Esquerda Unida súmase e chama a participar na mobilización convocada pola Plataforma veciñal Mina de Touro-O Pino NON, a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa (PDRA), xunto a máis de 40 colectivos, que terá lugar este domingo 10 de xuño en Compostela coa fin rexeitar o proxecto de mina de cobre a ceo aberto que promoven as empresas Explotaciones Gallegas e Atalaya Mining. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda e rematará na Praza do Obradoiro.

Dende Esquerda Unida temos claro que, de levar a cabo a construción desta mina, as consecuencias ambientais serán gravísimas e condicionarán toda a vida futura nas zonas de Touro-O Pino, poñendo en perigo toda a actividade socioeconómica que hai na pesca e na agricultura. Ademais sorprende a inacción da Xunta de Galicia aínda cando Augas de Galicia vén de confirmar que todos os ríos e regatos que arrodean a antiga mina de cobre de Touro-O Pino están contaminados.

Por todo isto, dende Esquerda Unida chamamos á participación masiva na mobilización, coa fin de facer presión social para evitar que a Xunta autorice este proxecto mineiro, denegando a autorización solicitada polas empresas e que non permitan a utilización dos nosos recursos a empresas foráneas, con consecuencias moi negativas para as vindeiras xeracións. Na mobilización participarán os membros da executiva de Esquerda Unida.

 

 

Mobilización: “Mina de Touro-O Pino Non”

 

Data: Domingo, 10 de xuño.

Lugar: Alameda de Santiago de Compostela.  

Hora: Ás 12 horas.

Deja un comentario