrás neste momento de crise sanitaria.

No plano laboral, a prevención debe ser extrema para evitar a propagación da infección por Covid19 xa que as traballadoras acceden diariamente a diferentes domicilios de persoas con patoloxías previas ou de avanzada idade e polo tanto de elevado risco en caso de contaxio. Polo que tamén é necesario que se leve un control sobre o cumplimento das medidas en materia de saúde laboral. 

Tal como levan denunciado as traballadoras deste servizo maioritariamente privatizado en Galicia, no que a precariedade laboral se apropia dun servizo esencial, nin a xornada laboral nin os medios de protección son os adecuados para desempeñar o traballo nas condicións requeridas ante a pandemia.

Polo que dende Esquerda Unida instamos á Xunta de Galicia a que actúe e garanta a dotación de medios humanos e materiais para cubrir as necesidades básicas no Servizo de Atención no Fogar.